As mulleres representan ao redor do 20% das persoas sen fogar en Galicia, unha porcentaxe reducida que, con todo, agacha algunhas realidades preocupantes. A primeira é que as mulleres que se atopan nesta condición adoitan sufrir situacións máis graves, sendo habitual que sexan vítimas de violencia de xénero, de violencias sexuais e da prostitución. Ademais, moitas mulleres atópanse nunha situación de "senfogarismo oculto", pois adoitan apoiarse máis que os homes nas familias e coñecidos para escapar da rúa, antes que recorrer aos servizos sociais.
As mulleres que se atopan nesta condición adoitan sufrir situacións máis graves, sendo habitual que sexan vítimas de violencia de xénero, de violencias sexuais e da prostitución
En xeral, existe un gran descoñecemento sobre a realidade das mulleres que se atopan en situación de senfogarismo, con causas e condicionantes diferentes aos dos homes sen fogar. Para corrixir estas eivas, a Consellería de Política Social levou a cabo un Estudo sobre senfogarismo feminino e violencia de xénero en Galicia, no que colaborou un equipo de investigación da Universidade de Santiago coordinado por Emilia Vázquez-Rozas. O estudo analiza os datos estatísticos e investigacións previas e completou este traballo con entrevistas a traballadoras e educadoras sociais, responsables de centros de acollemento e atención e cuestionarios ás propias mulleres sen fogar usuarias destas instalacións.
Moitas están nunha situación de "senfogarismo oculto", pois apóianse máis que os homes nas familias para escapar da rúa, antes que recorrer aos servizos sociais
A investigación incide, ademais, no papel que xoga a violencia de xénero como un factor que en moitas ocasións empurra a mulleres á exclusión e á necesidade de vivir na rúa. E, ademais, como unha consecuencia derivada desta situación. Conclusións semellantes ás que apuntaba nesta entrevista a psiquiatra galega Lucía del Río: "Das persoas sen fogar só o 20% son mulleres, pero sofren situacións máis graves".
"As traxectorias de senfogarismo son diferentes entre mulleres e homes, polo que as necesidades de ambos os dous sexos non son completamente iguais"
O estudo insírese no Plan de atención ás persoas sen fogar en Galicia 2019-2023, aprobado pola Consellaría de Política Social, e que incorpora a perspectiva de xénero, que destaca que "tanto o coñecemento que hai sobre o senfogarismo como a resposta que se dá ás persoas nesa situación están orientados a unha poboación maioritariamente masculina" e lembra que "as traxectorias de senfogarismo son diferentes entre mulleres e homes, polo que as necesidades de ambos os dous sexos non son completamente iguais". "As mulleres sen fogar foron invisibilizadas, o cal ten consecuencias nas políticas de intervención", sinala Emilia Vázquez-Rozas na introdución do estudo.
Unha peor situación de partida: as causas do senfogarismo feminino
No estudo destácase un incremento nos últimos anos do número de mulleres en situación de senfogarismo. Do total de mulleres sen fogar, máis da metade (53%) afirma estar vivindo en institucións de réxime aberto ou centros de acollida; un 25% atópase en situación de rúa e un 16% reside en vivendas ocupadas ilegalmente.
Do total de mulleres sen fogar, máis da metade (53%) afirma estar vivindo en institucións de réxime aberto ou centros de acollida; un 25% atópase en situación de rúa e un 16% reside en vivendas ocupadas ilegalmente
Os factores que empurran a unha persoa a vivir na rúa adoitan ser múltiples, dende os puramente económicos ata os relacionais, pasando por circunstancias persoais, entre os que figuran as adiccións, os problemas de saúde e tamén a violencia de xénero. As mulleres parten dunha situación económica máis negativa que os homes, con peores datos de inserción laboral (maior taxa de paro, maior temporalidade e maior porcentaxe de empregos a tempo parcial...), unha maior dedicación a actividades non remuneradas (entre elas o coidado de menores e dependentes) e, en consecuencia, peores pensións e outras prestacións. Polo tanto, son máis as mulleres en situación de pobreza, especialmente cando teñen fillos e fillas ao seu cargo.
O estudo alerta dun incremento nos últimos anos do número de mulleres sen fogar menores de 30 anos
O estudo alerta dun incremento nos últimos anos do número de mulleres sen fogar menores de 30 anos. En moitas ocasións trátase de mozas que finalizaron a súa etapa como menores tuteladas e que "sen un proxecto vital para a súa maioría de idade, teñen un maior risco de sufrir senfogarismo". Tamén aumenta a cifra de mulleres sen fogar maiores de 65 anos, que sofren as reducidas contías das pensións de xubilación femininas. Medra, así mesmo, o número de mulleres con problemas de saúde mental sen diagnóstico ou tratamento e das que teñen adiccións. Con todo, non todas pertencen a perfís de contornas desestruturadas. Moitas chegan a atoparse nesta situación tras perder o seu traballo e despois de que a súa rede próxima presente deterioración económica.
As mulleres, a diferenza dos homes, "tenden a confiar más no apoio dos familiares ou coñecidos", e só recorren aos servizos sociais "cando esas canles se esgotan", o que provoca que moitas mulleres estean nunha situación de senfogarismo “oculto”
No estudo destácase que as mulleres, a diferenza dos homes, "tenden a confiar más no apoio dos familiares ou coñecidos, e só recorren aos servizos sociais cando esas canles se esgotan", o que provoca que moitas mulleres estean nunha situación de senfogarismo “oculto”. Trátase de estratexias desenvolvidas polas propias mulleres para evitar chegar á rúa, e estas mesmas estratexias teñen dificultado o coñecemento de moitas situacións. "Non é que antes non houbese mulleres sen fogar e con necesidade de axuda, senón que non eramos tan conscientes de que existían. Agora que esgotaron todas as posibilidades de apoio da súa propia rede, vense obrigadas a buscar solucións desde a propia rúa", sinálase.
Obsérvase tamén un aumento do senfogarismo feminino encuberto, como o traballo de internas ou a prostitución encuberta (por exemplo mulleres que viven nos pisos ou nos propios clubs pagando un aluguer aos seus xefes). Así mesmo, medrou moito nos últimos anos o número de mulleres sen fogar que residen en vivendas ocupadas ilegalmente.
Incidencia da violencia de xénero
Pero, ademais, o estudo que vén de publicar Política Social alerta da importancia que nestas situacións xogan outros factores, como a violencia machista. O 71% das usuarias dos servizos de atención a persoas sen fogar é vítima de violencia de xénero, segundo unha enquisa distribuída entre as propias usuarias. Delas, o 93,8% afirmou que esta violencia fora exercida pola súa parella, e un 31,3%, a maiores, sufriu violencia de xénero no seo da súa familia. O 33% nunca o denunciou.
O 71% das usuarias dos servizos de atención a persoas sen fogar é vítima de violencia de xénero
Algunha das expertas que participaron no estudo sinala que as mulleres vítima de violencia de xénero "poden perder as súas redes de seguridade e chegar a verse sen fogar" e que a posición de inferioridade con respecto ao home na que se pode atopar unha muller vítima de violencia de xénero "provoca que a súa situación persoal desemboque na perda da propia vivenda e das rendas do seu proxecto vital". Engaden que “a falla de oportunidades sociais e económicas, sumado ao rol arrastrado polas mulleres de amas de casa e coidadoras principais de persoas menores e dependentes, fai que, dada a situación de violencia de xénero, os recursos para a saída de xeito autónoma se presenten máis limitados”.
As mulleres vítima de violencia de xénero "poden perder as súas redes de seguridade e chegar a verse sen fogar"
Alértase, ademais, de que na actualidade os recursos da rede de protección a mulleres vítimas de violencia de xénero non están preparados para dar resposta a aquelas que arrastran múltiples problemas (senfogarismo, inestabilidade residencial, adiccións, problemas de saúde mental...). "Deberíanse xestionar respostas máis rápidas para as mulleres, para garantirlles un aloxamento alternativo e seguro", sinálase.
O estudo incide igualmente en que o senfogarismo tamén é causa de violencia de xénero, sobre todo cando as mulleres están en situación de rúa
O estudo incide igualmente en que o senfogarismo tamén é causa de violencia de xénero, sobre todo cando as mulleres están en situación de rúa. As mulleres séntense desprotexidas na rúa ou durmindo en albergues e o estudo sinala que é frecuente que as mulleres sen fogar "establezan relacións cun home para que as protexa nesa contorna hostil", tendo moitas veces unha relación de parella forzosa que pode derivar na prostitución e moi frecuentemente na violencia de xénero. "A percepción de medo e inseguridade é moitísimo máis elevada que no caso dos homes, e increméntase no caso de ter menores ao cargo", sinálase.
O documento reclama que as mulleres necesitan "maior seguridade e intimidade que os homes" e que necesitan dispoñer "dun espazo seguro". Así mesmo, é "especialmente importante axudalas na construción e/ou no reforzo dunha rede de apoio alternativa ao mantemento de relacións dependentes e tóxicas".
É frecuente que as mulleres sen fogar "establezan relacións cun home para que as protexa nesa contorna hostil"
Finalmente, a investigación alerta de que no caso de mulleres con menores ao seu cargo, "o temor a perder a custodia dos fillos e fillas (por adiccións ou problemas de saúde mental) aparece como outra das causas que pode influír en que non acudan aos servizos". As mulleres esgotan as súas redes antes de acudir a un recurso polo medo a perder os fillos ou fillas, e, cando chegan, "ás veces ocultan esta situación nun primeiro momento porque se senten xulgadas".