Como contar a realidade das persoas sen fogar: consellos para ir alén do "corpo tendido entre cartóns"

Lectura dun manifesto do Día das Persoas sen Fogar a cargo de participantes do centro Vieiro CC-BY-SA Praza Pública

A situación das persoas sen fogar adoita estar invisibilizada nos medios de comunicación. E cando aparecen nalgunha información o tratamento non sempre é o correcto: as noticias céntranse no morbo, a linguaxe empregada non é axeitada, non se afonda nas circunstancias destas persoas, que nunca son as protagonistas da noticia, apenas un suxeito sen voz. Este mércores presentouse en Compostela a guía “Senfogarismo. Recomendacións para medios de comunicación”, elaborada por Cruz Vermella e a Xunta de Galicia, coa coordinación do xornalista Luís Pardo (Cadena Ser) e ilustracións de Miquel Fuster, que coñece de primeira man a realidade das persoas sen fogar, porque viviu na rúa durante varios anos.

Subliñouse que "se poden potenciar as informacións en positivo a través de historias concretas e casos de éxito"

Na presentación da guía, na véspera do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza que se celebra este xoves, destacouse que "fai falta mellorar a calidade da información que se publica sobre as persoas sen fogar, evitando dar pé ao discurso de odio e discriminación nos medios de comunicación a través da promoción de estándares éticos e do respecto á liberdade de expresión". E subliñouse que "se poden potenciar as informacións en positivo a través de historias concretas e casos de éxito".

Calcúlase que máis de 1.200 persoas viven na rúa en Galicia (segundo os datos dun estudo publicado no ano 2017), sendo Compostela a cidade na que esta situación se dá con máis frecuencia, en termos relativos (2,59 casos por cada 10.000 habitantes). Dúas de cada tres son de nacionalidade española e case nove de cada dez son homes. A maior parte carece de emprego, pero calcúlase que ao redor do 15% si traballa de forma regular, pero case sempre na economía sumerxida.

Calcúlase que máis de 1.200 persoas viven na rúa en Galicia, sendo Compostela a cidade na que esta situación se dá con máis frecuencia

A guía pregúntase se estas persoas son "perigosas", destacando que "en realidade, corren perigo". Segundo o devandito estudo, case a metade das persoas  sen fogar en Galicia foron vítimas dalgún delito (46,5%), aínda que sete de cada dez (69%) non o denunciaron.

Tamén se desbota o comentario de que as persoas sen fogar "viven na rúa porque queren", salientando que ao 91,10% destas persoas lles gustaría dispoñer dun aloxamento, preferiblemente un piso de uso individual (37,8%) ou compartido (35,6%). E que como non o teñen, a súa alternativa para non durmir na rúa adoita ser un albergue. "Nalgúns casos, estes centros non dan resposta ás súas necesidades, algunhas tan sinxelas como poder aloxarse coa súa parella ou levar con elas á súa mascota", explícase.

Portada da Guía © Cruz Vermella

"Darse conta de que detrás de cada persoa que vemos hai unha causa diferente axudaranos a non simplificar, a non falar de categorías. A falar de persoas"

Entre as principais recomendacións que presenta o documento, saliéntase que "o senfogarismo define unha circunstancia dunha persoa, non é unha categoría". Explícase que "son moi variadas as causas que levan a unha persoa a vivir na rúa ou en vivenda precaria, e diferentes tamén as formas de enfrontar a vida cando non tes o amparo dun fogar. Darse conta de que detrás de cada persoa que vemos hai unha causa diferente axudaranos a non simplificar, a non falar de categorías. A falar de persoas".

Así mesmo, sinálase que "as palabras que utilizamos para referirnos ás persoas sen fogar importan e moito". Neste senso, dise que "algo tan doado como referirnos a persoas sen fogar e non como 'os sen fogar' ou 'os sen teito' xa axuda a humanizar a aquelas que se atopan nesta situación". Tamén se rexeita a utilización de termos como “indixente”, “mendigo” ou “vagabundo”, que se refiren a situación moi concretas e, en ocasións, inexactas, pois "mendigo" é só aquela persoa que practica a mendicidade (apenas o 40% das persoas sen fogar en Galicia) e "vagabundo" aquel que non habita un espazo concreto, cando o 61% das persoas sen fogar están empadroadas de forma estable nun concello determinado.

Sinálase que "as palabras que utilizamos para referirnos ás persoas sen fogar importan e moito"

A guía explica así mesmo que podemos establecer distintas categorías de exclusión residencial, dende as persoas "sen teito" (persoas sen aloxamento de ningún tipo, que viven nun espazo público) ás persoas "sen fogar" (que viven nun aloxamento temporal, nun refuxio, nunha pensión ou nunha institución, pero que non dispoñen de vivenda). Entre as persoas que viven na rúa en Galicia, o 22% escolle os caixeiros automáticos para pasar a noite, outro 13% durme dentro ou debaixo dunha estrutura (estacións, pontes, túneles...), pero a maior parte (41%) faino directamente nalgunha rúa ou praza, sen máis protección.

Ademais, moitos outros habita algún tipo de "vivenda insegura" (persoas que viven temporalmente e de forma involuntaria con familiares ou amizades ou nunha vivenda sen contrato de arrendamento ou cunha orde de desafiuzamento) ou "vivenda inadecuada" (persoas que habitan chabolas de asentamentos ou vivendas non aptas para a súa habitabilidade).

Nos últimos anos foron varias as ocasións nas que determinadas informacións publicadas nos medios de comunicacións galegos foron criticadas polo seu tratamento destes temas. Sucedeu, por exemplo a finais de 2015 cunha información publicada por El Correo Gallego, e a crítica repetiuse un ano despois cunha noticia publicada polo xornal compostelán sobre unha persoa indixente, da que chegou a difundir o seu nome e apelidos e fotografías, ademais de dar detalles morbosos sobre a súa vida e pedir a súa "incapacitación".

Xornadas sobre o 'Senfogarismo' en Compostela © Concello de Santiago

O documento suxire evitar a publicación de imaxes "dun corpo tendido entre cartóns do que apenas asoman un gorro de lá ou uns zapatos", pois "axuda á cousificación da persoa

Entre as recomendacións finais, a guía aposta pola publicación de informacións "en positivo", é dicir, "historias humanas con protagonistas aos que se lle poida poñer nome e cara". Neste senso, pídese "evitar informar do senfogarismo dende a compaixón e o paternalismo ou enfocándoo só como unha cuestión de orde pública, xa que en realidade se trata dun problema con moitas causas e estariamos quedando só con algún dos síntomas".

De igual xeito, o documento suxire evitar a publicación de imaxes "dun corpo tendido entre cartóns do que apenas asoman un gorro de lá ou uns zapatos", pois "axuda á cousificación da persoa, xa que a privamos de características propias da súa humanidade". E, por suposto, reclama que todas as imaxes que se publiquen das persoas sen fogar conten previamente co seu consentimento.

Nos últimos anos entidades como o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais (CEESG) fixeron tamén recomendacións a medios e xornalistas, botando man do Código Deontolóxico publicado polo CPXG e tamén do manual promovido pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza (EAPN): “Mira a las personas sin hogar. Guía de estilo para periodistas”. De igual xeito, neste artigo Lucía del Río criticaba a xestión que sobre este tema está a realizar o actual goberno municipal de Santiago de Compostela, a cidade galega con máis persoas sen fogar, en termos relativos á súa poboación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.