"Das persoas sen fogar só o 20% son mulleres, pero sofren situacións máis graves"

Imaxe da primeira edición das xornadas, celebradas o pasado ano © Concello de Santiago

Este venres celébrase en Compostela a II Xornada sobre a situación das persoas sen fogar, que dá continuidade ao evento celebrado o pasado ano. No acto, que se desenvolverá ao longo do día na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, amosaranse experiencias galegas, estatais e internacionais sobre recursos específicos destinados ás persoas sen fogar, explicados por responsables e persoal técnico de diversas entidades. As inscricións aínda están abertas.

A xornada está organizada conxuntamente pola Concellaría de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde do Concello de Santiago e a Mesa de traballo para o estudo da situación das persoas sen teito–transeúntes e dos recursos en Compostela. Entre os participantes destaca a presenza de Albert Sales, coordinador do Plan de Loita contra o senfogarismo de Barcelona 2016-2020. Ou tamén a do portugués Paulo Martins. Psicólogo no programa Casas Primeiro desenvolto pola AEIPS (Associação para o Estudo e Integração Psicossocial). Ademais, unha mesa redonda analizará os recursos para a atención ás persoas sen fogar existentes na actualidade no Estado, amosando experiencias de Bilbao ou Zaragoza. Esta mesa será moderada pola psiquiatra galega Lucía del Río, experta no tratamento do senfogarismo dende a perspectiva da saúde mental, e que xa participou na primeira edición das xornadas. Falamos con ela.

"A vivenda é un dos eixos principais que deben vertebrar as intervencións con estas persoas. É máis fácil ter unha vivenda e, despois, acceder a outro tipo de dereitos, que facer o camiño inverso"

Ter un fogar é unha base imprescindible para que unha persoa poida acceder a outros dereitos: un emprego, axudas...?

Si, porque ti imaxina o que é non ter un fogar e non ter onde recibir unha carta ou calquera tipo de notificación, non ter onde cargar un móbil, non ter unha seguridade mínima para durmir, non ter sitio onde comer unha comida saudable... Ademais doutras cuestións máis socioafectivas, que teñen que ver coa importancia de ter un fogar e unha veciñanza normalidade. A vivenda é un dos eixos principais que deben vertebrar as intervencións con estas persoas. É máis fácil ter unha vivenda e, despois, acceder a outro tipo de dereitos, que facer o camiño inverso.

"Ao redor do 80% das persoas sen fogar son homes e o 20% son mulleres, pero estas sofren situacións máis graves. É frecuente tamén que teñan sido vítimas de violencia machista e as taxas de violencia sexual chegan ao 30%"

Na túa intervención na primeira edición das xornadas, o pasado ano, trataches a situación das mulleres sen fogar, que son menos numerosas que os homes, pero que sofren problemáticas engadidas. Como é a súa situación? 

A situación das mulleres que viven na rúa caracterízase pola maior gravidade das súas problemáticas. Ao redor do 80% das persoas sen fogar son homes e o 20% son mulleres, pero este 20% de mulleres sofren situacións máis graves, por exemplo, no que respecta á súa saúde mental e é máis frecuente que teñan un trastorno mental severo. É frecuente tamén que teñan sido vítimas de violencia machista e as taxas de violencia sexual chegan ao 30%, o que é unha barbaridade. É tamén moi frecuente que moitas teñan relación coa prostitución, que tamén é unha forma de violencia de xénero. Moitas mulleres nestas situacións tenden a arrimarse a un compañeiro na procura de protección.  É unha situación especialmente dramática, porque ademais os recursos destinados ás persoas sen fogar están moi masculinizados. E aínda que son vítimas de violencia de xénero moitas veces non poden acceder aos recursos de acollida destinados a estas situacións, ou ben porque manteñen un consumo activo de drogas, ou ben porque hai moita disrupción na súa conduta e son consideradas problemáticas.

"Ao redor dun 30% das persoas que están na rúa sofren algún tipo de trastorno mental severo; e se a isto lle sumamos as persoas que teñen algún tipo de dependencia do alcol ou doutro tipo de drogas, a porcentaxe pode chegar ao 70% ou ao 80%"

Hai unha maior incidencia de problemas de saúde mental entre as persoas que viven na rúa? Como é a súa situación?

Na miña intervención nas xornadas do pasado ano centreime na saúde mental das persoas sen fogar e no tipo de intervencións que se fan en persoas con trastorno mental severo que se atopan nestas situacións de senfogarismo. As estatísticas falan de que ao redor dun 30% das persoas que están na rúa sofren algún tipo de trastorno mental severo; e se a isto lle sumamos as persoas que teñen algún tipo de dependencia do alcol ou doutro tipo de drogas, a porcentaxe pode chegar ao 70% ou ao 80%. Esta situación fai moi difícil que estas persoas, sobre todo se viven na rúa, poidan reconstruír as súas vidas: conseguir un traballo, acudir a algún curso... Estas persoas están ademais quedando fóra do sistema sanitario en gran medida.

"Hai que entender que nunca hai solucións rápidas, que non se pode pensar en fórmulas, por exemplo, de sacalos do casco vello e levalos a outro lugar"

De forma se debe intervir para axudar estas persoas?

Aquí hai que entender que nunca hai solucións rápidas, que non se pode pensar en fórmulas, por exemplo, de sacalos do casco vello e levalos a outro lugar. As únicas solucións pasan pola intervención social pensada a longo prazo, ben a través dos servizos sociais dos concellos, ou ben a través de entidades do terceiro sector. Aquí hai moito que mellorar, tanto nas posibilidades de prestación ou de vivenda que se lles ofrecen a estas persoas, coma nas intervencións que se realizan.

Son axeitados os recursos cos que conta Santiago para atender as persoas sen fogar?

Agora en Santiago traballa xa un equipo de rúa, formado por dúas compañeiras de Cruz Vermella, que percorren as rúas dúas veces por semana e que coñecen as persoas que están alí. Hai dous centros de día, hai un comedor social, un albergue. Habería que articular e coordinar todas as intervencións que se fan en Compostela. E, ademais, sería bo acadar un pouco máis de liderado público. As entidades do terceiro sector están facendo un traballo alí onde non chega o público moitas veces a través que convenios asinados coa administración. Pero sería bo que a administración coordinase mellor todas estas intervencións e estandarizase os protocolos e a metodoloxía empregadas. Tamén se pode mellorar a coordinación co Sistema Galego de Saúde.

"En Compostela está a realizarse nestes momentos un estudo sobre como podería ser un centro para as persoas sen fogar e que características debería ter"

Falas da necesidade de coordinar mellor os recursos existentes e de ser máis eficaces na súa aplicación. A prioridade pasa por aí? Ou é máis importante contar con máis infraestrutura ou con máis recursos humanos?

Pois si, hai que incidir en todos os aspectos. En canto á infraestrutura, creo que si se necesita máis; en Compostela está a realizarse nestes momentos un estudo sobre como podería ser un centro para as persoas sen fogar e que características debería ter. Outras cidades están apostando por outro modelo de intervención, o Housing First, que permite achegar vivenda realizando unha intervención menor coas persoas afectadas. Cada cidade, en función das súas características e do número de persoas sen fogar, debe escoller o seu modelo. Ata agora Santiago non tiña ningún piso para estas persoas, agora hai catro prazas e o ano que vén haberá seis. Hai que reforzar tamén os recursos humanos; vemos como as entidades do terceiro sector levan anos realizando un gran labor, pero están moi superadas pola demanda e as necesidades existentes.

"As solucións ao estigma pasan por unha aprendizaxe, tanto por parte dos medios como por parte do conxunto da sociedade, de que aprendamos como falar deste tipo de problemáticas para ser respectuosos"

Incidides sempre na necesidade de loitar contra o estigma que se asocia ás persoas sen fogar e tamén en que os medios de comunicación debemos facer unha cobertura axeitada destas cuestións, precisamente para non amplificar este estigma e os seus efectos. Como debe ser este tratamento? Como se combate o estigma?

Isto é fundamental, porque é algo que pode facer de amplificador destas cuestións, de pequenos conflitos que poden xurdir en todas as comunidades e facer que se esaxeren ao máximo. Aquí en Compostela vivimos nos dous últimos anos situacións dramáticas polo tratamento realizado por algúns medios de comunicación, dende referirse ás persoas sen fogar como pés negros ata publicar fotos de xenitais de persoas que non se atopan ben de saúde. O Colexio de Xornalistas denunciou esta situación e a Rede Galega de Loita contra a Pobreza ten tamén unha guía de boas prácticas. As solucións pasan por unha aprendizaxe, tanto por parte dos medios como por parte do conxunto da sociedade, de que aprendamos como falar deste tipo de problemáticas para ser respectuosos. Hai que evitar cometer un delito de odio, a aporofobia, o odio ás persoas pobres, que é demasiado frecuente.

 

A xornada celebrarase este venres en Compostela © Concello de Santiago
A psiquiatra Lucía del Río na primeira edición das xornadas, celebradas o pasado ano © Concello de Santiago
Imaxe da primeira edición das xornadas, celebradas o pasado ano © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.