"Certos comportamentos mal vistos non poden estigmatizar todas as persoas sen fogar"

Praza do Toural, en Santiago de Compostela CC-BY Simone Ramella

Non é a primeira vez que o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais (CEESG) critica o tratamento que certos medios de comunicación ou institucións dan ás persoas sen fogar. Xa pasara a finais de 2015 cunha información publicada por El Correo Gallego, e a crítica repetiuse o pasado ano, desta volta centrada nunhas declaración da Valedora do Pobo, Milagros Otero. Desta volta o CEESG e tamén o Colexio de Xornalistas (CPXG) sinalan de novo unha noticia publicada polo xornal compostelán sobre unha persoa indixente, da que chega a difundir o seu nome e apelidos e fotografías, ademais de dar detalles morbosos sobre a súa vida e pedir a súa "incapacitación".

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais subliña que a noticia "incorre non só nunha grave falta de profesionalidade xornalística, senón na vulneración de dereitos fundamentais da persoa á que se fai alusión". Afirma que "dende un punto de vista socioeducativo, este tipo de información non só non achega ningún valor ao coñecemento de problemáticas de persoas ou colectivos, senón que alimenta os estereotipos e crea situacións de rexeitamento social que dificultan calquera proceso de inclusión". O Colexio conclúe que "a responsabilidade ética dos medios de comunicación é necesaria debido ao relevante papel destes na opinión pública. E isto precisamente é unha oportunidade para colaborar na constitución dunha sociedade máis comprometida coa inclusión social, axudando na sensibilización cidadá ante este tipo de problemáticas".

O Colexio de Xornalistas, pola súa banda, fai un chamamento "a tratar con especial responsabilidade as informacións sobre persoas sen fogar" e sinala que "é fundamental que xornalistas e medios se comprometan na comunicación da realidade das persoas sen fogar, polo xeral descoñecida pola sociedade, e que eviten a transmisión de estereotipos e estigmas que só contribúen á súa exclusión da sociedade". A entidade destaca que "neste caso, ademais, aos incumprimentos ao código deontolóxico súmase o feito de que afecte a unha persoa pertencente a un colectivo en situación vulnerábel, polo que é necesario ter un especial coidado".

"Temos moito medo de que volvamos aos tempos dos manicomios nos que as persoas con comportamentos que non se adaptaban á sociedade eran ingresadas para estar ocultas á sociedade"

O CEESG fai unha serie de recomendacións a medios e xornalistas, botando man precisamente do Código Deontolóxico publicado polo CPXG e tamén do manual promovido pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza (EAPN): “Mira a las personas sin hogar. Guía de estilo para periodistas”Falamos co vigués Antón Bouzas, vogal do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.

Máis aló deste caso concreto, criticado polo CEESG, como é a cobertura habitual que os medios galegos fan destes temas? Que impacto pode ter un mal tratamento?

Un caso coma este, que é un caso moi visible, pódese converter nunha especie de escándalo público, cando en realidade estamos a falar dun caso individual. Depende como se traten os temas. É tamén criticable que se lle fagan fotos a unha persoa ou se dean determinados datos sobre ela. Estamos a falar de persoas con certos trastornos mentais ou con trastornos de adiccións que probablemente teñen algúns comportamentos na vía pública que están mal vistos, pero iso non pode levar a estigmatizar a todas as persoas sen fogar ou a poñer sobre a mesa solucións coma a súa reclusión ou inhabilitación legal. Temos moito medo de que volvamos aos tempos dos manicomios nos que as persoas con comportamentos que non se adaptaban á sociedade eran ingresadas para estar ocultas á sociedade, con tratamentos farmacolóxicos ou doutro tipo moi agresivos, máis punitivos que terapéuticos. Nalgúns medios chegou a pedirse iso nos últimos tempos.

"Dun caso moi específico ou dun suceso concreto, corremos o risco de darlle un valor xenérico. É certo que chama a atención que unha persoa se ispa pola rúa, pero tampouco hai que esaxerar as cousas"

O perigo é, sobre todo, cargar un estigma moi negativo sobre todo un colectivo?

Dun caso moi específico ou dun suceso concreto, corremos o risco de darlle un valor xenérico. É certo que chama a atención que unha persoa se ispa pola rúa, pero tampouco hai que esaxerar as cousas. Como sociedade temos que educarnos, temos que comprender que hai algunhas persoas, sobre todo enfermos crónicos que no seu día non foron ben atendidos, persoas que carecen dunha rede de apoio que traballe con eles tentando que estean integradas. Ás veces ponse como escusa a impresión que estas cousas poden ter nos nenos. Pois a un neno ou nena pequena hai que explicarlle que hai persoas que están tan enfermas, que sufriron tanto na súa vida, que a súa capacidade de adaptarse á sociedade é pequena, o que ás veces as leva a condutas estrañas. Pero de aí a estar pedindo que estas persoas sexan inhabilitadas legalmente e ingresadas contra a súa vontade. Lembro un caso, hai uns anos en Vigo, que unha muller que estaba moi enferma un día defecou nunha praza do centro. Levárona e aos poucos días faleceu. Foi un caso illado, só pasou esa vez, pero algún medio de comunicación publicou que os sen teito defecaban na rúa. Iso non era certo, pero ese argumento foi empregado durante moito tempo por certos grupos na cidade.

A sociedade está máis sensibilizada cara a estes temas? Ou a evolución é negativa?

Creo que por desgraza nalgún destes temas estamos andando cara atrás. Cando suceden estas cousas, cando vemos algún comportamento estraño nalgún lugar dos nosos barrios, temos que asumilo como propio, porque é a nosa xente, son os nosos veciños.

"Nos servizos sociais, tanto dos concellos coma da Xunta, debería haber equipos multidisciplinares e con equipos de intervención de rúa para que nos identifiquen como persoas próximas, que non estamos aí para prohibirlles nada, senón para acompañalos"

Como se pode traballar para mellorar esta situación?

É necesario, primeiro, que existan espazos de acollida habitacional abondo, tendo en conta que en ocasións estas persoas teñen dificultades para seguir as normas destes espazos. E tamén que haxa vivendas de alugueiro á súa disposición. Se os servizos sociais funcionasen mellor, se as instalacións estivesen abertas de mañá e tarde, se houbese espazos de acollemento e empatía cara a estas persoas, a situación cambiaría. Nos servizos sociais, tanto dos concellos coma da Xunta, debería haber equipos multidisciplinares nos que houbese traballadores/as sociais, educadores/as sociais, pedagogos/as e psicólogos/as que fagan un seguimento continuo, equipos de intervención de rúa para que nos identifiquen como persoas próximas, que non estamos aí para prohibirlles nada, senón para acompañalos.

E dende os medios, que se pode facer?

Hai que ter un certo pudor, e certos límites á hora de darlles publicidade a condutas minoritarias de persoas que levan enfermas moito tempo e ás que, por desgraza, a súa cabeciña non lles funciona moi ben. Por suposto, non publicar nomes e apelidos e fotografías destas persoas, convertendo as noticias nunha especie de escarnio público contra elas e estigmatizándoas. Estas persoas necesitan tratamento, pero non é imprescindible ingresalas, poden ser tratadas no propio lugar onde xa están.

 

Praza do Toural, en Santiago de Compostela CC-BY Simone Ramella

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.