Desde que Manuel sufriu un ictus nada volveu ser igual. Para el e para ela, xa que desde entón ela pasou a ser a súa coidadora principal, ademais de nai , ama de casa e traballadora asalariada
A vida de Ángeles Rozas cambiou por completo o fatídico 3 de abril de 2003. Foi entón cando o seu marido Manuel sufriu un ictus e nada volveu ser igual. Para el e para ela, xa que desde entón ela pasou a ser a súa coidadora principal, ademais de nai, ama de casa e traballadora asalariada.
Xa pasaron máis de vinte anos desde entón mais Ángeles lembra con detalle todo o sucedido aquel día no seu piso de Lugo. Unha forte dor de cabeza trouxo o seu home de volta do traballo antes do previsto, a chamada á ambulancia porque xa vían que a cousa era seria, a operación en Santiago. E as secuelas.
“Atopeime cunha persoa distinta completamente. Estaba moi nervioso sempre e non recoñecía os fillos, porque perdera a memoria recente. A vida deu a volta”, explica Ángeles Rozas
Ángeles e Antonio casaran vinte anos antes, en 1983, “moi novos” segundo relata ela, con 22 e 23 anos, e tiveron tres fillos. El era mecánico e ela xa estaba a traballar nunha residencia de maiores, en Castro Ribeiras de Lea, cando chegou o ictus. Os fillos xa non eran cativos, mais estaban na adolescencia e a vida que “ía tirando” con normalidade parouse. “Atopeime cunha persoa distinta completamente. Estaba moi nervioso sempre, non durmía nin de noite nin de día e non recoñecía os fillos, porque perdera a memoria recente. Só os lembraba de moi pequeniños. A vida deu a volta”, explica Ángeles Rozas.
Manuel é un caso, un exemplo, das máis de 35.000 persoas con dano cerebral adquirido que hai en Galicia e calcúlase que cada ano xorden uns 7.000 casos máis, segundo os datos da asociación Dano Cerebral Galicia. E xunto a eles están as coidadoras, así, en feminino porque case sempre son mulleres, o 78% do total, segundo un estudo da asociación galega. Coincidindo co día mundial do autocoidado, este 24 de xullo, Dano Cerebral Galicia fixo público un ‘Caderno de autocoidado para coidadoras de persoas con dano cerebral adquirido’, con recursos para doentes e coidadoras, que tamén pretende fomentar a reflexión sobre o labor de coidados e a corresponsabilidade.
No caso de Manuel o ictus veu acompañado dun infarto ao quinto día, estivo un mes en coma co peor dos prognósticos. “O cerebro é o gran descoñecido. Dixeron que ía morrer ou quedar vexetal e non quedou”. Tras dous meses e medio no hospital foi para a casa, cunha hemiplexia que lle paralizaba a parte esquerda do corpo e moi confuso. “Todo ía moi rápido e tes que facer fronte a cousas que non sabes constantemente. Lembro ir á guía telefónica mil veces para que alguén me axudase”, Ángeles Rozas.
Coincidindo co día mundial do autocoidado, este 24 de xullo, Dano Cerebral Galicia fixo público un ‘Caderno de autocoidado para coidadoras de persoas con dano cerebral adquirido’, que pretende fomentar a reflexión sobre o labor de coidados e a corresponsabilidade
Daquela coñecía o centro Sarela en Santiago, pero non se podía permitir ir varios días por semana para que fose alí a rehabilitación, así que “despois de moito loitar” foron ao Centro Estatal de Dano Cerebral (Ceadac), en Madrid. “El pensaba que estaba alí facendo a mili e non coñecía a súa filla maior, que o ía visitar todos os días”, detalla a súa muller. “Alí estivo seis meses ata que lle deron a alta porque non recuperaba; non foi ata tres ou catro anos despois, ao verse na súa casa tranquilo cando comezou a mellorar”, acrecenta.
Na súa recuperación tamén tivo moito que ver a creación de Adace Lugo, que preside Ángeles Rozas. “En Lugo non había nada e fixemos a asociación”, explica. Así comezou cunha rutina de rehabilitación que continúa hoxe en día. “Agora é unha persoa tremendamente dependente, porque non é só que lle dera o ictus, senón que tamén é un transplantado renal e tiveron que darlle radioterapia por unha mancha nun pulmón”, asegura a coidadora principal de Manuel. “Non pode ir só a ningún sitio e segue sen memoria recente, no sabe que comeu onte nin onde estivo”, relata.
“É fundamental pedir axuda antes de caer, porque agora hai recursos”
Cos fillos xa criados Ángeles Rozas segue a ser coidadora, enfermeira, ama de casa e muller traballadora, aspecto este último que lle axuda moita psicoloxicamente. “Eu vivo ao día. Non fago plans para mañá”, asegura. “A coidadora tamén necesita respirar de cando en vez, porque esta situación pode acabar contigo e logo nin para ti nin para el”, asegura.
Manuel vai ao centro de rehabilitación polas tardes e recibe tamén os coidados na casa dunha traballadora que contrataron para cando Ángeles non está. “É fundamental pedir axuda antes de caer, porque agora hai recursos”, explica, ao tempo que tamén pon énfase na corresponsabilidade familiar e mesmo social fronte a unha situación así. “A familia ten que involucrarse e axudar na medida do posible e a sociedade tamén tería que ser máis sensible, porque cada vez está máis deshumanizada”, lamenta.
“Un consello? Paciencia, con iso conséguense moitas cousas. Non volverse tola coas présas e pedir axuda para poder respirar”
“Un consello? Paciencia, con iso conséguense moitas cousas; non volverse tola coas présas e pedir axuda para poder respirar”, indica Ángeles Rozas. “Tamén hai unha síndrome do coidador que parece que tampouco se pode despegar do paciente e a guía publicada pola asociación pode ser de moita axuda para entender, para que a persoa poida liberarse un pouco dese rol, que é moi complexo”, afirma.
“Para min é fundamental organizarse e vivir ao día, estar tranquila. Eu o único que quero agora é ter saúde e levar unha vida tranquila. Non podes estirar o pé máis do que che dá a manta”, sentencia Ángeles Rozas.