"A comparación con quen era antes é unha trampa": a difícil inserción laboral das persoas con dano cerebral adquirido

Persoal das asociacións de dano cerebral coa man sobre a cabeza, o aceno polo Día do Dano Cerebral CC-BY FEGADACE

Javier Fernández é a primeira persoa con dano cerebral adquirido que aproba unha oposición para persoas con discapacidade intelectual en Galicia

O descoñecemento sobre a discapacidade, o medo ao diferente e os prexuízos para non intentar coñecer ao outro son as principais barreiras que Javier Fernández trata de vencer cada día desde que ten dano cerebral adquirido. Tiña 19 anos cando a súa realidade mudou mentres agardaba polo tren na estación como un universitario máis. Hoxe, é a primeira persoa con dano cerebral adquirido que aproba unha oposición para persoas con discapacidade intelectual en Galicia.

Un infarto, provocado por unha malformación no corazón, foi a causa pola que o seu cerebro ficou sen o osíxeno suficiente. ″Deuse a casualidade de que o garda de seguridade da estación tiña coñecementos de primeiros auxilios. Se me chega a dar no tren, ou na cama un pouco antes, tivera sido todo bastante diferente″ conta Fernández. ″Salvoume a vida, mantívome co latexo artificial; e a verdade é que nunca conseguín saber quen é″.

Cartel de Fegadace polo Día do Dano Cerebral, que se celebra o 26 de outubro CC-BY FEGADACE

O dano cerebral adquirido é unha lesión que se produce nas estruturas cerebrais de forma súbita en persoas que naceron sen ningún dano no cerebro. Afecta a unhas 35.000 persoas en Galicia, segundo datos da Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace), que agrupa ás asociacións Adaceco da Coruña, Adace de Lugo, Alento de Vigo, Renacer de Ourense e Sarela de Santiago. As causas principais son o ictus, no 78% dos casos, os traumatismos cranioencefálicos e outras doenzas como os tumores cerebrais ou a falta de osíxeno no cerebro.

"Teñen que reciclarse e isto resulta unha carreira de fondo", salienta a educadora social de Sarela Noelia Parente

″Non era consciente do problema que tiña″, salienta Javier Fernández. Estudaba a carreira de informática na Coruña e, cando abriu os ollos, ″pensaba que en pouco tempo ía estar ben de novo″. A asociación de dano cerebral de Compostela, Sarela, recolle na súa memoria de 2019 que ″nun 89% dos casos hai secuelas que causan dependencia″. ″Comecei a estudar na casa coa certeza de que ao pouco tempo ía estar como antes, o primeiro foi retomar as habilidades básicas con cadernos de caligrafía e matemáticas simples″.

″Era un estudante con bastante memoria fotográfica, a forma que teño agora de estudar é a que me ensinaron en sitios como Sarela e Cogami, a través de esquemas e de reducir a información ao mínimo para repetila moitas veces. Non consigo ter moita información na cabeza e vin que isto é o que me funciona mellor″, engade. Porén, tres anos despois do infarto, sacou o ciclo de informática.

O proceso para asimilar as novas limitacións é longo e complexo. ″Moitas veces o logro é que se decidan a saír da casa″, afirma Noelia Parente, directora do centro ocupacional de Sarela. ″Teñen que reciclarse e isto resulta unha carreira de fondo porque as secuelas do dano cerebral son moi diversas e cada caso é un mundo, por iso precisan un seguimento moi individualizado″.

"A min serviume intentar saber quen son, cales son os meus potenciais e tratar de cubrir os meus problemas con traballo", di Javier Fernández

″Non me gusta moito poñerme como exemplo", di Javier, "pero a min me serviu intentar entenderme, saber quen son, e cales son os meus potenciais para tratar de cubrir os meus problemas con traballo ou por outras vías. Á hora de escribir a man, por exemplo, non é que non o dea feito, pero fágoo moi lento, entón todo o apunto no teléfono″. Así e todo, recoñece que hai momentos nos que se boicotea a si mesmo: ″a comparación con quen era antes é unha trampa horrible porque era un rapaz de 19 anos e agora teño case 40; daquela tiña outras circunstancias, outras amizades, outras inquedanzas...″.

Dificultades na inserción laboral

″Javier sempre se intenta superar, grazas a iso optou por preparar unhas oposicións″, explica Noelia Parente. O seu caso non é o habitual entre as persoas con dano cerebral adquirido, pois el conseguiu que no seu certificado de discapacidade se lle recoñeza unha discapacidade intelectual. Grazas a isto, puido presentarse ás oposicións cun temario adaptado e non tivo que competir con outras persoas que só contan cunha limitación física.

O caso de Javier non é o habitual entre as persoas con dano cerebral adquirido, pois logrou que lle recoñecesen unha discapacidade intelectual

″Esta é unha das maiores dificultades para o acceso ao emprego público das persoas con dano cerebral adquirido, porque a maioría teñen problemas de memoria e non se lles recoñece unha discapacidade intelectual″, indica a educadora social de Sarela. ″Todo depende das secuelas que teñan, pois hai persoas con dano cerebral adquirido que se recuperan moito e poden acceder a prazas públicas pola quenda normal de discapacidade″.

Persoas usuarias da asociación Adace, en Lugo, nun centro de equitación CC-BY FEGADACE

O dano cerebral adquirido ten un mal encaixe dentro das clasificacións de discapacidade actuais. Esta circunstancia, sumada á ″pouca versatilidade do sistema de emprego″ dificulta a inserción laboral das persoas con esta afectación. ″Debera haber certa compatibilidade entre as pensións e o traballo, pois moita xente xa non quere probar por medo a perder a pensión. E neste contexto laboral tan precario é moi difícil garantir que van manter un emprego″, razoa Parente.

O 59% das persoas en idade de traballar con dano cerebral adquirido ″xa non traballarán nin buscarán emprego″

O Estudo sobre dano cerebral e inserción laboral elaborado pola Fundación ONCE, editado no marco do programa do Fondo Social Europeo de ′Inclusión Social e Economía Social 2014-2020′, conclúe que o 59% das persoas en idade de traballar que sofren dano cerebral adquirido ″xa non traballarán nin buscarán emprego″ e que ″un 18% buscará unha ocupación diferente" á que tiña previamente. Esta enquisa, realizada a 400 persoas no Estado, toma como marco poblacional as estimacións do Instituto Nacional de Estatística (INE), que refiren que hai aproximadamente 139.200 persoas con esta afectación en España. Ademais, o informe salienta que o 72% das persoas con esta discapacidade asegura que atopou ″dificultades extraordinarias″ para encontrar un emprego por mor da súa condición.

Javier Fernández acadou unha praza como celador no Servizo Galego de Saúde (Sergas), onde xa traballara con contratos temporais, e leva desde o 16 de setembro traballando no correo interno dos laboratorios do Hospital Clínico de Santiago. ″Recibo as mostras e teño que repartilas entre os diferentes laboratorios″, explica. ″Está sendo bastante duro, pero tampouco podo pretender controlalo todo de golpe. Preténdoo, mais asumo que non pode ser″.

″Moita xente coñecía o meu problema no hospital. Tampouco me parecía necesario evitar o tema porque, ao final, a xente ten que saber que os que temos problemas tamén temos dereito a traballar. De momento, non escoitei unha mala palabra e non o esperaba porque sei como somos: a xente quere todo para xa; e a nós cústanos máis entender as cousas e somos máis lentos″, debulla.

Sesión individual de fisioterapia no centro da asociación Sarela, en Compostela CC-BY FEGADACE

"Chegue ata aquí con moito traballo persoal", asegura Javier Fernández

O esforzo e a fortaleza de Javier, que contou con apoio familiar desde o primeiro momento –″Os meus pais nunca me deixaron irme cara a abaixo″–, fixeron que lle custase aceptar que tiña que concorrer ás oposicións nunha praza adaptada polas súas limitacións memorísticas. ″Sentía que me estaban axudando de máis, non entendía que estou no límite de arriba da criba, pero decateime de que as cousas hai que velas no seu contexto completo″. Foron moitas as veces que se preguntou por que tiña que ser todo tan difícil: ″eu cheguei ata aquí con moito traballo persoal e, no fondo, pode que teña un pouco de rabia por necesitar unha destas prazas″.

Este luns 26 celébrase o Día do Dano Cerebral e diferentes edificios e monumentos públicos, como as Torres Hejduk da Cidade da Cultura, vanse tinxir de azul. Desde Fegadace promoven unha acción para subir ás redes sociais fotografías coa man sobre a cabeza, empregando o cancelo #DíaDanoCerebral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.