O Carme xunta abondosa presenza política nos actos festivos por toda a costa
O 16 de xullo é día de festa na práctica totalidade da Galicia costeira. O día da Virxe do Carme, patroa do mar e de quen traballa nel, vira en celebración que vai moi alén do estritamente relixioso. Procesións marítimas e terrestres conviven con encontros veciñais e familiares, música, paparotas e tamén cunha destacada presenza política, dende os concellos do propio litoral ata as direccións galegas das principais forzas políticas.
Coa axenda do presidente Rueda centrada na asistencia á entrega de despachos na Escola Naval de Marín, cerimonia que tamén se celebra no Carme e que este ano, presidida polo rei, tivo como protagonista á princesa Leonor, foron outros cargos do Goberno galego os enviados a celebracións máis populares. Así, por exemplo, a nova conselleira do Mar, Marta Villaverde, e tres altos cargos do seu departamento asistiron a misas e procesións en Muros, Foz, Camariñas e Cariño.
Tamén o conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, a titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e mais o responsable de Facenda, Miguel Corgos, incluíron eventos relixiosos polo Carme nas súas axendas oficiais da xornada.
Pontón reivindica en Ribeira que "Galiza é unha nación mariñeira". Besteiro, en Camariñas, reclama o remate da autovía da Costa da Morte e que Portos non cobre ao Concello para celebrar o Carme nos seus terreos
Ao tempo, os líderes dos dous grupos da actual oposición parlamentaria tamén acudiron a vilas do litoral para celebrar o Carme. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fíxoo en Aguiño (Ribeira) canda o seu alcalde, o nacionalista Luís Pérez Barral, onde reivindicou que "Galiza é unha nación mariñeira" para resumir o "carácter estratéxico do sector do mar" tanto pola súa derivada económica como "pola súa achega á identidade e a cultura galegas".
"Cada vez que nos achegamos a un porto vemos a forza de todo un pobo que se acostumou a vivir co sal nas mans e co horizonte do mar nos ollos", resume Pontón. Neste sentido, reivindica as iniciativas do BNG para "coidar un ecosistema riquísimo" e que, subliña, inclúen a oposición ao proxecto de Altri, que "suporía poñer en risco miles de postos de traballo na ría de Arousa". A líder do Bloque estivo tamén presente nos actos do Carme nos que a veciñanza de Aguiño homenaxeou a Antonio García, Pichón, mariñeiro desaparecido o pasado ano no naufraxio do Argos Georgia nas Malvinas.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acudiu a Camariñas acompañado pola alcaldesa socialista da vila, Sandra Insua, e outros cargos do partido. Alí reivindicou "a execución da autovía da Costa da Morte ata Cee en igualdade de condicións co resto de vías autonómicas, tal e como comprometeu o goberno socialista hai 17 anos e que o PP está a paralizar".
O líder socialista apoiou, asemade, o Concello na petición de que "Portos de Galicia os exima de pagar os máis 5.000 euros que teñen que abonar cada ano para celebrar as festas do Carme en terreos portuarios". "Mentres, obrigan ao goberno local a asumir o mantemento", reprocha.
