Este domingo, Día do Carme, festividade mariñeira por excelencia, a campaña desprazouse ao litoral, onde varias das principais formacións políticas celebraron actos moi centradas no sector da pesca e do marisqueo. O BNG, por exemplo, desprazouse a Moaña, onde Ana Pontón propuxo entre outras medidas rexenerar as rías, frear o desenvolvemento da enerxía eólica mariña e dotar a Galicia de competencias en litoral e salvamento.
O BNG desprazouse a Moaña, onde Ana Pontón propuxo entre outras medidas rexenerar as rías, frear o desenvolvemento da enerxía eólica mariña e dotar a Galicia de competencias en litoral e salvamento
"Queremos render homenaxe a Galiza mariñeira nun día no que á xente que vive do mar comparte festividade, sentimento de comunidade e unha maneira de ser, de estar e de habitar nun País con 1.500 quilómetros de costa”, dixo a portavoz nacional do BNG acompañada da candidata por Pontevedra, Carme da Silva. Pontón reclamou o voto para conseguir "un grupo galego forte" e defender un sector "que é máis que unha actividade económica que xera miles de postos de traballo: forma parte da esencia de Galiza”.
"Queremos render homenaxe a Galiza mariñeira nun día no que á xente que vive do mar comparte festividade, sentimento de comunidade e unha maneira de ser, de estar e de habitar nun País con 1.500 quilómetros de costa”, dixo a portavoz nacional do BNG
O BNG reclama frear "o boom éolico depredador" que suporía "un golpe de morte para o sector pesqueiro" e "arrasar con miles de postos de traballo directos”. Tamén demandou a transferencia da competencia en salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña, facendo unha referencia directa á catástrofe do Prestige, da que hai uns meses se conmemorou o vixésimo aniversario: "Todas sabemos das nefastas consecuencias de que as decisións sobre o noso mar se tomen a centos de quilómetros desde un despacho en Madrid, vímolo co Prestige, pero tamén o vimos ao longo dos últimos corenta anos", dixo.
Mentres, en Lugo o candidato do BNG por esta circunscrición, Daniel Castro, participou na concentración convocada polo BNG de Lugo baixo o lema Lugo quere tren!, reclamando uns servizos ferroviarios dignos para a cidade e a comarca. No acto reivindicouse a "actualización" da liña Lugo-A Coruña ou a creación dunha conexión directa entre Lugo e Compostela.
O candidato nacionalista comprometeu a creación do GALTREN, un ente ferroviario público que apostará e impulsará o transporte de proximidade en Galicia
Castro sinalou que “Galiza sofre unha evidente e histórica discriminación en canto a investimentos, infraestruturas, equipamentos e servizos, particularmente no transporte ferroviario, tanto por parte dos gobernos do PP como do PSOE”. O candidato nacionalista comprometeu a creación do GALTREN, un ente ferroviario público que apostará e impulsará o transporte de proximidade en Galicia para "comunicarnos, vertebrar o País e cohesionar o territorio galego”.
Manifesto en apoio de Sánchez, "o socialismo do século XXI"
En Camariñas Miñones reafirmou -como xa fixera o día anterior en Noia- o apoio do Goberno de Pedro Sánchez ao sector da pesca en Galicia
O PSdeG tamén celebrou dous dos seus actos centrais na costa, en concreto na Festa do Carme de Camariñas e en Lira (Carnota). José Miñones, número un pola provincia da Coruña, estivo acompañado por Obdulia Taboadela, candidata número 2 ao Congreso; Xosé Sánchez Bugallo, candidato número 1 ao Senado, e Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral provincial.
O manifesto en apoio de Pedro Sánchez foi lanzado por un grupo de destacados militantes do PSdeG na provincia da Coruña, entre eles os ex-presidentes da Xunta Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño
En Camariñas reafirmou -como xa fixera o día anterior en Noia- o apoio do Goberno de Pedro Sánchez ao sector da pesca en Galicia, destacando que “defendemos os intereses galegos en Bruxelas ante o ataque da normativa europea contra a pesca de arrastre e negociando as cotas” e "puxemos en marcha a Lei de Pesca Sostible, aumentaron os dereitos sociais das mariscadoras e as redeiras", dixo.
Este domingo foi tamén unha xornada marcada polo manifesto en apoio de Pedro Sánchez lanzado por un grupo de destacados militantes do PSdeG na provincia da Coruña, entre os que destacaban os ex-presidentes da Xunta Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño. O documento reivindica a figura do presidente do Goberno, como o mellor expoñente do "socialismo do século XXI".
O manifesto pretende "romper a principal mentira de Feijoo, que é a de derrogar o sanchismo. O que queren derrogar é a suba das pensións, do salario mínimo, a reforma laboral, a baixada dos prezos da enerxía e a maior creación de emprego da historia deste país”
“O manifesto pretende romper a principal mentira de Feijoo, que é a de derrogar o sanchismo. O que queren derrogar é a suba das pensións, do salario mínimo, a reforma laboral, a baixada dos prezos da enerxía e a maior creación de emprego da historia deste país”, destacaron os seus promotores.
O texto foi tamén asinado por Antolín Sánchez Presedo, Francisco Sineiro, Marisol Soneira, Francisco Cerviño ou Rosa Gómez Limia. E tamén por ex-alcaldes como Javier Losada (A Coruña), Manuel Couce e Vicente Irisarri (Ferrol), Julio Sacristán de Diego (Culleredo), Manuel Lagares (Betanzos), José Luis García (Brión), Manuel Valeriano Alonso (Camariñas), Manuel Lamela Lestón (Cee), José García Liñares (Cerceda), José Manuel Pequeño (Dumbría) ou José Luís Armada (Cariño).
PP chama a "concentrar o voto" de dereitas
Unha das mensaxes máis repetidas polos dirixentes do Partido Popular nos últimos días son os chamamentos a "concentrar o voto" conservador na súa formación, unha apelación ao 'voto útil' dirixida principalmente aos posibles votantes de VOX
Unha das mensaxes máis repetidas polos dirixentes do Partido Popular nos últimos días son os chamamentos a "concentrar o voto" conservador na súa formación, unha apelación ao 'voto útil' dirixida principalmente aos posibles votantes de VOX.
En Vilagarcía e Sanxenxo Ana Pastor pediu o voto a “todas as persoas que aínda non o decidiron ou que noutras eleccións votaron por outros partidos pero teñen claro que a partir do 23 de xullo queren un cambio”. A candidata pola provincia de Pontevedra sinalou que “é o momento de votar con unidade para ter unha maioría suficiente coa que derrogar o sanchismo e afrontar os cambios que España necesita”
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu que os votantes acudan ás urnas "coa convición de que nada é imposible" e reclamou "unha maioría ampla" para Alberto Núñez Feijóo. Para lograr ese cambio, subliñou, "é fundamental concentrar o voto no PP" e acadar "o cuarto escano en Pontevedra".
As propostas de vivenda de Sumar
Sumar propón realizar un investimento sostido do 1% do PIB para conseguindo "un verdadeiro parque de alugueiro social e protexido" e regular o alugueiro turístico e de tempada "para que deixe de ser unha vía de escape da lei"
Pola súa banda, Sumar presentou en Vilagarcía de Arousa as súas propostas en materia de vivenda, denunciando que “a aposta histórica pola especulación, o urbanismo descontrolado e a falta de regulación do mercado inmobiliario derivou no noso país nun modelo que antepón a vivenda como investimento aos dereitos cidadáns”, en palabras de Verónica Martínez Barbero, número un ao Congreso por Pontevedra.
Sumar propón realizar un investimento sostido do 1% do PIB para conseguindo un verdadeiro parque de alugueiro social e protexido, chegando aos dous millóns de vivendas. “Coñecemos ben a Alberto Núñez Feijóo. Nos seus dous últimos mandatos como presidente da Xunta, construíu 22 vivendas de promoción pública, menos de 3 vivendas ao ano”, dixo Martínez Barbero.
“A aposta histórica pola especulación, o urbanismo descontrolado e a falta de regulación do mercado inmobiliario derivou nun modelo que antepón a vivenda como investimento aos dereitos cidadáns”, denunciou Verónica M. Barbero
Outra medida de Sumar é incorporar na Lei de Vivenda un alugueiro social obrigatorio para os grandes propietarios e regular o alugueiro turístico e de tempada "para que deixe de ser unha vía de escape da lei".
Finalmente, Sumar imporá por lei a portabilidade de hipotecas de tipo variable a tipo fixo para dar resposta á situación que sofren 150.000 fogares galegos "que están agora mesmo sometidos ás subas do Euríbor deste ultimo ano que se traduciron nunha suba media de 225 euros ao mes na letra da hipoteca”.