As forzas de esquerda están a lanzar mensaxes que buscan mobilizar o electorado progresista, conscientes de que unha elevada participación da cidadanía pode evitar un triunfo da dereita e da extrema dereita
Este sábado supérase o ecuador da campaña electoral. Hai sete días vivíamos a primeira fin de semana de campaña e dentro de sete días estaremos na xornada de reflexión. Antes, este luns, será o momento de publicación das derradeiras enquisas que se poden dar a coñecer á cidadanía. Dende a celebración do debate electoral entre Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo o ambiente electoral semella ter dado un xiro, cun PP elevado polas sondaxes, que lle outorgan maioritariamente unha maioría absoluta en conxunto con VOX.
As forzas de esquerda están a lanzar mensaxes que buscan mobilizar o electorado progresista, conscientes de que unha elevada participación da cidadanía pode evitar un triunfo da dereita e da extrema dereita. Nese senso, este sábado os candidatos e candidatas do PSdeG-PSOE alertaron do do "risco de regresión" e o perigo de que se traslade ao Goberno central "o programa de recortes que PP e Vox amosaron en Estremadura, Castela e León ou Valencia".
José Miñones advertiu en Noia contra "a dupla Feijóo – Abascal", que xa está a aplicar en gobernos autonómicos e locais "recortes de dereitos das mulleres, das persoas LGTBI e tamén da cultura”
Neste senso, José Miñones -ministro de Sanidade e número 1 da lista do PSdeG pola Coruña- advertiu en Noia contra "a dupla Feijóo – Abascal", que xa está a aplicar en gobernos autonómicos e locais "recortes de dereitos das mulleres, das persoas LGTBI e tamén da cultura”. Estas experiencias, sinalou, serven para “quitarlle a careta do que son realmente Feijóo e Abascal” e saber “o que queren facer con España e con Galicia”.
Tamén o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, destacou en Malpica que a “verdadeira ameaza non é Vox”, senón que o PP chegue ao goberno “sen regras e con enganos masivos” para reeditar os “recortes e privatizacións dos gobernos de Aznar, Bárcenas, Rato e Feijóo en Correos".
Lage Tuñas destacou en Malpica que a “verdadeira ameaza non é Vox”, senón que o PP chegue ao goberno para reeditar os “recortes e privatizacións dos gobernos de Aznar, Bárcenas, Rato e Feijóo en Correos"
Lage Tuñas pediu un “voto masivo” ao Partido Socialista para “evitar que volva o PP” da “mentira e o engano masivos” á cidadanía, para evitar a volta a esa España “en branco e negro”, liderada polos que “saquearon” o país e “empobreceron as clases medias e traballadoras”.
En Noia, ademais, Miñones aproveitou para sinalar o respaldo do goberno encabezado por Pedro Sánchez ao sector da pesca de Galicia. Nun encontro coas confrarías en Noia, Miñones fixo balance das medidas aprobadas nos últimos anos, dende as medidas específicas para o sector incorporadas ao Real Decreto de axudas para afrontar a crise derivada da invasión de Ucraína, con fondos directos para as confrarías e medidas para afrontar o sobrecusto do combustible e ata a Lei de Pesca Sostible, "que permitiu avanzar nos dereitos das redeiras e mariscadoras, garantindo as cotizacións, as pensións e a redución de cotas á Seguridade Social".
Miñones trasladoulle “o apoio do goberno e de todo o PSOE” á plataforma contra os vertidos de San Finx
Así mesmo, José Miñones trasladoulle esta mañá “o apoio do goberno e de todo o PSOE” á plataforma contra os vertidos de San Finx. O ministro de Sanidade demandoulle á Xunta “que actúe dunha vez por todas e vixíe esta situación”, sinalando que “estamos diante dun problema medioambiental que pode afectar gravemente ao sector da pesca e a toda a comarca”.
Miñones mantivo unha reunión na confraría de Noia con Joám Evans, portavoz da Plataforma de afectados pola mina de San Finx; Santiago Cruz, patrón maior da Confraría de Noia; Rogelio Santos Queiruga, viceportavoz da plataforma, e outros representantes da pesca e o marisqueo da comarca.
"Voto rebelde e inconformista"
Mentres, o BNG fai tamén chamamentos á mobilización do electorado, especialmente da mocidade. En Lugo, a líder da formación nacionalista, Ana Pontón, fixo un chamamento a "concentrar no Bloque" todo o voto “de País, rebelde e inconformista”, co obxectivo acadar un "grupo forte" con deputados e deputadas elixidos polas circunscricións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.
En Lugo, Ana Pontón fixo un chamamento a "concentrar no Bloque" todo o voto “de País, rebelde e inconformista”
Foi o mesmo chamamento que a candidata do BNG pola provincia de Ourense, Noa Presas, que nun acto apelou á mocidade “valente, rebelde e inconformista” a votar a súa formación. Presas destacou que o Bloque defenderá medidas como aumentar as bolsas de estudo, bonificar o transporte para os menores de 30 ou abordar os problemas de saúde mental. Asi mesmo, lembrou que Ourense "é unha das catro provincias con menos poboación xuvenil de toda Europa porque as mozas e mozos vénse na obriga de escoller entre a precariedade ou a emigración”.
O Bloque tamén incidiu "na necesidade de darlle unha voz forte e potente” á Galicia interior
O Bloque tamén incidiu "na necesidade de darlle unha voz forte e potente” á Galicia interior "e facerlle fronte á discriminación histórica por parte das forzas estatais que fan que as infraestruturas prometidas durman o sono dos xustos”, como destacou Pontón en Lugo.
Tamén Néstor Rego, cabeza de lista pola Coruña, pediu o voto ao BNG "para poñer fin á discriminación histórica de Galiza". Rego defendeu que "só un grupo galego forte pode facer xustiza e plantarlle cara ao trato desfavorábel co noso país". "Máis investimentos, máis infraestruturas, mellores servizos, apoio ao sector industrial, tarifa eléctrica galega ou aumento das pensións son algunhas das receitas para combater a discriminación histórica de Galiza e son tamén o motivo do noso traballo político no Congreso", sinalou Rego.
Sumar, contra os recortes e a censura en cultura
Marta Lois e Marilar Aleixandre denunciaron "a censura da Xunta e dos gobernos de coalición do PP e VOX"
Sumar, pola súa banda, centrou a xornada deste sábado na cultura e en Compostela, ás portas do Salón Teatro, as candidatas ao Congreso e Senado por A Coruña, Marta Lois e Marilar Aleixandre, denunciaron "a censura da Xunta e dos gobernos de coalición do PP e VOX". "O 23X xogámonos a nosa lingua e cultura. A mellor maneira de defendelas é reeditar o Goberno progresista e para iso o voto a Sumar é vital", sinalaron.
"Neste país os aprendices de nazis queren dar marcha atrás e volver aos tempos da censura", sinalou Marilar Aleixandre
Aleixandre, que citou a última película de Indiana Jones e a súa loita contra os nazis, alertou de que "neste país os aprendices de nazis queren dar marcha atrás e volver aos tempos da censura, aos tempos do franquismo nos que se censuraban libros, películas, obras de teatro ou un bico". "Non vai vir Indi a salvarnos, temos que salvarnos nós, co noso voto", sinalou Aleixandre, que engadiu que "especialmente en Galicia temos que salvarnos dese desleixo contra a lingua galega e a cultura galega".
O PP acusa a Pedro Sánchez de "mentir"
Pastor pediu concentrar no PP todo o voto conservador porque “é fundamental a unidade para ter unha maioría suficiente e poder gobernar dependendo só dos cidadáns”, en referencia aos escanos de VOX que serán fundamentais para garantir a hipotética investidura e goberno de Feijóo
O PP, finalmente, celebrou o seu acto central en Vilagarcía, coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda e mais a cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Ana Pastor. Antes, Pastor estivo en Vigo, onde realizou un reparto de propaganda no Mercado do Calvario, acompañada de Paula Prado -secretaria xeral do PPdeG-, xunto a candidatos ao Congreso e ao Senado pola provincia.
En Vigo, Ana Pastor, contestou ás críticas recibidas por Núñez Feijóo por mentir no debate realizando a mesma acusación contra Pedro Sánchez, do que dixo que "chegou ao Goberno de España mentindo e márchase da mesma forma, mentindo sobre as peaxes nas autovías”.
Pastor pediu concentrar no PP todo o voto conservador porque “é fundamental a unidade para ter unha maioría suficiente e poder gobernar dependendo só dos cidadáns”, en referencia aos escanos que probablemente obterá VOX e que serán fundamentais para garantir a hipotética investidura e goberno de Alberto Núñez Feijóo