Sumar alerta de que Feijóo "é experto en mentir" e que Galicia xa o sabía: "é unha mágoa que as novas cheguen tan tarde a Madrid"

Mitin de Sumar en Vigo, este venres © Sumar Galicia

Díaz subliñou que "Feijóo é experto en mentir" e engadiu que "eu sei que aquí xa o sabiades. É unha mágoa que as novas cheguen tan tarde a Madrid, pero aquí os galegos e galegas sabiamos o que ía facer"

Sumar ofreceu este venres en Vigo o seu segundo gran mitin galego da campaña, despois do acto de apertura que tivo lugar na Coruña. O encontro, de novo coa presenza de Yolanda Díaz e dos candidatos e candidatas polas circunscricións galegas, celebrouse no pavillón das Travesas e estivo introducido pola actriz María Vázquez.

No acto, Yolanda Díaz endureceu o ton contra Alberto Núñez Feijóo recollendo o impacto que tivo a intervención do candidato do PP no debate televisado do pasado luns, no que o ex-presidente da Xunta incluíu datos inexactos, erróneos e, directamente, falsidades, no seu discurso. A líder de Sumar subliñou que "Feijóo é experto en mentir" e engadiu que "eu sei que aquí xa o sabiades. É unha mágoa que as novas cheguen tan tarde a Madrid, pero aquí os galegos e galegas sabiamos o que ía facer".

Yolanda Díaz no mitin de Sumar en Vigo, este venres © Sumar Galicia

Díaz amosouse confiada en que a vitoria da esquerda é posible se hai unha mobilización do voto progresista: "Crede nas posibilidades do noso país, crede en vos. Se as xentes progresistas se mobilizan, imos gañar nós!"

En todo caso, Díaz amosouse confiada en que a vitoria da esquerda é posible se o 23 de xullo hai unha mobilización importante do voto progresista: "Crede nas posibilidades do noso país, crede en vós. Se as xentes progresistas se mobilizan, imos gañar nós!"

"A esperanza chámase Sumar. Arreade para gañar, o país é voso, está nas vosas mans. Votade, votade e votade!", rematou a líder da formación.

"Este 23X hai que posicionarse. Por que non posicionarse é posicionarse do lado dos que odian, dos que censuran, dos que insultan, dos que negan o machismo, o cambio climático, dos que nos negan a Cultura", dixo María Vázquez.

Un chamamento á mobilización no que incidiu a actriz María Vázquez para evitar un goberno de dereitas despois do 23 de xullo: "Este 23X hai que posicionarse. Por que non posicionarse é posicionarse do lado dos que odian, dos que censuran, dos que insultan, dos que negan o machismo, o cambio climático, dos que nos negan a Cultura". 

No acto, Sumar pediu o voto do "Vigo obreiro" e houbo varias mensaxes de apoio e solidariedade aos traballadores do sector do metal en folga, tanto por parte de Yolanda Díaz, coma do resto de candidatos e candidatas. "Pido o voto aos traballadores e traballadoras de Vigo, que saíades a votar con alegría porque imos seguir gañando dereitos. Pido a solidariedade cos traballadores do metal que están en folga", sinalou Díaz.

No acto houbo varias mensaxes de apoio e solidariedade aos traballadores do sector do metal en folga e aos traballadores dos servizos de extinción de incendios en folga 

E, de igual xeito, a número un por Pontevedra, Verónica M. Barbero, ofreceu "todo o meu apoio aos traballadores do metal da provincia de Pontevedra" e díxolles que "imos conseguir un convenio xusto". Barbero, ex-directora xeral de Traballo no Ministerio e ex-presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, ofreceuse a mediar na folga nos días previos ao inicio da campaña electoral.

Nas intervencións dos distintos candidatos e candidatas houbo tamén mencións de solidariedade "para os traballadores dos servizos de extinción de incendios en folga".

Sumar fixo un chamamento a seguir avanzando na conquista de dereitos, apostando pola inclusión dos servizos de fisioterapia, óptica e nutrición na sanidade pública ou pola redución da xornada laboral sen redución de salario

No acto, Sumar reinvindicou os avances sociais levados a cabo polo Goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos e fixo un chamamento a seguir avanzando en dereitos, apostando pola inclusión dos servizos de fisioterapia, óptica e nutrición na sanidade pública ou pola redución da xornada laboral sen redución de salario, medida que a formación leva no seu programa electoral.

"Imos reducir a xornada laboral sen reducción salarial. Xa chegou o tempo! Imos saír unha hora antes do noso traballo para poder estar coas nosas fillas", destacou neste senso Yolanda Díaz.

Mitin de Sumar en Vigo, este venres © Sumar Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.