Besteiro sinala o "varado" Porto Seco de Monforte como mostra do "desprezo de Feijóo e Rueda á Galicia interior"

José Ramón Gómez Besteiro, visitando xunto a José Tomé a empresa de mecanizados Ramiro Vila, este 13 de xullo en Monforte CC-BY-NC-SA PSdeG

No ano 2018 cumpríanse catro anos da inauguración do porto seco de Monforte, infraestrutura industrial prometida por Fraga e Aznar en 2001. Concibido como a gran porta das mercadorías galegas cara a Europa, o polígono non tiña daquela unha soa empresa instalada mentres continuaba lastrada polas deficientes conexións, entre outras tarefas pendentes. 

Case unha década despois da súa inauguración, protagonizada por Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta, o Goberno galego culpa ao de España das deficiencias nas conexións do porto seco e o PSdeG, por boca do seu cabeza de lista por Lugo ás eleccións xerais do 23X, José Ramón Gómez Besteiro, sinala este polígono industrial como "símbolo do desprezo de Feijóo e Rueda á Galicia interior". Porque é o PP, acusa, o que "ten varado o porto seco dende hai décadas".

Besteiro e Tomé, con responsables da empresa monfortina Fenestra, este 13 de xullo CC-BY-NC-SA PSdeG

Acompañado polo alcalde de Monforte e presidente da Deputación, José Tomé, Besteiro desenvolveu este xoves na capital de Lemos unha intensa axenda en clave económica centrada en boa medida no parque empresarial de Reboredo. Alí, di, "esgotáronse as parcelas" como "resultado da xestión" conxunta do Estado, da Deputación e do Concello. En Monforte, subliña, instaláronse nos últimos tempos "firmas punteiras como Kern Pharma" mentres "a Xunta, que ten os cartos e as competencias en política industrial, non fai nada".

"O Goberno de Pedro Sánchez puxo a provincia de Lugo no mapa das infraestruturas, de onde o borrara o PP", mantén o cabeza de lista do PSdeG lucense ao Congreso en encontros con varias empresas de Monforte

Nunha provincia que o PSOE considera clave para a conformación de maiorías nos comicios do día 23, Besteiro subliña que "o Goberno de Pedro Sánchez inxectou en Monforte 20 millóns en investimentos directos". A eles "cómpre engadir o orzamento histórico de 546 millóns" para as obras de modernización da conexión ferroviaria entre Lugo e Ourense, acutalmente xa en marcha.

Durante as súas visitas a á compañía aluminio Fenestra, á láctea Oviganic Ibérica e a mecanizados Ramiro Vila e Hijos, Besteiro sinalou que empresas coma estas tamén se benefician de que "Pedro Sánchez puxese de novo a Monforte e ao conxunto da provincia de Lugo no mapa das infraestruturas do Estado, de onde o borrara o PP cando gobernou en Madrid". Neste sentido, os socialistas veñen subliñando que, mentres Feijóo prometera construír con fondos da Xunta unha liña de alta velocidade entre Ourense e Lugo sen chegar a cumprilo nunca, o actual Goberno de España si ten en marcha os traballos para "que a alta velocidade chegue a Lugo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.