A Coruña, 3 de marzo de 2004. "José Luis, vamos como motos, vamos como motos en un circuito de Fórmula 1 (...) Esto es el pabellón del 82". Francisco Vázquez, alcalde da Coruña, abre con énfase un mitin organizado polo PSOE no pavillón de Riazor co seu debutante candidato á presidencia do Goberno de España, José Luis Rodríguez Zapatero. As enquisas apuntan a que ascende, pero seguen situando en cabeza ao PP, no que Mariano Rajoy remuda a José María Aznar como cabeza de cartel. E os socialistas coruñeses lembran que ateigar Riazor como aquel día é un talismán, sinónimo de vitoria. Como en 1982 con Felipe González.
"Todos os galegos que coñezo, todos, son moi valentes. Menos Mariano Rajoy, que non quere debater comigo!", clamara Zapatero na Coruña en 2004, na campaña tras a que foi presidente por primeira vez
Cando chega a quenda de Zapatero, o pavillón está entregado e o candidato comeza tirando de agoiros. Asegura que o demócrata John Kerry gañará a presidencia dos Estados Unidos e que Emilio Pérez Touriño, que o antecedera na palabra, vai ser o vindeiro presidente da Xunta. O primeiro prognóstico -que acabara sendo errado-, situábao a si mesmo no lugar oposto á estreita relación de Aznar con George Bush e as súas aventuras en Iraq. O segundo era, sobre todo, unha mensaxe en clave interna fronte a quen no PSdeG alentaban unha posible remuda de Touriño que, efectivamente, apenas un ano e medio despois era presidente.
Para a chegada do PSdeG de Touriño á Xunta en coalición co BNG (25+13) de Anxo Quintana en 2005 fora clave, precisamente, a vitoria naquelas xerais do 14 de marzo de 2004 dun Zapatero que marchaba segundo nos inquéritos publicados e que reclamaba, sen éxito, un debate electoral. "Todos los gallegos que conozco, todos, son muy valientes. Menos Mariano Rajoy, que no quiere debatir conmigo!" clamou o candidato ante o fervor do ateigado pavillón de Riazor, onde se brindou a debater tamén con Aznar e Rodrigo Rato se é que Rajoy non se atrevía a acudir só. Rajoy remataría a campaña sen ir a debate ningún.
Case dúas décadas despois daqueles acontecementos Zapatero é, inopinadamente, un personaxe clave da non menos inesperada campaña das eleccións xerais do 23 de xullo. Afirma que unha frase de Feijóo sobre ETA o "motivou extraordinariamente" para implicarse a prol de Sánchez
O sucedido a continuación é sabido. Na histórica cita coas urnas daquel 14M o PSOE logrou algo máis do 42% dos votos e 164 escanos e o PP quedara no 37,71% e 148 asentos no Congreso. En Galicia -que daquela repartía 24 escanos, un máis que agora-, o PP lograra 12 fronte a 10 socialistas e 2 do BNG, que xuntos sumaban máis votos que os de Aznar e Fraga. Polo medio, os atentados islamitas do 11 de marzo en Madrid, masacre que os populares teimaran en atribuír a ETA. Nas seguintes xerais, en 2008, Rajoy si deu en aceptar debates electorais, ata dous, pero Zapatero volveu gañar.
O retorno de Zapatero e claves galegas
Case dúas décadas despois daqueles acontecementos Zapatero é, inopinadamente, un personaxe clave da non menos inesperada campaña das eleccións xerais do 23 de xullo. O ex-presidente leva algo máis dun mes defendendo na primeira liña mediática a xestión de Pedro Sánchez e a súa candidatura á reelección, pero tamén censurando que o PP ataque o presidente do Goberno de España e ao PSOE con mentiras. En declaracións a infoLibre, a pasada fin de semana explicaba quen "unha frase" o "motivou extraordinariamente para dar máis entrevistas e facer o maior número de mitins". Esa frase foi "a que dixo Feijóo ao presidente Sánchez", acusándoo de ser "máis xeneroso cos verdugos que coas vítimas do terrorismo".
Xa nas municipais do 28M o ex-presidente Zapatero estivo ben activo. Mesmo intervindo nalgún acto electoral que acabou sendo determinante, caso do mitin central do PSdeG en Lugo, que os propios socialistas lucenses acabaron considerando como clave para a mobilización das súas bases e, por extensión, para o resultado electoral que lles permitiu mesmo medrar un chisco en apoio cidadán e que Lara Méndez revalidase á alcaldía coligada co BNG.
Zapatero, clave para a caída do fraguismo, ten tamén unha caste de conta pendente con Feijóo, cuxa vitoria en Galicia en 2009 foi determinante para a 'resurrección' definitiva de Rajoy
Agora, a súa acendida defensa de Sánchez e das opcións de vitoria do PSOE mesmo semella estar propiciando o esquecemento ou, cando menos, o paso ao segundo plano do seu apoio a Susana Díaz nas primarias de 2017. E, sobre todo, de controvertidas decisións políticas da segunda metade da súa segunda lexislatura na Presidencia, dende os recortes sociais tras o crack de 2008 ata a reforma exprés do artigo 135 da Constitución para priorizar o pago da débeda para tentar esquivar o rescate.
Zapatero, clave para a caída do fraguismo, ten tamén unha caste de conta pendente con Feijóo. O socialista, que se implicara a fondo na campaña galega de 2005 da fin do fraguismo -"esta vez vai en serio e vai por todos", advertira meses antes-, na que Pedro Sánchez traballara no equipo de reforzo que a dirección federal do PSOE enviara a Galicia, volveu facer o mesmo en 2009, na carreira pola reelección de Touriño, que desatendera o consello de adiantar as eleccións ao outono de 2008 para esquivar os primeiros golpes da crise económica global.
Pero en 2009 o PP de Feijóo logrou a absoluta en Galicia pola mínima, como Fraga en 1989. E a súa vitoria foi transcendental para que Rajoy comezase a resucitar, esquivase as conspiracións que apostaban por desbancalo do liderado do PP e acabase, a lombos da crise económica, chegando á presidencia do Goberno de España con maioría absoluta en 2011.
Este 10 de xullo de 2023, Sánchez debate cara a cara en Atresmedia con Feijóo. É o único debate televisivo que o ex-presidente galego aceptou ata o momento cara ao 23X nunha campaña na que se negou abertamente a debater en RTVE, igual que en 2009 fixera en Galicia coa CRTVG. Practicamente todos os galegos que coñece Zapatero "son moi valentes", dixera.