Cando Zaplana atribuíu os incendios de Galicia a que Zapatero "fragmentaba España" e á lingua galega

Eduardo Zaplana, na súa etapa como ministro © José María Cuadrado / Goberno de España

No verán de 2006 Galicia sufriu a súa peor crise de incendios en dúas décadas, cunhas 77.000 hectáreas de monte ardido en apenas dúas semanas de agosto que dispararon o balance anual ata preto das 100.000. Apenas dous días despois da fin da vaga incendiaria, o 17 de agosto, o PP propiciaba no Congreso dos Deputados a xuntanza da Deputación Permanente para solicitar diversas comparecencias do Goberno do PSOE sobre o acontecido. O encargado de solicitalas foi Eduardo Zaplana, ex-ministro de José María Aznar, ex-presidente da Comunitat Valenciana e, na altura, responsable xunto a Ángel Acebes do núcleo duro da oposición que dirixía Mariano Rajoy. Zaplana vén de regresar á actualidade pola súa detención nunha operación contra o branqueamento de capitais, entroutros delitos, na que se manexan cifras millonarias de presuntas comisións ilegais; e con el volve tamén ao primeiro plano a súa traxectoria política.

Na súa esixencia de responsabilidades políticas corenta e oito horas despois da fin da vaga de lume Zaplana observaba xa como "evidente" a principal causa dos incendios, a "letal" combinación "entre gobernos autonómicos socialistas e o Goberno do señor Rodríguez Zapatero". "O que ocorreu en Galicia", proclamara o dirixente conservador no Congreso tras os milleiros de hectáreas ardidas e catro persoas mortas, non era máis ca "unha proxección máis da España do señor Zapatero". Tratábase, dixo describir, dunha "España invertebrada e fragmentada" que "é incapaz de coordinarse nos momentos críticos".

O ex-ministro de Aznar, voceiro parlamentario de Rajoy na oposición, foi detido nunha operación contra o branqueamento de capitais

Porque para o ex-ministro detido este martes o desastre ambiental provocado polo lume estaba tamén directamente vinculado co autogoberno autonómico. "Débense sinalar" os incendios como parte das "consecuencias para os cidadáns" do "debate sobre as competencias que nos meteron a todos os españois o señor Zapatero e os seus socios nacionalistas". Aínda que naqueles anos Galicia non asumira ningunha competencia forestal adicional ás que xa manexaba durante a etapa de Manuel Fraga, Zaplana advertía que a "parcelación de España" promovida ao seu xuízo pola Xunta e o Goberno central fixera "do Estado un mero residuo" e "tiña, entre outras, estas consecuencias". "Mentres a Zapatero lle preocupa a memoria histórica, os estatutos, as linguas...", agregara, "o resultado é que os bosques se queiman máis ca nunca".

"Introduciuse un compoñente ideolóxico: agora sabemos que é necesario saber galego para apagar lumes", ironizara Zaplana, que vía na vaga de incendios unha "consecuencia" de que Zapatero fixera do Estado "un mero residuo"

Antes de mofarse do daquela presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, por "declarar como verdadeiro culpable" dos incendios "á ordenación do territorio", Eduardo Zaplana tamén atopara lugar na súa asignación de responsabilidades para a lingua galega. Na liña do publicado por algúns xornais editados en Madrid naquelas semanas, o voceiro do PP dixo "saber" que "se primaras intereses partidistas na contratación dos servizos de extinción de incendios". "E non só iso -agregara- senón que se introduciu un compoñente ideolóxico nesta actividade: agora sabemos que é necesario saber galego para apagar lumes", sinalara en ton sarcástico.

As cifras "dos satélites da NASA"

Zaplana tamén utilizara aquela controvertida intervención parlamentaria para acusar o Goberno galego de difundir datos de hectáreas ardidas moi por baixo do que segundo os conservadores era a realidade. Nun contexto no que a Consellería do Medio Rural difundía partes diarios sobre a situación de todos os focos, o deputado do PP tiña claro que a Xunta "ocultaba" datos e vía as cifras achegadas por Touriño e o conselleiro Alfredo Suárez Canal como "escandalosamente" baixas.

Zaplana recollera o informe dunha web de mapas divulgado por Feijóo días antes para asegurar que arderan "máis de 180.000 hectareas", cando realmente foran 77.000

Esta afirmación sustentábase nas "achegadas utilizando datos dos satélites da NASA, que se sitúan en máis de 180.000 hectáreas", dixera. A fonte desa información era en realidade un informe que publicara un sitio web de mapas -a desaparecida mapasnet.com- a partir de fotografías da axencia espacial americana, documento que o naquela altura novo líder do PP en Galicia, Alberto Núñez Feijóo, divulgara entre a prensa catro días antes da intervención de Zaplana. Non obstante, na véspera do debate no Congreso Medio Rural concluíra as medicións oficiais e ofrecera a cifra de 77.000 hectáreas, que ficou ratificada despois nos balances definitivos tanto da Xunta como do Goberno central na súa estatística de incendios forestais, dependente do Ministerio de Medio Ambiente.

Neste contexto Zaplana aproveitara tamén para rir da "tese da trama" que algúns ministros do Goberno de España dixeran non desbotar como posible explicación aos incendios de Galicia -o actual gabinete de Rajoy manexouna como posibilidade a respecto dos incendios de 2017, os máis destrutivos dende 2006- e caricaturizar a creación da Unidade Militar de Emerxencias que daquela ultimaba Zapatero, un "novo corpo" que "máis se parece a un corpo de militares-axentes ao servizo directo do señor Zapatero, unha especie de garda republicana propia doutros réximes non parlamentarios", proclamara.

Zaplana, nunha imaxe de arquivo cos ex-presidentes de Murcia e La Rioja © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.