A Xunta evita aclarar canto custa e quen paga as intervencións da Unidade Militar de Emerxencias nos incendios de Galicia

Visita da ministra de Defensa, Dolores de Cospedal, á sede da UME CC-BY-NC-SA Ministerio de Defensa

Dende finais do século pasado o Exército participa no dispositivo de prevención de incendios forestais en Galicia. Esta colaboración, reformulada tras a gran vaga de lume de 2006, sempre implica financiamento por parte da Xunta concretado en convenios anuais que superan o medio millón de euros. Con estes fondos o Ministerio de Defensa paga as sucesivas edicións da chamada Operación Centinela, isto é, o "despregamento" para a "vixilancia e disuasión" de posibles incendiarios, que no seu nivel máis amplo está composto por ata 75 patrullas militares e dous helicópteros. Estes acordos anuais non inclúen as actuacións excepcionais da Unidade Militar de Emerxencias (UME), o departamento do Exército creado en 2007 para actuar en situación sde "grave risco, catástrofe, calamidade ou outras necesidades" e cuxo financiamento para intervir na extinción de incendios a Xunta evita aclarar.

O último intento por coñecer se a Xunta sufraga as intervencións da UME en Galicia e, en caso de facelo, cal é a contía deste pagamento, partiu do grupo parlamentario de En Marea a través dunha pregunta oral e outra escrita formuladas polo deputado Davide Rodríguez, bombeiro forestal de profesión. A pregunta oral dirixida no pleno parlamentario do pasado 11 de abril á conselleira do Medio Rural rematou sen aclaracións, toda vez que Ángeles Vázquez se limitou a debullar os devanditos convenios para a vixilancia do monte. "Para vostede, a UME está suplindo as carencias" do dispositivo de extinción ou "supondo un exercicio de intrusión profesional?", cuestionara o deputado.

A Xunta si detalla a achega ao Ministerio de Defensa para a participación do Exército en labores de vixilancia do monte, pero evita aclarar se paga polas intervencións da UME na extinción de incendios

Nos primeiros días de maio Medio Rural respondeu á pregunta escrita que En Marea formulara ao respecto a finais de marzo, na que igualmente reclamaba coñecer o "custo real que supuxo ás arcas públicas galegas a prestación de servizos por parte da UME e a operación Centinela nos anos 2016 e 2017". Novamente a resposta refírese só aos conveniso de vixilancia que, evidencia a Consellería, o Goberno galego "mantén dende o ano 2008" co obxectivo de controlar o monte e "disuadir" os posibles incendiarios. "Este reforzo, que se centra fundamentalmente na vixilancia e na disuasión nas zonas máis afectadas polos incendios, está tendo moi bos resultados", polo que "este ano o convenio volverase renovar" por "un importe similar ao dos últimos anos", isto é, arredor de 500.000 euros, detalla.

A UME rexeitou en dúas ocasións acudir á comisión de estudo sobre os incendios no Parlamento galego para explicar o seu traballo

Tanto o deputado Davide Rodríguez como organizacións que representan os bombeiros forestais manifestaron nas últimas semanas outra volta a súa contrariedade pola opacidade que arrodea o financiamento da UME, receos que nin os responsables desta unidade nin o propio Ministerio de Defensa, do que dependen, constribúen a minorar. Non en van, como informou Praza.gal, o tenente xeneral xefe da UME, Miguel Alcañiz, rexeitou formalmente ata en dúas ocasións que un representante deste departamento do Exército comparecese ante a comisión do Parlamento galego que estuda o sucedido na última vaga de incendios para explicar o seu traballo. Tras unha primeira negativa o lexislativo galego volveu formular a solicitude e a UME volveuna rexeitar, incluíndo xunto ao seu segundo "non" un convite ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, a visitar as súas instalacións "se vén por Madrid".

No Rexistro de Convenios da Xunta non consta, cando menos polo momento, ningún acordo específico polo que a Xunta achegue fondos do erario autonómico a estas intervencións, pero Medio Rural tampouco inclúe nas devanditas respostas ningunha negativa ao respecto. No último orzamento do Ministerio de Defensa, pola súa banda, tampouco figuran referencias a inxeccións económicas das comunidades autónomas cara á UME, que nas últimas contas estatais aprobadas tivo unha asignación inicial de 30,1 millóns de euros.

Esta nova negativa a informar sobre o financiamento da UME prodúcese nun contexto no que o Goberno de España xa confirmou que non atenderá a proposta de instalar unha base desta unidade militar en Galicia, nomeadamente na provincia de Ourense, como propuxera o PP a través da Deputación. Unha vez lanzada esa proposta o PSdeG ourensán, que a apoiaba, dirixiuse ao gabinete de Mariano Rajoy para preguntar se prevía atendela. O escrito formulado polo secretario provincial do partido, Rafael Rodríguez Villarino, foi respondido o pasado 12 de abril dende Presidencia do Goberno, que aclarou que "o Ministerio de Defensa non considera necesario" instalar esta nova base. 

Davide Rodríguez, deputado de En Marea CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.