0 Gardados para despois

A UME volve esquivar a comisión de incendios e convida o presidente do Parlamento a unha visita "se vén por Madrid"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Todas as administracións teñen un deber xenérico de colaboración" e "o lóxico é que comparezan nesta comisión de estudo". Son palabras do voceiro do PP no Parlamento, Pedro Puy, quen nos primeiros días de abril asegurou compartir a contrariedade dos grupos de En Marea, PSdeG e BNG pola negativa a acudir ao órgano que estuda o acontecido na vaga de incendios dos pasado outono manifestada polos dous únicos representantes do Goberno de España que foran convocados: a Unidade Militar de Emerxencias e o delegado do Executivo de Rajoy en Galicia, Santiago Villanueva. Esa unanimidade na petición concretouse nunha nova solicitude por parte do Parlamento que xa tivo resposta, en ambos casos negativa e, pola banda da UME, incluíndo un convite para o presidente, Miguel Santalices, a visitar as súas instalacións "se vén por Madrid".

No gaso do delegado gobernamental, funcionario autonómico de carreira e antigo director xeral de Emerxencias da Xunta (2009-2014), a resposta ao novo convite incide en que non "procede" que un cargo dependente "da Administracion Xeral do Estado" compareza ante un Parlamento autonómico. Deste xeito, o mesmo cargo que hai escasos días participou na conmemoración do trixésimo sétimo aniversario do Estatuto de Autonomía remítese á documentación que si deu en enviar ao Parlamento -sobre o dispositivo estatal que participa na prevención e extinción das lapas, así como un informe meteorolóxico- e agarda que sexa "de utilidade" para os traballos da comisión.

O delegado do Goberno central en Galicia tamén esquiva por segunda vez a petición de comparecencia na comisión de estudo

No que atinxe á UME a resposta remitida dende o Ministerio de Defensa volve estar asinada polo tenente xeneral xefe desta unidade, Miguel Alcañiz, como xa o estaba a primeira negativa. Tras recibir a segunda solicitude de comparecencia, na que Santalices o animaba a "reconsiderar" a "non comparecencia" na comisión, o mando militar "recalca" o "máximo respecto que temos na UME polo labor dos parlamentos autonómicos". Se ben, "dito isto, debo informalo que tras elevar consultas, persisten os mesmos motivos de dependencia e suxeición administrativa que nos fixeron declinar a súa primeira solicitude".

A Unidade Militar de Emerxencias depende do Ministerio de Defensa, que vén cobrando medio millón anual da Xunta por participar no dispositivo de prevención dos incendios

Xunto a este texto impreso o responsable da Unidade Militar de Emerxencias engade tres liñas manuscritas. Nelas remite "unha forte aperta" ao presidente Santalices e agrega: "se vén por Madrid, estaremos encantados de que visite a Unidade".

Dáse a circunstancia de que a "dependencia e suxeición administrativa" que a UME alega por segunda vez para non colaborar co Parlamento de Galicia non é outra que a respecto do propio Ministerio de Defensa, a través do cal foi cursada a petición. O departamento ministerial actualmente dirixido por María Dolores de Cospedal participa dende comezos de século no dispositivo de prevención de incendios da Xunta previo pacto de financiamento por parte das arcas galegas. Así, como informou este diario, Defensa vén recibindo en torno a medio millón de euros anual por estes labores e os importes cobrados na última década roldan a suma duns 6 millóns.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.