Rueda culpa o BNG, a Zapatero e a Sánchez de que o Goberno do PP non lograse competencias en 14 anos

Alfonso Rueda e Ana Pontón, durante a sesión de control no Parlamento, este 28 de xuño CC-BY-SA David Cabezón / Xunta | © Parlamento de Galicia

A caducidade da lei da AP-9 no Congreso polo adianto electoral no Estado precipitou a pasada semana o récord de catro lexislaturas galegas sen ningunha nova competencia. Os prazos no inicio do novo mandato no Estado e a recta final do período lexislativo en Galicia fan tecnicamente inviable que, con independencia da vontade política dos respectivos gobernos, vaia chegar ningún traspaso novo, cando menos, ata despois dos seguintes comicios galegos.

Pontón reprocha ao presidente da Xunta que o PP lograse "cero competencias" tras case década e media gobernando e despois de considerar "escaso balance" que o Goberno de PSdeG e BNG obtivese 14

Este foi o pano de fondo, xunto co contexto preelectoral cara ao 23X, da sesión de control ao presidente da Xunta deste 28 de xuño, octoxésimo sétimo aniversario da aprobación do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comezou a súa quenda lembrando que en 2009, como número dous de Alberto Núñez Feijóo, se amosaba "moi preocupado" polo que consideraba un "escaso balance" no avance do autogoberno por parte da Xunta de PSdeG e BNG, que "só fora caz de conseguir catorce competencias". E por iso, evoca, "o PP pregoaba aos catro ventos a cantidade de competencias que ían conseguir" ao retornar á Xunta.

Intervencións de Ana Pontón e Alfonso Rueda na sesión de control deste 28 de xuño CC BY-NC-SA Praza.gal | Fonte da imaxe: Sinal institucional Parlamento

Pero, lamenta, década e media despois o balance é de "cero competencias", con "Galiza xogando na terceira rexional" mentres "outros avanzan". "Como valora ter conseguido cero competencias en catorce anos?", cuestionou nun contexto no que, a xuízo da líder soberanista, a causa é que o PP é "completamente inútil á hora de defender os intereses de Galiza en Madrid.

"O balance é cero, pero non será porque non o pediu a Xunta", retruca Rueda, que centra a responsabilidade nos gobernos do PSOE no Estado e en que o Bloque, di non "conseguiu sacarlle nada" a Pedro Sánchez

Pero, a xuízo do presidente da Xunta e do PP en Galicia, a causa é ben distinta e as culpas repártense entre o propio BNG e entre os socialistas José Luis Rodríguez Zapatero e Pedro Sánchez. "Co Goberno socialista do señor Zapatero non foi posible" e tampouco, admite, co de Mariano Rajoy. En calquera caso, retruca a Pontón, o BNG "para o contador en 2019" -en realidade, a nacionalista referiuse tamén aos anos posteriores- porque o voto do BNG no Congreso serviu para "investir o señor Pedro Sánchez" sen "conseguir sacarlle nada".

"O balance, efectivamente é cero" pero "non será porque non o pediu a Xunta", afirma Rueda, baixo cuxo punto de vista "a culpa a teñen quen nos dixeron un montón de cousas" como que grazas ao pacto de investidura do BNG co PSOE iamos estar "cheos de competencias", pero "despois non foron capaces". Esta é a razón, do seu punto de vista, polo que o Bloque "engana" a Galicia.

Alfonso Rueda, presidente da Xunta, durante a sesión de control deste 28 de xuño de 2023 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

"Empeza a ser unha caricatura de si mesmo, catorce anos gobernando e a culpa é do BNG", replicou con hilaridade Pontón, quen admitiu que lle "dá a razón" a Rueda "nunha cousa: ten que gobernar o BNG" para poder avanzar no autogoberno. En calquera caso, coida, os populares prefiren que non cheguen novas competencias porque, se isto sucede, "véselles a incompetencia" á hora de xestionalas. Mentres, sinala, "os vinte mil galegos e galegas que cada día pasan pola AP-9" saben que "o BNG conseguiu máis cun deputado" no Congreso na última lexislatura estatal que "os 10 do PP" cos seus "papelóns". "Por iso non quere debater comigo", mantén.

"Empeza a ser unha caricatura de si mesmo, catorce anos gobernando e a culpa é do BNG", ironiza Pontón

Para Pontón, en síntese, a postura de Rueda é "indefendible", igual que o foi durante o mandato de Rajoy, tras non lograr competencia ningunha. Segundo Rueda, o panorama mudaría se Feijóo gobernase en España, porque a Xunta do PP sería "moi esixente" e formularía "moitísimas reclamacións" dende unha postura do "autonomismo coherente". "Imos reclamar a partir do mes de agosto" e reclamarán o apoio do BNG, avanza: "Xa veremos o nacionalistas que son".

Previamente, Rueda respondera ás preguntas da socialista Begoña Rodríguez Rumbo, que substituíu na sesión ao voceiro do PSdeG, Luis Álvarez, que non puido chegar á sesión por un incidente co seu coche camiño de Santiago. Rodríguez Rumbo centrou a súa pregunta nas políticas de emprego da Xunta nun contexto no que o mercado laboral galego vai "ben", cre, "a pesar da Xunta e do seu Goberno". Rueda, pola súa banda, defendeu que os datos de paro teñen en Galicia "tres puntos de diferencial positivo" a respecto da media estatal e niso "algo terá que ver a Xunta".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.