O PP evita a foto de Rueda con Pontón para falar do traspaso da AP-9 no inicio do ciclo electoral

Pontón e Rueda, en xuño de 2022 durante a primeira reunión do actual presidente da Xunta tras a súa toma de posesión coa líder do BNG CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A pasada semana, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, remitiu senllas cartas ao presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, e mais ao secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, para propor senllas xuntanzas nas que abordaren o xeito de evitar que a transferencia da AP-9 á Xunta "naufrague". Tratábase, segundo a líder do Bloque, de preguntarse nun "momento determinante" por que se en Galicia hai "un acordo unánime no Parlamento galego, PP e PSOE non o respectan en Madrid".

Semana e media despois, o portavoz do grupo Popular no Parlamento, Pedro Puy, propón a BNG e PSdeG a celebración dunha reunión conxunta para analizar a situación na que se atopa a tramitación no Congreso da proposición de lei aprobada na Cámara para o traspaso da AP-9 e as accións a tomar para "axilizala". 

Ana Pontón, durante a súa visita a Bueu, o 5 de abril de 2023 CC-BY-NC-SA BNG

Pontón pediu reunirse con Rueda e Formoso para evitar que "naufrague" o traspaso da AP-9; Rueda trasladou ao grupo do PP a petición e pide que o tema se trate no Parlamento

Ademais, explicou que Alfonso Rueda trasladou ao grupo parlamentario a solicitude de entrevista realizada por Ana Pontón ao considerar que, "ao ser unha demanda aprobada no Parlamento galego, é máis respectuoso que se analice a situación nesta institución e se adopten as medidas que se consideren oportunas". Así, o PP evita tamén a foto do presidente da Xunta reunido coa xefa do primeiro grupo da oposición abordando a estratexia a seguir no dilatado traspaso da AP-9 no inicio do ciclo electoral que empeza en menos de dous meses coas municipais e continuará en decembro cos comicios xerais. 

“Rueda non está disposto a dialogar sobre esta cuestión coa líder da oposición”, respondeu Pontón á negativa este mércores durante unha visita a Bueu. “Isto só amosa o interese que existe no PP e no PSOE para facer naufragar en Madrid a proposta, votando en Galiza unha cousa e en Madrid outra distinta”, engadiu, antes de anunciar que o BNG levará ao próximo pleno da Cámara galega unha iniciativa para defender a lei para a transferencia da AP-9 “tal e como se aprobou por unanimidade no seu momento no noso Parlamento”.

“Rueda non está disposto a dialogar coa líder da oposición, o que demostra o interese de PP e PSOE por facer naufragar en Madrid a proposta do Parlamento", di Pontón

Respecto da situación do traspaso, Pontón asegurou que “a única boa nova en torno á AP-9 nestes anos foi a rebaixa histórica conseguida polo BNG” e preguntouse “por que o PP e o PSOE non defenden en Madrid o que aceptan en Galiza”.

O longo percorrido parlamentario da lei para a transferencia da AP-9 á Xunta quedou formalmente desbloqueado a mediados deste mes de marzo no Congreso, onde permanecía embarrancado dende hai dous con máis dunha quincena de prolongacións do prazo para a presentación de emendas. Ese reinicio dos traballos, co paso ás negociacións en relatorio da Comisión de Transportes, non garanten que a transferencia chegue a ser aprobada antes da fin da lexislatura estatal e, menos aínda, que o faga nos termos nos que foi acordada por unanimidade no Parlamento galego.

Ponte da AP-9 sobre a ría de Ferrol © Miguel Riopa / Audasa

Unha vez aceptado inicio do trámite no Congreso da proposta do Parlamento galego por ampla maioría absoluta -257 votos a prol, todos os presentes agás Vox- a principios de 2021 (o trámite xa comezara antes, pero quedara suspendido polas eleccións xerais), socialistas e populares presentaron emendas ao texto. En síntese, o PSOE defende transferir á Xunta as competencias de administración e explotación da autoestrada, pero non a titularidade -seguiría sendo propiedade do Estado-, mentres que o PP reclama impoñer ao Goberno de España novas obrigas económicas. [Consulta aquí o texto íntegro das emendas].  

Ante este panorama, Pedro Puy amosouse “escéptico sobre a posibilidade de que o traspaso da AP-9 a Galicia se realice na actual lexislatura estatal coas dotacións económicas pertinentes". "Aínda que debe seguir sendo o noso obxectivo”, dixo, porque cre que “o importante das transferencias á que se lle dea á comunidade autónoma a capacidade financeira suficiente para a xestión, tendo en conta o custo efectivo que a autoestrada supón na actualidade para o Estado”.

“Debemos facer unha fronte común para que os grupos parlamentarios no Congreso saiban que a totalidade do Parlamento galego discrepan de como se está a facer a tramitación desta proposición de lei”, rematou o portavoz parlamentario do PPdeG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.