Pontón pide reunirse con Rueda e Formoso para evitar que "naufrague" o traspaso da AP-9

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, en rolda de prensa este 27 de marzo de 2023 no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

O prolongado percorrido parlamentario da lei para a transferencia da AP-9 á Xunta quedou formalmente desbloqueado a mediados deste mes de marzo no Congreso, onde permanecía embarrancado dende hai dous con máis dunha quincena de prolongacións do para a presentación de emendas. Ese reinicio dos traballos, co paso ás negociacións en relatorio da Comisión de Transportes, non garanten que a transferencia chegue a ser aprobada antes da fin da lexislatura estatal e, menos aínda, que o faga nos termos nos que foi acordada por unanimidade no Parlamento galego.

Con este pano de fondo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, vén de remitir senllas cartas ao presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, e mais ao secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, para propor senllas xuntanzas nas que abordaren o xeito de evitar que o traspaso "naufrague". Trátase, defende a líder do Bloque, de preguntarse nun "momento determinante" se "temos un acordo unánime no Parlamento galego, por que PP e PSOE non o respectan en Madrid".

Vista da AP-9 ao seu paso por Cabanas © ENA

Unha vez aceptado inicio do trámite no Congreso da proposta do Parlamento galego por ampla maioría absoluta -257 votos a prol, todos os presentes agás Vox- a principios de 2021 (o trámite xa comezara antes, pero quedara suspendido polas eleccións xerais), socialistas e populares presentaron emendas ao texto. En síntese, o PSOE defende transferir á Xunta as competencias de administración e explotación da autoestrada, pero non a titularidade -seguiría sendo propiedade do Estado-, mentres que o PP reclama impoñer ao Goberno de España novas obrigas económicas. [Consulta aquí o texto íntegro das emendas]

A líder do BNG reclama aos líderes popular e socialista en Galicia "defender os acordos unánimes do Parlamento galego" e evitar que as emendas presentadas por cadanseus grupos no Congreso impidan que a lei para a transferencia da AP-9 acabe sendo aprobada antes da fin da lexislatura estatal 

Diante destas posicións, sinala Pontón, é "clave que tomemos cartas no asunto e nos fagamos respectar", o que implica "defender os acordos unánimes do Parlamento galego, defender a dignidade do Parlamento e de Galiza". Porque as emendas "ameazan con facer descarrilar a proposición unánime" de transferencia.

O que quere pedir a Rueda e Formoso, sinala, é "moi simple": manter o texto da lei para a transferencia da AP-9 sen alteracións e propiciar así que sexa aprobada nesta lexislatura estatal. "Esta lei non pode naufragar, temos dereito a que a AP-9 se xestione dende Galiza" e para iso, di, cómpre "poñer o interese de Galiza por diante dos intereses partidistas".

Resalta a portavoz nacional do Bloque que as "ata 17 prórrogas do prazo de presentación de emendas" foron, ao seu xuízo, unha nova "manobra" para frear un traspaso que leva anos sufrindo toda "unha carreira de obstáculos" no Congreso, en contraste coa unanimidade galega. Así, lembra, xa en tempos de Rajoy o PP teimou en vetar a norma galega mesmo usando un procedemento que acabou sendo tombado polo Tribunal Constitucional. Ese veto foi erguido polo Goberno do PSOE en 2018, tres meses despois da moción de censura que propiciou a chegada de Pedro Sánchez á presidencia por primeira vez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.