Así manipula o Goberno central a Constitución e a lei galega para vetar o traspaso da AP-9

Feijóo, con Rajoy, De la Serna e outros cargos na inauguración da ampliación de Rande © Xunta

A presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, xuntou este xoves os grupos da Cámara Baixa para tentar desbloquear a parálise lexislativa promovida polo seu propio partido, o PP, e mais por Ciudadanos, ao propiciaren sucesivas prolongacións de trámites parlamentarios para impedir que se cheguen a aprobar novas leis promovidas por outros grupos, que tamén se enfrontan a vetos sistemáticos para concluíren reformas dalgunhas das normas máis polémicas da lexislatura do PP con maioría absoluta. Nese paquete a desbloquear non estará a lei remitida polo Parlamento de Galicia para a transferencia das competencias sobre a AP-9 á Xunta. A razón é que a propia Pastor, tamén co apoio dos de Albert Rivera, rubricou un veto no que o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, teimou esta mesma semana. Para facelo, no entanto, o mandatario manipulou durante o debate a Constitución e a propia lei galega, como fixera o seu departamento noutras ocasións.

Durante a súa resposta a Alexandra Fernández, deputada de En Marea, De la Serna evidenciou que a normativa vixente dá ao Goberno a facultade de "prestar" ou non "conformidade" con que o Congreso tramite unha lei. Foi neste punto no que chegou o retorcemento da normativa. O Executivo, asegurou o ministro, "ten que ter a garantía de que as medidas que se van implantar son mviables dende o punto de vista orzamentario, tal e como recolle a Constitución e o Regulamento desta Cámara". "A Constitución é necesario cumprila e esta circunstancia non se deu" porque a lei galega, mantivo baseándose nun cálculo erróneo, "supón un incremento" do gasto público de "máis de 4.000 millóns de euros".

A explicación constitucional que o ministro de Fomento dá ao bloqueo da lei galega non se corresponde co que indican a Constitución nin o Regulamento do Congreso

A explicación ofrecida polo ministro non se corresponde co texto constitucional, que o que indica é que o Goberno ten que ofrecer "conformidade" a "toda proposición ou emenda que supoña aumento dos créditos ou diminución dos ingresos orzamentarios". Así, aínda no suposto de que a lei galega impactase nos orzamentos do ano en curso -no momento do segundo veto estaban vixentes os de 2017, actualmente aínda prorrogados-, a norma aprobada en Galicia por unanimidade podería seguir adiante se o gabinete de Rajoy quixese. Con ese visto e prace cumpriríase o previsto no Regulamento do Congreso, a lei podería ser tramitada e, despois do correspondente trámite de emendas, podería ser aprobada -actualmente existe maioría dabondo para que saíse adiante mesmo sen o apoio do PP ou Ciudadanos-.

Por recomendación dos letrados do Parlamento a segunda versión da lei galega explicita a ausencia de impacto nos orzamentos vixentes, polo que a razón á que alude o Goberno central non existe

A segunda parte da manipulación dos textos é o referido á lei galega, que segundo a versión do ministro produciría o impacto dos devanditos 4.000 millóns. Alén de que ese cálculo está mal formulado, o certo é que a segunda versión da proposta, a que actualmente se discute, non contén ningunha referencia explícita a posibles impactos orzamentarios directos. Isto sucedeu por recomendación directa dos letrados do Parlamento de Galicia para, precisamente, tentar esquivar o veto. Daquela, non habería base dabondo para que dende La Moncloa se interpoña o veto polo impacto nas contas vixentes, toda vez que este non existe.

Así, a proposición de lei remitida polo lexislativo galego ao estatal indica que, unha vez aprobada a lei, ambos gobernos terán que sentar na Comisión Mixta de Transferencias Estado-Xunta de Galicia para abordar que "medios materiais e orzamentos" habería que incluír no preceptivo real decreto de traspaso. Sería nesa negociación cando se sinalarían os prazos temporais do proceso. Non se dá, polo tanto, impacto ningún nos orzamentos en vigor, aspecto que se reforza na disposición adicional primeira da norma galega: "o traspaso efectivo (...) non suporá incremento ningún dos créditos nin diminución dos ingresos previstos na lei de orzamentos xerais do Estado en vigor", explicita o texto acordado por PPdeG, PSdeG, En Marea e BNG.

Esta manipulación dos textos legais vixentes no Estado e da lei proposta polo Parlamento de Galicia sustenta un recurso ao veto que, como avanzou Praza.gal, foi duramente criticado nos últimos meses non só pola oposición parlamentaria, senón tamén polos letrados do propio Congreso. Así, nun informe asinado pola letrada xefa da Asesoría Xurídica das Cortes, Paloma Martínez Santa María, este corpo de expertos advirte de que o devandito precepto constitucional "non concede" ao Executivo de Rajoy "un dereito de veto ilimitado que poida cercenar a iniciativa lexislativa do Congreso", menos aínda cando, como no caso da AP-9, se alude a un suposto cambio nos orzamentos sen sequera "identificar" a que partidas afecta a lei en cuestión nin incluír "unha mera avaliación do impacto económico" ao que aluden.

Fito quilométrico da AP-9 © Concello de Santiago
Dominio Público Imaxes tiradas do sinal institucional do Congreso dos Deputados

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.