O Goberno de España deu esta semana en alongar a prolongadísima partida político-xurídica sobre a extensión da concesión da Autoestrada do Atlántico coa Comisión Europea, que a ve ilegal
Esta semana o Ministerio de Transportes optou por alongar a xa de seu prolongadísima partida político-xurídica coa Comisión Europea a respecto da concesión da AP-9. Unha cuestión na que, de tan utilizada e comentada, adoita perderse a substancia central: de onde vén o contencioso e quen son os seus protagonistas orixinais.
Se a UE intervén é por unha denuncia da organización de consumidores En Colectivo en 2019. O executivo comunitario abriu expediente a España en 2021 e concluíu neste 2025 que foi ilegal a última prórroga da concesión, a outorgada polo Goberno do PP de José María Aznar no ano 2000, por darlle a Audasa 25 anos máis de explotación -pasando a fin do 18 de agosto de 2023 ao mesmo día de 2048- directamente no canto de convocar un concurso público. Fíxoo, ademais, apenas tres anos antes de privatizar a empresa.

O Executivo de Pedro Sánchez viuse así na tesitura de que defender ante a Comisión Europea os "intereses" do Reino de España neste contencioso supón, de facto, tentar xustificar unha decisión dos tempos de Aznar que, di o Ministerio de Transportes, "vai na dirección contraria" das "políticas de mobilidade e reequilibrio territorial que defende este Goberno". Coa súa contestación desta semana o Ministerio deixa nas mans comunitarias a posibilidade de levar a cuestión ao Tribunal de Xustiza da UE coa vontade declarada de "esgotar as posibles opcións de resposta".
Xunta e PP súmanse ás voces a prol do rescate da AP-9 cun matiz relevante: borrar da escena a José María Aznar, baixo cuxo mandato a fin da concesión pasou de 2023 a 2048, e atribuír a prórroga a Pedro Sánchez
Mentres todo isto sucede, en Galicia multiplícanse as voces políticas e económicas que piden "aproveitar" a ocasión para rescatar a concesión e, en calquera caso, converter a AP-9 nunha autovía. Isto é, nun vial de alta capacidade no que as persoas usuarias non deben pagar directamente por circular. Con diversos tons ou propostas pídeno o BNG e o PSdeG, asociacións de transportistas, concellos... E tamén a Xunta e o PP, no seu caso cun matiz relevante: borrar da escena a un José María Aznar que esta mesma semana retornaba aos titulares para marcarlle o camiño ao PP de Alberto Núñez Feijóo na súa posición a respecto do xenocidio en Gaza.
A representación máis gráfica deste intento protagonizouna poucos días atrás un deputado do PP no Parlamento habitualmente ausente da primeira liña. Roberto Rodríguez, tamén concelleiro na Coruña e xerente do Consorcio de Benestar nos tempos de Beatriz Mato como conselleira, defendeu a agora posición oficial do PP a prol do rescate amosando un gráfico na tribuna do Pazo do Hórreo. Tratábase dun cronograma segundo o cal a prórroga de Aznar duraría só dous anos, de 2023 -cando tería que rematar a concesión se o seu Goberno non a estendese- a este 2025, co ditame da Comisión Europea.

De agora en diante, sostivo o parlamentario, o que está "en vigor" é "a prórroga de Sánchez". "A responsabilidade será exclusivamente do Goberno de Pedro Sánchez e do seu socio, o BNG" afirmou Rodríguez nuns días en que diversas voces do Goberno galego e do PP cualificaron a extensión das peaxes na Autoestrada do Atlántico a causa da prórroga como "condena" ou "inxustiza". Un "castigo" a Galicia, segundo a secretaria xeral do partido, Paula Prado, que tería como único responsable o líder socialista e non ao presidente que ampliou a concesión nuns tempos en que entre os altos cargos do Ministerio de Fomento figuraba Feijóo como presidente de Correos.
Cando menos de momento, a vía elixida polo Executivo é a do aumento das bonificacións, que xa chegan ao 75% e que elevan a un terzo os fondos públicos na facturación de Audasa
Coa lei para a transferencia das competencias sobre a autoestrada a coller po no Congreso -tras ser aprobada a súa toma en consideración en 2024 por terceira vez acumula máis de medio cento de prórrogas de prazo de emendas-, todo apunta a que a resolución definitiva do contencioso durará anos. E que, cando menos de momento, a vía elixida polo Goberno de España é a do aumento das bonificacións nas peaxes mesmo ata chegar ao 100% do custo.
Para eses descontos o Estado ten comprometidos xa uns 2.000 millóns de euros ata a fin da concesión, aproximadamente o mesmo montante que, segundo os cálculos máis avultados, custaría o rescate. Esas medidas, unha das bases dos pactos de BNG e PSOE para a investidura de Sánchez, son as mesmas que xa permiten rebaixas de ata o 75% nas tarifas e contribúen decisivamente a que tres de cada dez euros que ingresa Audasa xa sexan fondos públicos -33 millóns nos primeiros seis meses deste ano polas bonificacións-. Ao tempo, a AP-9 volve ser, por enésima vez, a gran protagonista nos debate sobre a mobilidade en Galicia, sepultando todos os demais.