PP e Vox votan contra o acordo de PSOE, BNG e Sumar para transferir a AP-9 á Xunta, que segue adiante

Congreso dos Deputados © Congreso dos Deputados

A transferencia debe aprobarse como lei orgánica, o que require nun seguinte paso do voto a favor de 176 dos 350 escanos do Congreso, para o que podería ser necesario o apoio dos populares

O acordo anunciado este luns entre PSOE, BNG e Sumar para transferir a titularidade da AP-9 á Xunta continúa a súa tramitación no Congreso dos Deputados despois de que este martes obtivese a aprobación do relatorio constituído nesa Cámara para a súa análise. Nese foro PP e Vox votaron en contra sen que os seus votos fosen decisivos, pero nunha seguinte fase, cando o texto sexa analizado polo Pleno, podería precisar do apoio dos populares para saír adiante con rango de lei orgánica, que require maioría absoluta. 

Proposición de lei orgánica para o traspaso da AP-9 acordada por PSOE, BNG e Sumar no Congreso

A transferencia da titularidade da AP-9 a Galicia vén sendo demandada de xeito unánime polo Parlamento de Galicia desde hai unha década pero primeiro o PP e nos últimos anos o PSOE bloqueárona con distintas estratexias. Este luns PSOE, BNG e Sumar anunciaron un acordo que consistiría na aprobación dunha lei orgánica que ordene ao Estado a transferencia pero que deixaría as condicións concretas en mans da negociación entre Xunta e Goberno de España na Comisión Mixta de traspaso de competencias. 

O acordo agora acadado deixaría as condicións concretas do traspaso en mans dunha negociación entre Xunta e Goberno de España, sen recoller expresamente a textualidade da proposta unánime do Parlamento de Galicia

O texto da lei orgánica agora pactado non reproduce textualmente a proposición remitida polo Parlamento de Galicia ao Congreso, o que levou este luns ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a esixir que se respecten "os termos que acordou o Parlamento". Rueda puxo o foco en tres cuestións contempladas naquel primeiro texto: que o Goberno de España ten que se seguir financiando as rebaixas de peaxe xa comprometidas, que Galicia ten que recibir fondos a maiores para financiar novas rebaixas e que se suprima o incremento adicional das peaxes nun 1% adicional entre 2018 e 2038 para compensar a Audasa a ampliación da autoestrada.

O texto acordado no Congreso cita expresamente a primeira desas cuestións pero non as outras relativas a outras modificacións da concesión que afecten ás peaxes, que resume en que a futura Comisión Mixta entre Xunta e Estado "deberá establecer a obriga da aprobación das revisións ordinarias e extraordinarias de tarifas que ditas modificacións estableceran".

Alberto Pazos (PP), Ana Pontón (BNG) e José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG), defendendo a admisión a trámite da lei para o traspaso da AP-9 no pleno do Congreso en xuño de 2024 CC-BY-SA PP | BNG | PSdeG

Ese acordo de PSOE, BNG e Sumar foi votado en contra este martes polos populares argumentando tamén que non se lles dera tempo para poder analizar a fondo a proposta. Unha negativa que este martes non foi un obstáculo para que o texto siga a súa tramitación pero que si o podería ser cando chegue á votación final polo Pleno do Congreso, onde se require o apoio de 176 dos 350 deputados para que poida ser aprobado como lei orgánica.

Este martes os populares lamentaron que o acordo de PSOE, BNG e Sumar non concrete unha cuestión "tan relevante como é o financiamento por parte do Estado e que non cumpre coas expectativas e reclamacións que Galicia fixo por unanimidade". Pola súa banda, o PSOE considera que "PP e Vox tentaron rebentar o acordo da AP-9, pero non o conseguiron" e pide explicacións a Rueda. E o BNG di que os populares "buscan pretextos formais para votaren en contra de acordos unánimes no Parlamento de Galiza".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.