Audasa remata os carrís adicionais de Rande para cobrar por eles canto antes pero mantén obras na estrutura vella

Convenio entre Fomento e Audasa que regula a ampliación da ponte de Rande CC-BY-SA Praza Pública

A ampliación da ponte de Rande que está a executar a concesionaria, Audasa, pagarase a través do incremento da peaxe en toda a autoestrada nun 1% anual durante os próximos 20 anos. O convenio que así o autorizou establece que ese incremento se produza a partir do 1 de xaneiro do ano seguinte ao remate das obras, pero malia que o ministro de Fomento admitiu este mércores que os traballos aínda continuarán, Audasa está igualmente a apurar as obras para pór en servizo a ampliación antes do próximo xaneiro. A clave está en que tal e como está redactado o convenio entre Fomento e Audasa, esta cobrará cando finalice “as obras de ampliación”, isto é, os novos carrís exteriores, e non a renovación de elementos aínda pendente na vella estrutura central do viaduto, que é onde continuarán os traballos.

Este xoves o presidente Feijóo confirmaba que é polos carrís exteriores que se engadiron ao vello taboleiro central polo que cobrará Audasa, de aí a súa presa por rematar eses engadidos pero non outras actuacións na parte orixinal da ponte

Este mércores o propio ministro Íñigo de la Serna foi moi preciso ao indicar que os traballos en Rande aínda continuarán varias semanas no taboleiro central da ponte. E este xoves o presidente Feijóo confirmaba que é polos carrís exteriores que se engadiron a ese vello taboleiro central polo que cobrará Audasa, de aí a súa présa por rematar eses engadidos pero non outras actuacións na parte orixinal da ponte.

Por outra banda, este mércores o ministro indicou que, aínda que os novos carrís exteriores entren en servizo antes de fin de ano, ten que aprobarse un real decreto para o que é necesario un informe do Consejo de Estado, o que demorará “uns meses” a autorización a Audasa para que incremente a peaxe. Tras esas declaracións, fontes de Fomento indicaron que esa suba poderá aplicarse a partir do momento en que se aprobe o real decreto ao longo dos próximos meses sen ter que agardar ao 1 de xaneiro de 2019. Porén, iso non é o que di o texto do convenio.

O convenio só permite aplicar a suba “simultaneamente coas revisións ordinarias de tarifas”, que se producen cada 1 de xaneiro

No acordo publicado polo último Goberno central socialista no BOE poucos días antes das eleccións xerais de 2011 o que se reflicte é que a suba será “de aplicación a partir do 1 de xaneiro do ano seguinte a aquel en que finalicen as obras de ampliación de capacidade”, isto é, os carrís exteriores, pero insistindo en que o incremento “aplicarase simultaneamente coas revisións ordinarias de tarifas”. E esas revisións ordinarias son as que se realizan cada 1 de xaneiro.

Isto é, aínda que Fomento puidese considerar que Audasa ten dereito a cobrar desde o 1 de xaneiro de 2018 porque xa rematou os carrís exteriores e que pola súa demora en aprobar o real decreto non o poderá facer ata mediados de ano, o convenio indica expresamente que o incremento ten que ser “simultáneo coas revisións ordinarias”, revisión que non se realizaría ata o 1 de xaneiro de 2019.

Ponte de Rande, coa vella plataforma orixinal no centro e as dúas engadidas a ambos lados para ampliar os carrís de circulación Dominio Público Google Street View

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.