Audasa di que revelar o ditame da UE que ve ilegal a súa prórroga "prexudicaría os intereses públicos"

Cabinas de peaxe da AP-9 © Audasa

O Supremo avala a negativa do Estado, apoiado pola concesionaria, a facer público o procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea contra a ampliación da concesión ata 2048

O Tribunal Supremo vén de rexeitar o intento da Asociación Empresarial de Transporte de Mercancías por Carretera de Galicia (Apetamcor) de coñecer o contido do procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea contra España pola prórroga da concesión da AP-9 a Audasa ata 2048 para así lograr a súa anulación. O tribunal avala a negativa do Goberno de España a facilitar esa documentación por ser un procedemento de infracción aínda non rematado e no proceso Audasa situouse do lado do Estado, que vén rexeitando anular ou rescatar a concesión. Segundo a concesionaria, coñecer os argumentos concretos da UE sobre a ilegalidade da súa prórroga "prexudicaría gravemente os intereses públicos". 

O pasado xullo a Comisión Europea emitiu un ditame motivado no que instou a España a "respectar" a normativa comunitaria sobre concesións tras considerar, no marco dun procedemento de infracción aberto desde 2021, que a prórroga autorizada polo Goberno de Aznar ata 2048 sen concurso público incumprira dita normativa. 

Auto do Supremo que recolle o argumento de Audasa de que facer público o ditame da UE contra a prórroga da súa concesión "prexudicaría os intereses públicos" CC-BY-SA Imaxe: Concello de Santiago | Montaxe: Praza Pública

Tras coñecerse ese paso da UE, a asociación Apetamcor pediu formalmente ao Goberno de España a revisión de oficio de dita prórroga. Pero o Executivo de Sánchez vénse negando tanto a iniciar o procedemento para anular aquela prórroga como a rescatar a concesión e aposta por manter activo o preito coa UE que pode tardar anos en ser resolto pola xustiza europea.

O Goberno de España négase tanto a revisar a prórroga, como lle pediu a asociación de transportistas Apetamcor, como a rescatar a concesión, e aposta por demorar o proceso en Europa

Logo da negativa do Consello de Ministros á súa petición de revisar a concesión, Apetamcor recorreu esa decisión ante o Tribunal Supremo. Nese preito xudicial Apetamcor pediu ter acceso ao expediente de infracción da UE e o ditame motivado da Comisión Europea, pero o Supremo rexéitao. 

Nun auto con data do 12 de maio o alto tribunal asume a argumentación do Goberno de España de que o preito iniciado por Apetamcor é sobre a súa negativa a revisar a concesión mentres que o procedemento de infracción e o ditame da UE é outro proceso administrativo distinto.

Representantes de Apetamcor ao anunciar o pasado decembro o seu recurso ao Supremo CC-BY-NC Cedida

 Para tomar esa decisión o Supremo recibiu alegacións tamén de Audasa. Nelas a empresa asegurou que "a divulgación do Ditame [da UE] non só resultaría contraria ao ordenamento da Unión, senón que prexudicaría gravemente os intereses públicos cuxa tutela ten encomendada o Ministerio, posto que se trata dun procedemento de infracción aínda en tramitación e as cuestións tratadas no mesmo son estritamente confidenciais". 

Tamén a Xunta mantén un preito co Goberno de España para ter acceso a unha documentación que a propia Comisión Europea rexeita divulgar ata que rematan os procedementos de infracción

Esa confidencialidade dos procedementos de infracción da UE mentres non se rematan foi tamén argumentada polo Goberno, pero o Supremo non chega a pronunciarse sobre esa cuestión. O tribunal limítase a rexeitar a petición de Apetamcor de ampliar o seu preito con esa documentación dicindo que "dito documento non forma parte do expediente e polo tanto non procede acceder á ampliación con independencia ou non do seu carácter confidencial". 

Tamén a Xunta mantén un preito xudicial co Goberno de España para ter acceso á documentación do procedemento de infracción europeo. Pola súa banda, tamén a Comisión Europea vén mantendo, neste e noutros procedementos de infracción, que o seu contido, máis alá das súas propias notas de prensa, é reservado mentres non conclúe. 

Agora o Supremo deberá pronunciarse sobre a petición de fondo de Apetamcor de que o Goberno revise a prórroga da concesión sen coñecer en detalle os argumentos que levan á UE a considerala ilegal, segundo o seu propio resumo para os medios de comunicación porque foi outorgada discrecionalmente sen convocar un concurso público. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.