Audasa supera os 100 millóns de euros de beneficio en 2025

Peaxe na AP-9 © Audasa

A concesionaria da AP-9 dispara o seu resultado tras impostos un 11,7% malia que o tráfico sobe só un 4,7% e os ingresos por peaxes un 8,5%

Audasa, concesionaria da autoestrada AP-9, superou en 2025 por primeira vez os 100 millóns de euros de beneficios. Unha cifra que acadou disparando o seu resultado despois de impostos un 11,7% a respecto de 2024 malia que o tráfico medrou só un 4,7% e os ingresos por peaxes un 8,5%. Uns resultados que a empresa comunicou este mércores á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) e cando aínda lle quedan outros 22 anos de concesión sobre a autoestrada.

Segundo os datos facilitados por Audasa, en 2025 a autoestrada ingresou 228 millóns de euros por peaxes, un 8,5% máis que o ano anterior, o que lle reportou un resultado antes de impostos de 134,4 millóns. A empresa pagou 33,6 millóns de euros de impostos sobre beneficios, así que o seu resultado despois de impostos foi de 100,81 millóns de euros, un 11,7% máis que no exercicio anterior.

Audasa xa recibe máis de 86 millóns de euros das arcas públicas a través de bonificacións das peaxes

Dos 228 millóns de ingresos totais por peaxes, Audasa xa recibe máis de 86 millóns de euros das arcas públicas a través de distintas subvencións da Administración ás persoas usuarias. Unha cifra que segue disparándose ano tras ano e que ratifica un negocio redondo para a concesionaria, xa que cada vez ten máis clientes -o tráfico medio na autoestrada o pasado ano foi de 27.839 vehículos, un 4,6% máis que os 26.5050 vehículos do ano anterior- que pagan menos grazas á subvención con fondos públicos pero que deixan un beneficio cada vez maior á empresa.

A concesión da AP-9 debía rematar en agosto de 2023 se en 2000 o Goberno de José María Aznar non a prorrogase 25 anos máis a cambio de que a concesionaria acelerase a súa prolongación ata Ferrol como treito libre de peaxe. Unha prórroga que foi outorgada de xeito discrecional e sen un novo concurso público, o que para a Unión Europea foi ilegal. Porén, malia o preito que mantén a Comisión Europea con España desde hai anos e que así llo reclaman desde Galicia tanto a Xunta como BNG e PSdeG, o actual Goberno insiste en que rescatar a concesión sería máis gravoso que seguir subvencionando as peaxes dos usuarios, como vén facendo de xeito crecente nos últimos anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.