Esta fin de semana remataría a peaxe da AP-9 se Aznar non a prorrogase ata 2048

Recortes das prórrogas da concesión da AP-9 a 2023 e 2048 e dunha imaxe de Aznar intervindo no Congreso, sobre unha vista da ponte da autoestrada sobre a ría de Ferrol © Imaxe AP-9: Miguel Riopa / Audasa | Imaxe Aznar: Congreso dos Deputados | Montaxe: CC BY-NC-SA Praza.gal

A Comisión Europea mantén "en curso" desde hai dous anos un procedemento de infracción contra España pola decisión de 2000 de ampliar a concesión sen un novo concurso público a cambio de que a autoestrada chegase ata Ferrol

Este venres 18 de agosto sería o derradeiro día no que habería que pagar por usar a AP-9 e o sábado 19 xa se podería circular gratis. Así sería se en 2000 o Goberno de José María Aznar non prorrogase a concesión da autoestrada 25 anos máis, ata o 18 de agosto de 2048, no límite legal de 75 anos. 

Fíxoo a cambio de que a concesionaria, Audasa, daquela de titularidade pública, ampliase a infraestrutura ata Ferrol. Pero o fixo de xeito unilateral, sen un concurso público polo medio ao que se puideran presentar outras empresas. Unha decisión que investiga desde hai dous anos a Comisión Europea e que foi seguida tres anos despois pola privatización de Audasa por parte do mesmo goberno de Aznar.

Publicación no BOE da ampliación da concesión da AP-9 ata 2048 e nota oficial sobre a privatización da Empresa Nacional de Autopistas, que incluía a Audasa CC-BY-NC-SA Praza Pública

A concesión para construír e explotar a AP-9 foi outorgada nun Consello de Ministros presidido por Franco no Pazo de Meirás o 17 de agosto de 1973. Quedou publicada no Boletín Oficial del Estado (BOE) ao día seguinte, 18 de agosto. 

A UE constatou que tras o choque do 'Discoverer Entreprise' contra o daquela único acceso a Ferrol o goberno de Aznar "ampliou a duración da concesión da AP-9 sen iniciar previamente un procedemento de licitación pública"

O seu primeiro treito, entre San Lázaro, en Santiago, e A Barcala, nas proximidades da Coruña, non entrou en servizo ata 1979, e os seguintes foron demorándose aínda máis mentres os bancos que lograran a concesión do franquismo non eran quen de facela rendible. Así que o Estado tivo que intervir, primeiro cunha prórroga dun ano durante o goberno de UCD, despois co rescate da concesionaria que se converteu en sociedade pública e novamente con outra prórroga de dez anos en 1994, durante o goberno de Felipe González, a cambio da gratuidade das peaxes nos treitos urbanos da vía e de que se axilizase o treito entre Vigo e Tui. 

Tras esa prórroga o remate da concesión da autoestrada, en mans da daquela pública Audasa, quedou fixado para este 18 de agosto de 2023. Pero o 13 de xaneiro de 1998 o Discoverer Enterprise rachou as amarras no estaleiro de Astano e bateu contra a ponte das Pías, daquela único acceso a Ferrol cruzando a ría desde Fene. Un accidente que levou ao goberno de José María Aznar a acelerar a prolongación da AP-9 ata Ferrol desde Fene, onde remataba daquela. Fíxoo a través dun real decreto publicado no BOE o 5 de febreiro de 2000 que ao tempo que establecía que o novo treito Fene-Ferrol sería libre de peaxe prorrogaba a concesión 25 anos máis, ata o 18 de agosto de 2048.

O Discoverer Entrerprise, encaixado na Ponte das Pías, entre Fene e Ferrol, tras o accidente do 13 de xaneiro de 1998 CC-BY-SA PepedoCouto

O novo remate da concesión quedou fixado en 2048, pero desde hai dous anos a Comisión Europea está a investigar se a prórroga outorgada por Aznar en 2000 foi correcta. A normativa comunitaria de defensa dos mercados e a libre competencia establece que "a prórroga dun contrato de concesión equivale a unha nova concesión que só pode adxudicarse mediante licitación". 

Pero iso non foi o que pasou coa AP-9, cuxa concesión foi prorrogada unilateralmente e sen novo concurso público cando xa estaba en vigor esa normativa europea. De feito, unha portavoz da Comisión Europea confirmou a Praza.gal que o seu procedemento de infracción se centra só nesa última prórroga de 2000, cando "España ampliou a duración da concesión da AP-9 sen iniciar previamente un procedemento de licitación pública".

Aquela foi unha decisión que se tomou cando o Estado aínda controlaba o accionariado de Audasa, pero iso deixou de ser así tres anos máis tarde, cando o mesmo executivo de Aznar privatizaba esa e o resto de concesionarias da desaparecida Empresa Nacional de Autopistas (ENA). Así que aquelas decisións puideron afectar aos mercados, e iso é o que investiga a Comisión Europea desde setembro de 2021 nun procedemento que segue "en curso".

O pasado ano Audasa obtivo uns beneficios de 67,6 millóns de euros, case o seu máximo histórico de 68 millóns acadado en 2010, pero cifra aínda en mil millóns a súa débeda e di que se queda sen concesión reclamaría unha indemnización "significativamente superior"

Porén, no caso de que a prórroga de 2000 non fose legal, Audasa xa vén advertindo de que non pensa quedar de brazos cruzados. A empresa, que o ano pasado logrou uns beneficios de 67,6 millóns de euros, igualando case o pico histórico de 68 millóns acadado en 2010, e cuxo comezo deste 2023 vai na mesma liña, tira de contabilidade para argumentar que a súa débeda financeira pola construción da autoestrada medio século despois de lograr a concesión orixinal é aínda superior aos mil millóns de euros. E xa avanza que se queda sen a concesión porque así o decida a UE reclamaría unha indemnización ao Estado "significativamente superior" a esa cantidade.

En 2021, cando o goberno de Sánchez tramitou os actuais descontos nas peaxes, o Consejo de Estado pediu sen éxito estudar "o rescate da concesión" xa que "conlevaría previsiblemente un significativo aforro"

Por outra banda, uns meses antes de que se coñecese a investigación da Comisión Europea, e no marco da tramitación das rebaixas de peaxes aprobadas en 2021 polo Goberno de Pedro Sánchez, o Consejo de Estado pediu sen éxito ao executivo que en lugar de achegar cartos cada ano dos orzamentos públicos para subvencionar as peaxes de Audasa estudase "a conveniencia de proceder ao rescate da concesión", o que "conlevaría previsiblemente un significativo aforro económico". Non se fixo e agora, á espera do que decida a UE, quedan 25 anos por diante de concesión con peaxes.

Ditame do Consejo de Estado de xullo de 2021 propoñendo ao Ministerio de Transportes que avaliase a posibilidade de rescatar a AP-9 como máis barato que subvencionar as peaxes CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.