O Consello de Ministros autoriza de xeito excepcional o compromiso de gasto plurianual, que o Ministerio de Transportes cuantifica en 2.300 millóns de euros ata o remate da concesión da autoestrada dentro de 27 anos
O Consello de Ministros deste martes autorizou de xeito excepcional comprometer os orzamentos do Estado goberne quen goberne ata 2048, ano en que finaliza a concesión da AP-9, para rebaixar as peaxes desa autoestrada. O Ministerio de Transportes considera que para asumir durante os próximos 27 anos as rebaixas anunciadas (viaxes de volta gratis, 20% de desconto a maiores para usuarios habituais e outras varias bonificacións) serán necesarios 2.300 millóns de euros.
A Lei xeral orzamentaria limita no seu artigo 47 os compromisos de gasto que van máis alá do exercicio en curso aos catro anos posteriores, nos que ademais o gasto comprometido debe irse reducindo progresivamente do 70% do primeiro ano ao 50% do cuarto ano. Pero a propia lei contempla que “o Goberno, en casos especialmente xustificados, poderá acordar a modificación das porcentaxes anteriores, incrementar o número de anualidades ou autorizar a adquisición de compromisos de gasto que deban atenderse en exercicios posteriores no caso de que non exista crédito inicial”. Neses casos “especialmente xustificados” o ministerio de Facenda “a iniciativa do ministerio correspondente, elevará ao Consello de Ministros a oportuna proposta”, que é a aprobada este martes.
O Ministerio de Transportes, xa encabezado pola súa nova titular, Raquel Sánchez, que substitúe a José Luis Ábalos, impulsor das rebaixas na AP-9 anunciadas hai case nove meses tras o acordo PSOE-BNG ao respecto e que agora comezan a concretarse administrativamente, salienta que “o esquema de bonificacións” que aínda deberá ser aprobado nun próximo consello de ministros como Real Decreto “non só non ten precedentes no noso país senón que é o maior da historia nunha autoestrada en Galicia e en España”. Os 2.300 millóns ata 2048 supoñen un gasto duns 85 millóns ao ano nos próximos 27 anos. Como comparación, nos últimos 20 anos a construción do AVE galego supuxo uns 9.000 millóns de euros.
As rebaixas, que Ábalos prometera que estarían en vigor antes de rematar este mes de xullo, foron anunciadas progresivamente polo ex-ministro e agora volven ser ratificadas polo ministerio. Son estas:
Vehículos lixeiros
As bonificacións para vehículos lixeiros requirirán dispoñer de sistema de telepeaxe
Todas as bonificacións para vehículos lixeiros requirirán dispoñer de sistema de telepeaxe.
- Gratuidade de todas as viaxes de volta con telepeaxe: Será gratis o 100% das viaxes de volta todos os días do ano para os vehículos lixeiros sen que teñan que facer un mínimo de viaxes ao mes. Considerarase viaxe de volta cando se realice en sentido inverso no mesmo traxecto dentro das 24 horas seguintes á viaxe de ida, sen necesidade de que se produza no mesmo día natural. Actualmente a concesionaria ten un desconto do 25% para a viaxe de volta dentro do mesmo día laborable.
- Bonificación a maiores do 20% nas viaxes de ida para usuarios habituais: Tamén aplicable só con sistema de telepeaxe, ademais do desconto anterior nas viaxes de volta, os vehículos que fagan máis de 20 viaxes mensuais en calquera treito, que se poden contabilizar como 10 viaxes de ida e volta ao mes, terán un desconto adicional do 20% nas viaxes de ida.
- Rebaixa do 50% entre Vigo e Tui como alternativa á A-55: De xeito adicional aos descontos anteriores, nos treitos da AP-9 entre Puxeiros, en Vigo, e Tui rebaixarase a peaxe nun 50% para incentivar que o tráfico empregue a autoestrada como alternativa á autovía A-55, especialmente perigosa entre Vigo e O Porriño. Actualmente a peaxe do treito Puxeiros-O Porriño é de 1,70 euros para os vehículos lixeiros, polo que a rebaixa deixaríao en 85 céntimos.
- Gratuidade do treito Redondela-Vigo: O treito Redondela-Vigo, que aínda ten peaxe (un euro para os vehículos lixeiros) malia ter inferior recorrido que O Morrazo-Vigo xa liberado del, deixará de tela, cumprindo así unha reclamación da veciñanza da zona cuxa alternativa é unha estrada nacional convertida na práctica nunha travesía urbana moi lenta e sobrecargada de tráfico. No seu momento o PP prometera quitar a peaxe nese treito a cambio de subilas no resto da autoestrada.
Vehículos pesados
As rebaixas para os vehículos pesados non precisarán de dispositivo de telepeaxe, como si será necesario para outros descontos
As bonificacións para os vehículos pesados non precisarán de sistema de telepeaxe.
- 20% de desconto en todos os recorridos da autoestrada e calquera día da semana
- Gratuidade do treito Redondela-Vigo: Neste treito, que dá acceso a unha boa parte do porto de Vigo, tamén os vehículos pesados terán unha bonificación do 100% da peaxe.