Era un segredo a voces que Pedro Sánchez proxectaba realizar unha importante remodelación do seu Goberno antes do mes de agosto. E, finalmente, este sábado anuciou os cambios, amplos, e que afectan "a carteiras fundamentais e ás estruturas de coordinación do Gabinete", como anticipou a primeira hora da mañá a Cadena SER. A crise de Goberno, que busca "impulsar a recuperación económica e social", non afecta aos departamentos responsabilidade de Unidas Podemos.
Nadia Calviño substitúe a Carmen Calvo como número dous do Executivo
Hai varias saídas de persoas cun importante peso no Executivo, comezando pola Vicepresidenta primeira, Carmen Calvo, que deixa o seu posto a Nadia Calviño, que pasa a ser a número dous, un ascenso que incrementa o seu peso e poder. O movemento, ademais, devolve a Yolanda Díaz á Vicepresidencia segunda (a saída de Pablo Iglesias relegouna temporalmente á Vicepresidencia terceira). Teresa Ribera, ministra para a Transición Ecolóxica, pasa a ser a vicepresidenta terceira. Carmen Calvo, ademais, é substituída por Félix Bolaños como ministro de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática.
Sae tamén do Goberno Iván Redondo, ata agora xefe de gabinete de Pedro Sánchez, que é substituído por Óscar López, unha persoa tamén moi próxima a Sánchez.
Marchan tamén Arancha González Laya, José Luis Ábalos, Juan Carlos Campo, Pedro Duque e José Manuel Rodríguez Uribes, o mesmo que Iván Redondo
Hai cambios en varias carteiras. A ministra de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, Arancha González Laya, é substituída por Manuel Albares, actual embaixador español en Francia.
Outro dos cambios máis significativos é o de José Luis Ábalos, ata agora ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Será substituído pola actual alcaldesa de Gavà, Raquel Jiménez.
Hai cambios tamén no Ministerio de Educación e Formación Profesional, onde actual responsable, Isabel Celaá, deixa o posto, que é ocupado por Pilar Alegría, actual delegada do Goberno en Aragón.
De igual xeito, tamén Pedro Duque, Ministro de Ciencia e Innovación, deixa o Goberno, e é substituída nesta carteira por Diana Morant, ata agora alcaldesa de Gandía.
Outros dos abandonos máis significativos son os de José Luis Ábalos, ata agora ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, e de Isabel Celaá, ata agora ministra de Educación
O mesmo sucede co Ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes, relevado por Miquel Iceta, ata agora ministro de Política Territorial. A esta carteira incorpórase Isabel Rodríguez (actual alcaldesa de Puertollano), que se converte tamén en portavoz do Goberno.
Ademais, a actual presidenta do Senado, Pilar Llop, será a nova ministra de Xustiza, relevando a Juan Carlos Campo.
Un Goberno máis "político"
O obxectivo destes cambios é dar un novo impulso ao Goberno para a segunda metade do seu mandato. Sánchez busca un Executivo máis "político" para enfrontar o proceso de recuperación económica
Pedro Sánchez compareceu pouco despois das tres da tarde para comunicar os cambios introducidos no seu gabinete, cos que busca "reforzar a recuperación económica e a creación de emprego", dixo. Nos recambios destaca o feito de que unha parte importante das novas caras proceden do municipalismo, con varias ex-alcaldesas con experiencia de xestión en cidades e vilas. Tamén o rexuvenecemento do Executivo, cuxa idade media pasa de 54 a 50 anos. E tamén a súa feminización, pois a incorporación de máis mulleres tradúcese en que a porcentaxe de ministras pasa do 54% ao 63%.
O obxectivo destes cambios é dar un novo impulso ao Goberno para a segunda metade do seu mandato, pois Pedro Sánchez non baralla un adianto electoral. Sánchez busca un Executivo máis "político" para enfrontar o proceso de recuperación económica unha vez superada a pandemia e no contexto dun enfrontamento cada vez máis polarizado contra PP e VOX, fortalecidos trala vitoria de Ayuso en Madrid. Os novos ministros e ministras tomarán posesión este luns e o martes xa participarán no seu primeiro Consello de Ministros.