As peaxes na AP-9 baixarán un 20% para os vehículos pesados desde a primeira viaxe

O ministro Ábalos participou este xoves na inauguración da restauración da cripta e a escalinata da catedral de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

O ministro Ábalos lembra o seu compromiso de que as rebaixas na autoestrada estean en vigor en xullo pero admite que a tramitación administrativa é complexa

A mes e medio de que remate o prazo comprometido polo propio ministro de Transportes, José Luis Ábalos, para que estean en vigor as anunciadas rebaixas de peaxes na AP-9, este xoves sumou en Santiago un novo desconto aínda non coñecido, que reducirá un 20% as peaxes “aos vehículos pesados” desde a primeira viaxe. O propio ministro lembrou o seu compromiso, explicitado a comezos de abril, de que as rebaixas estean en vigor en xullo e di que esa foi a orde que deu ao seu equipo, pero matizou que a tramitación é “complexa” e “garantista”.

Cabinas de peaxe da AP-9 © Audasa

As rebaixas anunciadas ata agora incluían a gratuidade para os vehículos lixeiros das viaxes de volta que se produzan nas 24 horas seguintes á de ida calquera día da semana, un desconto a maiores do 20% tamén nas viaxes de ida para os vehículos que fagan máis de 20 viaxes ao mes en calquera treito (ou 10 de ida e volta), a gratuidade do treito Redondela-Vigo e unha rebaixa do 50% entre Vigo e Tui como alternativa á perigosa A-55. Porén, cando en abril anunciou estas medidas o ministro limitouse a prometer tamén rebaixas para os vehículos pesados pero sen concretar en que medida.

As rebaixas para os vehículos pesados non precisarán de dispositivo de telepeaxe, como si será necesario para outros descontos

Tras reclamacións nos últimos días por parte de colectivos de transportistas e da Xunta, este mércores, nunha visita a Santiago para inaugurar as obras de restauración da cripta e da escalinata do Obradoiro da catedral, Ábalos concretou esas rebaixas para os vehículos pesados. Segundo dixo, verán reducida a peaxe nun 20% xa desde a primeira viaxe, sen ter en conta o número de recorridos nin se son de ida e volta. Tamén dixo que non será necesario dispoñer de dispositivo de telepeaxe, como será preciso para algunhas das outras rebaixas. Pola contra, o ministro non concretou a que se refería con “vehículos pesados” xa que estes poden ser de dúas categorías en función do seu número de eixos. 

Importes oficiais das peaxes da AP-9 este 2021 © Audasa

Coas actuais tarifas da AP-9 para este ano unha rebaixa do 20% suporía que se a viaxe entre Santiago e Pontevedra para un camión dos máis grandes custa 12,65 euros, pasaría a uns 10,10 euros. Ou os 15,30 euros que custa a peaxe deses mesmos vehículos pesados de tipo 2 entre A Coruña e Santiago quedaría nuns 12,25 euros. Segundo a cifra que deu o ministro, a rebaixa suporá un aforro de cando menos 6 millóns de euros ao ano para o sector do transporte.

Ábalos tamén se referiu ao debate sobre o posible cobro de peaxes por circular polas autovías, do que dixo que o ministerio non ten ningún estudo novo ao respecto que os que se elaboraron durante os gobernos centrais do PP. O ministro asegurou que só se comunicou a Bruxelas esa posibilidade para poder recibir axudas comunitarias pero que cando o ministerio teña unha proposta concreta será comunicada e debatida co sector e co resto de partidos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.