Ábalos liga algunha das bonificacións a ter dispositivo de telepeaxe e anuncia a redución ao 50% das peaxes entre Vigo e Tui para impulsar a autoestrada como alternativa á perigosa autovía A-55
“Esperamos implantar estas bonificacións no mes de xullo”. Ese é o prazo que se dá o ministro de Transportes, José Luis Ábalos, para rematar a tramitación e poñer vigor os descontos na AP-9 que o PSOE comprometeu co BNG na investidura de Pedro Sánchez hai máis dun ano e que conta con consignación nos orzamentos deste ano. Así o verbalizou este venres en Santiago tras unha nova reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, continuidade da que mantiveron en Madrid hai un mes e tras a que os dous concretaron algunhas das rebaixas que se implantarán e deixaron no aire outras. “O importante agora é avanzar na negociación coa concesionaria, se logramos un acordo todo irá moito máis rápido”, dixo Ábalos.
Isto é o que se sabe do que Ábalos cualificou como “marco de bonificacións sen precendentes”, o maior do Estado:
- Gratuidade de todas as viaxes de volta con telepeaxe: Será gratis o 100% das viaxes de volta todos os días da semana para os vehículos lixeiros que teñan dispositivo de telepeaxe sen que teñan que facer un mínimo de viaxes ao mes. Considerarase viaxe de volta cando se realice en sentido inverso dentro das 24 horas seguintes á viaxe de ida, sen necesidade de que se produza no mesmo día natural. Actualmente a concesionaria ten un desconto do 25% para a viaxe de volta dentro do mesmo día laborable. O ministro especificou que este desconto está ligado aos dispositivos de telepeaxe, pero non dixo nada a respecto das outras rebaixas que enumerou a continuación.
- Bonificación a maiores do 20% nas viaxes de ida para usuarios habituais: Ademais do desconto anterior nas viaxes de volta, os vehículos que fagan máis de 20 viaxes mensuais “en calquera treito”, que se poden contabilizar como 10 viaxes de ida e volta ao mes, terán un desconto adicional do 20% nas viaxes de ida.
- Bonificacións para vehículos pesados: Ábalos e Feijóo dixeron que estes transportes tamén contarán con bonificacións, pero non as concretaron como no caso dos vehículos lixeiros.
- Rebaixa do 50% entre Vigo e Tui como alternativa á A-55: O ministro asegurou que de xeito “adicional” aos descontos anteriores, nos treitos da AP-9 entre Puxeiros, en Vigo, e Tui rebaixarase a peaxe nun 50% para incentivar que o tráfico empregue a autoestrada como alternativa á autovía A-55, especialmente perigosa entre Vigo e O Porriño. Actualmente a peaxe do treito Puxeiros-O Porriño é de 1,70 euros para os vehículos lixeiros, polo que a rebaixa deixaríao en 85 céntimos.
- Gratuidade do treito Redondela-Vigo: Ábalos asegurou que o treito Redondela-Vigo, que aínda ten peaxe (un euro para os vehículos lixeiros) malia ter inferior recorrido que O Morrazo-Vigo xa liberado del, deixará de tela, cumprindo así unha reclamación da veciñanza da zona cuxa alternativa é unha estrada nacional convertida na práctica nunha travesía urbana moi lenta e sobrecargada de tráfico. No seu momento o PP prometera quitar a peaxe nese treito a cambio de subilas no resto da autoestrada.
- Peticións da Xunta a estudo polo ministerio: Feijóo asegurou que Ábalos comprometeuse a estudar outras propostas de rebaixas a maiores como a que xa ten implantada a Xunta nas súas dúas autoestradas entre as 0 e as 6 horas para incentivar o uso desas vías fronte a outras en horario nocturno ou a prometida en 2019 e aínda non implantada de rebaixar as peaxes ás familias numerosas.
Ademais da AP-9, as conversas entre Xunta e ministerio xiraron arredor do porto da Coruña, para cuxa conexión ferroviaria en Punta Langosteira Ábalos comprometeuse a pedir fondos europeos. Sobre a débeda da Autoridade Portuaria, o ministro reiterou que Puertos de Estado está disposto a renegociala, sen mencionar ningunha condonación, e deixou en mans do concello o destino dos terreos que queden sen uso no centro da cidade.
Ábalos reiterou que a liña de alta velocidade coa Meseta entrará en servizo no outono e nela operarán, cando rematen a súa posta en servizo, trens Avril de ancho de rodadura variable que poidan chegar ao resto de cidades galegas e non só a Ourense
En materia ferroviaria, reiterouse que o AVE coa Meseta entrará en servizo no outono e na liña operarán posteriormente, cando rematen a súa posta en servizo, trens Avril de alta velocidade con ancho de rodadura variable que lles permita chegar ao ao resto das cidades galegas e non só a Ourense, onde rematará a vía de ancho internacional fronte ao resto da rede galega que seguirá en ancho ibérico. Sobre a mellora da conexión ferroviaria con Lugo que Adif xa ten en marcha, Feijóo dixo que conta con que estea operativa en 2024. Igualmente, Ábalos reiterou que este mes de abril prevé a licitación dun novo estudo de alternativas para a saída sur de Vigo.
“Imos seguir véndonos cando menos cada catro meses, o que o presidente considere”, dixo Ábalos sobre este tipo de encontros con Feijóo.