Os automóbiles e o resto de vehículos lixeiros ven reducida a peaxe un máximo dun euro por viaxe e só no caso de ter telepeaxe
“Desde a súa implantación o pasado mes de outubro e ata o 30 de novembro, os descontos permitiron bonificar case 33.800 viaxes nocturnas”. Así confirmou este xoves a Xunta que a rebaixa do 50% das peaxes a quen empregue as dúas autoestradas da súa titularidade, a AG-55 A Coruña-Carballo e a AG-57 Vigo-Val Miñor, entre as doce da noite e as seis da mañá está a beneficiar a apenas o 2% do total de usuarios desas vías, uns 550 cada noite fronte aos 27.000 vehículos que as empregan de media ao longo de cada xornada. O aforro é de menos dun euro no caso dos automóbiles, e só é aplicable aos usuarios con dispositivo de telepeaxe.
A Xunta ofreceu a cifra sobre o total de viaxes nocturnas bonificadas nos dous primeiros meses de implantación da rebaixa ao tempo que informou, tras a reunión semanal do Goberno galego deste xoves, de que vai renovar o convenio coa concesionaria para a bonificación das peaxes ata 2023. Un acordo que inclúe tanto esa rebaixa en horario nocturno implantada en outubro como a bonificación o ano próximo das viaxes ás familias numerosas ou a xa existente desde 2010 que rebaixa o 25% na viaxe de retorno dos vehículos que realicen un itinerario de ida e volta en xornadas laborables pagando con telepeaxe e o 50% na mesma viaxe de retorno a partir do segundo itinerario de ida e volta no mesmo día laborable.
No caso das viaxes nocturnas, as menos de 33.800 bonificacións que cuantifica a Xunta nos meses de outubro e novembro supoñen unhas 550 viaxes diarias. A cifra é apenas o 2% dos 27.000 usuarios ao día que suman as dúas autoestradas: a AG-55 A Coruña-Carballo rexistrou en 2018, último ano de datos oficiais dispoñibles, 15.127 vehículos en todo o día, e a AG-57 Vigo-Val Miñor 11.592 usuarios diarios. Deles, os usuarios nocturnos entre as doce da noite e as seis da mañá son unha moi pequena parte, que á súa vez só poden beneficiarse do desconto se teñen o dispositivo de telepeaxe.
A medida podería ter un maior alcance se a franxa horaria se ampliase só unha hora máis, ata as 7 de mañá, cando comeza a subir notablemente o tráfico
A consulta dos datos oficiais da Xunta revela que a medida podería ter un maior alcance se simplemente a franxa horaria da rebaixa se estendese unha hora máis, ata as 7 da madrugada, xa que é xusto ás 6 cando as curvas que reflicten o número de usuarios comezan a aumentar nas dúas autoestradas autonómicas. Por exemplo, se entre as 5 e as 6 polo punto con máis tráfico da AG-55 pasan 79 vehículos de media en día laborable, entre as 6 e as 7 a cifra pasa a 219 vehículos, e dispárase a 1.114 a partir das 7.