Autovías de peaxe? Cada galego pagará 760 euros polas da Xunta ao longo dos próximos anos

Inauguración en 2016 da Autovía da Costa da Morte, a última aberta con peaxe na sombra, e gasto xa comprometido nese tipo de infraestruturas para os próximos anos CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno central reabre o debate sobre se as infraestruturas deben mantelas os usuarios ou toda a cidadanía mentres o Consello de Contas vén de cuantificar en máis de 2.000 millóns de euros os pagamentos pendentes polas autovías galegas de peaxe en sombra

O Goberno central vén de reabrir o debate sobre o mellor xeito de asumir o mantemento das infraestruturas viarias suxerindo a posibilidade de implantar unha peaxe “simbólica” tamén nas autovías, que ata o de agora eran gratuítas para os seus usuarios. A cuestión de fondo é se as infraestruturas debe mantelas quen as emprega de xeito directo ou toda a cidadanía que se acaba beneficiando delas colateralmente. En Galicia, o Consello de Contas vén de entregar ao Parlamento un informe que cuantifica en máis de 2.000 millóns de euros (uns 760 euros por galego) o gasto futuro dos orzamentos xerais da Xunta xa comprometido para ir pagando durante os próximos anos as autovías gratuítas para o usuario pero con peaxe na sombra impulsadas polos últimos gobernos galegos.

O debate sobre o custo de mantemento das infraestruturas viarias prodúcese ao tempo que varias autoestradas de peaxe no resto do Estado están chegando á fin dos seus prazos concesionais. O actual Goberno central socialista optou por, chegado ese punto, non volver entregalas en concesión senón liberalas de peaxe, o que supón aumentar o custo de mantemento da rede viaria a conta dos orzamentos xerais. Unha posibilidade para compensar esa situación sería cobrar unha contía reducida tamén aos usuarios das autovías ata agora sen peaxe para, con eses cartos, reducir e homoxeneizar o custo dispar das peaxes nas autoestradas, ou facilitar a súa recuperación polo Estado ao rematar as concesións.

Pagamentos pendentes polas autovías con peaxe en sombra segundo o informe entregado polo Consello de Contas no Parlamento o 26 de xullo CC-BY-SA Praza Pública

Coa peaxe en sombra unha concesionaria executa a obra e despois a administración e non o usuario vai pagándolle ao longo de varios anos

En Galicia aínda quedan décadas para recuperar algunha das catro autoestradas de peaxe existentes: as dúas autonómicas da Costa da Morte (AG-55) e Val Miñor (AG-57) teñen concesións ata 2045, mentres que as estatais AP-9 e Santiago-Lalín (AP-53) chegan ata 2048 e 2074 respectivamente. Pero os galegos xa están a pagar peaxe por varias autovías autonómicas, as construídas nos últimos anos coa modalidade de peaxe en sombra, sistema polo que a administración encarga a unha concesionaria a construción inicial da infraestrutura para despois irlla pagando en anos sucesivos xunto co mantemento en función do tráfico que se rexistre ou da dispoñibilidade da infraestrutura.

Os últimos gobernos galegos recorreron ás peaxes en sombra co argumento de que era o único xeito de impulsar a rápida construción de infraestruturas gratuítas para os usuarios en momentos en que os orzamentos públicos non permitían asumir directamente as obras. Porén, o modelo fracasou tanto no caso da Autovía da Costa da Morte, que houbo que licitar tres veces, como na Autovía do Morrazo, cuxa construción acabou asumindo directamente a Xunta

Feijóo na inauguración o 21 de xuño da Autovía do Morrazo que inicialmente ía construírse con peaxe en sombra pero finalmente foi asumida directamente pola Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

O propio Feijóo, que como conselleiro de Fraga impulsou a peaxe en sombra para as autovías do Salnés e Barbanza, renega agora dese sistema

O propio Feijóo, que como conselleiro de Fraga impulsou a peaxe en sombra para as autovías do Salnés e Barbanza, renega agora dese modelo. Un sistema polo que a Xunta xa ten comprometidos gastos plurianuais para as próximas décadas que suman 2.053 millóns de euros, segundo o último informe do Consello de Contas, entregado o pasado 26 de xullo ao Parlamento. Unha contía na que, ademais das autovías da Xunta, tamén se inclúe a supresión ou redución de peaxes aos usuarios asumida polo Goberno galego en autoestradas estatais como a AP-9 en Rande e A Barcala, e á que hai que sumar o mantemento ordinario do resto da rede viaria autonómica.

“O pago aprazado para o financiamento de infraestruturas públicas xera incerteza canto á sustentabilidade futura das finanzas e traslada a carga dos investimentos presentes ás xeracións futuras”, censura o Consello de Contas

Como en anos anteriores, o Consello de Contas advirte contra a tentación de seguir empregando ese modelo: “A utilización de fórmulas de pago aprazado para o financiamento de infraestruturas públicas xera incerteza en canto á sustentabilidade futura das finanzas e traslada a carga dos investimentos presentes ás xeracións futuras”. Isto é, non é só que cada un dos 2,7 millóns de galegos, use ou non esas autovías, deba xa 760 euros a pagar durante os próximos anos por esas peaxes en sombra, senón que esa débeda pesa xa tamén sobre os galegos que aínda non naceron.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.