Feijóo inaugura con catro anos de atraso unha infraestrutura cuxa primeira fase, o anterior Corredor que xa prevía o actual desdobramento, comezou a construírse sendo el conselleiro de Fraga e en 5 anos quedou obsoleto
O 9 de maio de 2003, catro meses despois de ser nomeado por Manuel Fraga Conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo colocaba a primeira pedra das obras do Corredor do Morrazo, unha vía rápida dun carril por sentido, anunciando que aquela era a “primeira fase” da súa futura conversión en autovía con dous carrís por sentido. Este venres, 14 anos despois de rematarse aquela obra, Feijóo inaugurou a prometida duplicación en autovía de 11 quilómetros daquel Corredor previo, unha actuación que o seu primeiro Goberno anunciou en 2010 que estaría en 2015 pero que se demorou catro anos máis pola súa incorrecta planificación.
Os 8 anos agora empregados para desdobrar en autovía 11 quilómetros do Corredor do Morrazo veñen bater o récord dos mesmos 8 anos que lle levou á Xunta construír 27 quilómetros da Autovía da Costa da Morte, prometida tras o Prestige pero non inaugurada ata 2016 tras un historial similar de erros na súa planificación.
Aquela primeira pedra que o conselleiro Feijóo colocou nas obras do Corredor do Morrazo en 2003 foi a concreción dun traballo previo de planificación da infraestrutura por parte do seu antecesor, Xosé Cuiña, que malia deseñar inicialmente unha vía dun carril por sentido deixou xa expropiados boa parte dos terreos necesarios para unha futura ampliación a autovía. O corredor inicial xa non sería inaugurado por Feijóo senón polo bipartito poucos meses despois de chegar á Xunta en 2005, e só cinco anos máis tarde, en 2010, co PP de novo no Goberno galego, varios accidentes con 8 mortos e un tráfico cada vez máis elevado evidenciaron que a vía quedaba obsoleta e levaron a tomar a decisión do seu desdobramento.
A Xunta agardou a despois das xerais de 2011 para anular a primeira licitación tras mantela durante meses coa metade da mesa contratación imputada malia que na oposición Feijóo pedira a dimisión da socialista Caride por unha situación similar no Barbanza
A obra da autovía, que avanzou a golpe de eleccións, foi licitada por primeira vez a comezos de 2011, pouco antes dos comicios municipais daquel ano, cun prazo de execución máximo de 40 meses que debía tela rematada antes de 2015. En plena crise a Xunta argumentou que non tiña cartos propios para asumir os 87 millóns de euros da obra e deseñou aquel concurso como unha colaboración público-privada na que incluíu tamén o mantemento do resto de estradas autonómicas da comarca do Morrazo por 364 millóns a pagar durante 25 anos. Porén, aquel concurso apenas suscitou interese no sector e só se presentou unha oferta, liderada pola despois quebrada Isolux Corsan, que a Xunta considerou irrealizable e a levou a, unha vez superadas as eleccións xerais de novembro de 2011, anular o proceso admitindo que aquel modelo fora errado.
Durante o tempo que durou aquel logo frustrado concurso a oposición afeou ao Goberno galego que tres dos seis membros da mesa de contratación estivesen imputados no caso Campeón de tráfico de influencias. Aquilo chegaba despois de que, durante o bipartito, unha situación similar da mesa de contratación da Autovía do Barbanza levase ao propio Feijóo a pedir a dimisión da daquela conselleira socialista María José Caride. Nos dous casos as imputacións acabaron arquivadas.
O Goberno galego foi avanzando coa tramitación da autovía xusto antes de varias convocatorias electorais e anunciando as súas demoras e molestias para a cidadanía unha vez superados sucesivos comicios
Durante os seguintes tres anos pouco máis se soubo da prometida Autovía do Morrazo. Ata que o 13 de abril de 2015, un mes antes das novas eleccións municipais do 24 de maio dese ano, a Xunta anunciou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova licitación da construción do primeiro dos tres treitos en que decidiu fragmentar a obra para acometela agora máis lentamente con fondos propios e xa non con colaboración público-privada. Do mesmo xeito, o segundo treito licitouno no DOG o 16 de decembro de 2015, catro días antes das eleccións xerais do 20 de decembro daquel ano.
Ese inicio definitivo das obras non supuxo que estas avanzasen sen interrupción. O Goberno galego prometeu que os traballos de desdobramento serían compatibles coa circulación de vehículos polo corredor. Pero non foi así. A Xunta non tivo en conta no seu proxecto nin a afección ao castro de Montalegre que se viu obrigada a protexer mellor cun túnel non previsto inicialmente nin a inestabilidade dun noiro, actuacións que levaron ao Goberno galego a sucesivos cortes da circulación. O primeiro deses cortes de tráfico que incumprían a promesa da Xunta non sería comunicado de xeito público ata o 28 de outubro de 2016, un mes despois das eleccións autonómicas do 25 de setembro dese ano. O corte máis importante, que facilitou os traballos das construtoras e que estas puidesen cumprir os novos prazos comprometidos, prolongouse máis de medio ano, entre finais de 2017 e mediados de 2018, cando Feijóo inaugurou os dous primeiros treitos da autovía, uns 7,3 quilómetros.
"Cumprimos coa palabra dada e hoxe a Autovía do Morrazo é unha realidade", dixo Feijóo na inauguración deste venres malia os incumprimentos da Xunta
Agora, un ano máis tarde, Feijóo volve a unha nova inauguración na Autovía do Morrazo, a dos seguintes 4 quilómetros, que custaron 18 millóns de euros para elevar o total da obra a 56 millóns. "Cumprimos coa palabra dada e hoxe a Autovía do Morrazo é unha realidade", chegou a dicir o presidente malia os incumprimentos da Xunta.
Os oito anos pasados entre a primeira licitación da obra e o remate dos traballos nos 11 quilómetros da Autovía do Morrazo veñen de supoñer un novo récord de lentitude dunha obra da Xunta tras os mesmos oito anos que tamén lle levou rematar en 2016 os 27 quilómetros da Autovía da Costa da Morte tras a súa primeira licitación en 2008. Esa infraestrutura fora prometida tras o afundimento do Prestige en 2002 e licitada tres veces tras sucesivos fracasos dos dous primeiros concursos. Finalmente a vía, que ía ter 42 quilómetros, foi recortada a 27 pola incapacidade da concesionaria para acometer toda a obra. Uns traballos que custaron uns 200 millóns de euros pero polos que a Xunta terá que pagar uns 600 millóns ao longo dos próximos 20 anos polo modelo de colaboración público-privada elixido para ela.