No outono de 2006, hai agora unha década, o afundimento da antiga Vía Rápida do Salnés xusto cando comezaban as obras do seu desdobramento na actual autovía fixo que a Xunta bipartita decidise pechala ao tráfico por treitos preto de catro meses e culpase ao ex-conselleiro popular Xosé Cuiña dunha deficiente construción. Ao tempo, o PP se defendía acusando á daquela conselleira socialista María José Caride de planificar mal a ampliación da vía e colapsar a mobilidade de toda unha comarca. Dez anos despois, o pasado venres a actual conselleira, Ethel Vázquez, anunciou que pechará ao tráfico o treito inicial do Corredor do Morrazo durante algo máis de dous meses a partir deste mércores pola inestabilidade detectada en varios noiros durante as obras de desdobramento en autovía que están en marcha. Aínda que as orixes de ambos problemas semellan diferentes, existen similitudes entre os dous casos. Como hai dez anos no Salnés, cando mesmo se creou unha comisión de investigación parlamentaria, o Morrazo quedará agora sen corredor á espera de ter autovía.
No outono de 2006 o afundimento da vía rápida a Sanxenxo xusto cando comezaban as obras do seu desdobramento en autovía fixo que o bipartito culpase a Cuiña dunha deficiente construción e o PP a Caride por planificar mal a ampliación
Tanto no Salnés en 2006 como no Morrazo agora, a Xunta tiña previsto inicialmente realizar as obras de desdobramento en autovía por fases, de xeito que non houbese que cortar o tráfico na vía preexistente máis que de xeito puntual. Porén, cando eses traballos xa estaban en marcha sobreviu o imprevisto, daquela co risco de afundimento dos tubos de drenaxe e agora co risco de afundimento de varios noiros. O Goberno galego, empregando unha argumentación similar á do bipartito hai dez anos, asegura que o peche ao tráfico -do 2 de novembro ao 21 de decembro e do 8 ao 21 de xaneiro, evitando o Nadal- non só é necesario para garantir a seguridade dos usuarios senón que tamén permitirá axilizar notablemente os traballos de desdobramento en autovía. Un maior prexuízo agora a cambio dun máis rápido desfrute da autovía, xa que ao non haber vehículos polo medio facilítase notablemente o traballo ás construtoras, algo que en 2006 os populares criticaron como un favor ás empresas por parte do bipartito.
A Vía Rápida do Salnés fora inaugurada en 1993 e a investigación parlamentaria aberta sobre ela a raíz do seu afundimento concluíu culpando, co voto de PSdeG e BNG, a Cuiña como responsable político da substitución dos tubos de formigón previstos inicialmente no proxecto polos de aceiro corrugado logo deteriorados co obxectivo de acelerar a construción da infraestrutura por interese político. O PP, que rexeitou esas conclusións, argumentou que os tubos se viran afectados polas obras de desdobramento mal planificadas pola consellería de Caride e asegurou que había xeitos de acometer os traballos menos lesivos para a mobilidade do Salnés que pechar por completo a estrada. O daquela voceiro popular sobre infraestruturas, Alejandro Gómez, chegara a dicir que a oxidación dos tubos metálicos fora culpa do cambio na composición da auga da zona logo da vaga de incendios daquel verán que o bipartito non soubera controlar.
A Vía Rápida do Salnés inaugurouse en 1993 e comezou a desdobrarse en autovía en 2006, mentres que o Corredor do Morrazo abriuse en 2005 e comezou a ampliarse hai un ano
Se no Salnés houbo que esperar 13 anos para que a Vía Rápida comezase a desdobrarse en autovía, no Morrazo esas obras de ampliación iniciáronse aos dez anos da inauguración do corredor. Foi en decembro de 2005 cando o socialista Emilio Pérez Touriño, aos poucos meses de chegar á presidencia da Xunta, puxo en servizo unha infraestrutura que comezara a planificar o mesmo Cuiña máis dunha década antes, xusto tras rematarse a Vía Rápida do Salnés.