Entre a medianoite e as seis da madrugada, o período no que a partir deste martes se implanta a nova medida, circulan polas autoestradas de Carballo e o Val Miñor apenas 750 usuarios ao día que verán reducida a peaxe só no caso de ter telepeaxe
Este martes día 1 de outubro as dúas autoestradas de titularidade autonómica, a AG-55 A Coruña-Carballo e a AG-57 Vigo-Val Miñor, comezan a aplicar un novo desconto do 50% do custe da peaxe a todos os vehículos que circulen por elas entre as cero horas e as seis da madrugada. A medida, amplamente publicitada pola Xunta e o propio presidente Feijóo para botarlle en cara ao actual Goberno central socialista que non aplique máis rebaixas nas peaxes da AP-9 de titularidade estatal que as que xa existían co PP, terá un alcance limitado. Serán menos de medio milleiro de vehículos ao día os beneficiados, por baixo do 2% do total de usuarios das dúas vías, que no caso dos automóbiles aforrarán un máximo dun euro por viaxe.
As rebaixas de peaxes por tramos horarios comezaron a aplicarse en diversas autoestradas de todo o mundo para intentar desviar xeralmente ás horas nocturnas o tráfico especialmente de mercadorías e evitar así colapsos en horas diurnas ou para atraer tráfico das estradas convencionais. No caso das dúas autoestradas autonómicas, as propias cifras oficiais da Xunta revelan que están lonxe de colapsar en ningún momento do día ou do ano e que os seus actuais usuarios nocturnos, que coa nova medida poderían aumentar, son unha parte residual.
No caso da AG-55 A Coruña-Carballo, a súa intensidade media diaria (IMD) no seu punto con máis tráfico, nas proximidades de Arteixo, foi en 2018 de 15.127 vehículos durante todo o día. Pero entre as cero e as seis horas apenas rexistrou un total de 371 usuarios de media, o 2,45% do total.
No caso da AG-57 Vigo-Val Miñor, a súa maior IMD rexístrase nas proximidades do seu enlace coa circunvalación de Vigo, onde o pasado ano tivo 11.592 usuarios ao día de media. Pero no período nocturno incluído na nova rebaixa a media de usuarios foi de apenas 379 ao día, o 3,26% do total.
Os automóbiles e o resto de vehículos lixeiros verán reducida a peaxe un máximo dun euro por viaxe e só no caso de ter telepeaxe
Deses 750 usuarios de media das dúas autoestradas en horario nocturno, os beneficiados da nova medida serán só unha parte, xa que a rebaixa só se aplicará aos vehículos que dispoñan de telepeaxe, dispositivo co que na AP-9, empregada como referencia sobre a súa introdución en Galicia, se pagan pouco máis da metade das peaxes. Isto é, a rebaixa que agora comezará a aplicar a Xunta nas súas dúas autoestradas beneficiará a menos de medio milleiro de usuarios ao día, menos do 2% do total. E farao, no caso dos automóbiles, cun máximo dun euro por viaxe, xa que a bonificación é do 50% e o importe máximo dunha peaxe na AG-55 é actualmente de 2 euros no percorrido máis longo entre A Coruña e Carballo e na AG-57 de 1,70 euros entre Vigo e Baiona.
A consulta dos datos oficiais da Xunta revela que a medida podería ter un maior alcance se simplemente a franxa horaria da rebaixa se estendese unha hora máis, ata as 7 da madrugada, xa que é xusto ás 6 cando as curvas que reflicten o número de usuarios comezan a aumentar nas dúas autoestradas autonómicas. Por exemplo, se entre as 5 e as 6 polo punto con máis tráfico da AG-55 pasan 79 vehículos de media en día laborable, entre as 6 e as 7 a cifra pasa a 219 vehículos, e dispárase a 1.114 a partir das 7.
No momento en que a Xunta gaste máis de 931.000 euros en rebaixar as peaxes, o Goberno galego pode decidir deixar de aplicar o desconto no que quede de ano
A nova rebaixa debería atraer máis usuarios a esa franxa de cero a seis horas na que se rexistra a menor intensidade de tráfico. Pero a propia Xunta xa se impuxo un límite no convenio que asinou coa concesionaria. Se o que desembolse para compensar esas rebaixas supera nalgún momento do ano a cifra de 931.000 euros, o Goberno galego pode decidir nese punto deixar de aplicar ese desconto aos usuarios durante o que reste de ano.
Nas autoestradas autonómicas xa había descontos nas viaxes de volta en días laborables, como na AP-9, na que tamén hai rebaixas entre Vigo e Pontevedra e entre A Coruña e A Barcala
Estas novas rebaixas que comezan a implantarse este martes súmanse á xa existente que bonifica a peaxe un 25% na viaxe de retorno dos vehículos que realicen un itinerario de ida e volta en xornadas laborables pagando con telepeaxe. Ese desconto chega ao 50% na mesma viaxe de retorno a partir do segundo itinerario de ida e volta no mesmo día laborable. Esas rebaixas non supuxeron no seu momento ningún cambio significativo na evolución dos tráficos nesas dúas autoestradas.
Fronte a estas rebaixas, anteriores gobernos centrais de PSOE e PP implantaron na AP-9 diversas rebaixas de peaxes sufragadas como no caso galego a cargo dos orzamentos da propia administración. Actualmente na Autoestrada do Atlántico son gratis as viaxes entre Vigo e O Morrazo e entre A Coruña e A Barcala (anteriormente pagadas a medias por Fomento e Xunta e agora só polo ministerio), e igualmente son gratis as viaxes de volta dos vehículos lixeiros que en día laborable se despracen entre Vigo e Pontevedra. A propia Audasa introduciu no seu momento unha bonificación para incentivar o uso da telepeaxe coa que rebaixa un 25% a viaxe de volta en día laborable para todos os vehículos lixeiros en toda a autoestrada.