O pasado luns, na inauguración do novo treito da liña de alta velocidade coa Meseta, o ministro de Transportes advertiu de que os orzamentos do seu departamento para 2021 ía traer consigo fondos para paliar o "agravio real que representan as peaxes da AP-9". "Este Goberno, por primeira vez, vaino enfrontar", afirmou José Luis Ábalos.
A principal partida do Ministerio de Transportes para peaxes da AP-9 consigna 50 millóns a "establecer bonificacións adicionais ás xa existentes"
Este mércores, o proxecto orzamentario do Goberno do PSOE e Unidas Podemos para 2021 concreta en números esas intencións, que a ministra de Facenda, María Jesús Montero, liga ao cumprimento do acordo de investidura co BNG. Son, concretamente, tres partidas que suman case 55 millóns de euros para subvencionar peaxes da Autoestrada do Atlántico, o que implicará que parte do prezo que ata agora abonan as persoas que circulan por esta vía será sufragado polo Estado.
A partida máis relevante está dotada co 50 millóns de euros e os documentos orzamentarios sinalan que implicará a elaboración dun Real Decreto que modificará a concesión da AP-9 para "establecer bonificacións de peaxe adicionais ás xa existentes". Pódese concretar, por exemplo, en maiores descontos para viaxes habituais ou outro tipo de rebaixas de tarifas. [O Orzamento do Estado prevé investir en Galicia un 10% máis que as contas de 2019 malia á liña descendente pola fin do AVE]
A segunda partida máis cuantiosa para abaratar a principal vía de comunicación terrestre de Galicia destinarase a "suprimir a suba anual acumulativa do 1%". Este incremento véno aplicando Audasa en virtude do acordo pechado en tempos do Goberno de Zapatero e mantido no período de Rajoy para compensar as súas obras máis recentes de ampliación na contorna da ponte de Rande e tamén ao seu paso por Santiago.
O proxecto orzamentario inclúe 3,4 millóns para compensar o 1% de suba anual polas recentes ampliacións da autoesrtada e 1,5 millóns para a "gratuidade" do tramo Vigo-Redondela
O terceiro montante dedicado á AP-9 nos orzamentos do Ministerio de Transportes está destinado a sufragar a liberación da peaxe entre Vigo e Redondela, que inclúe Rande. Así o explicita a memoria orzamentaria deste departamento, que fala abertamente de "gratuidade do tramo Vigo-Redondela, que é o acceso da autoestrada AP-9 á cidade de Vigo".
A estes 55 millóns cómpre engadir outros 8,2 millóns para as bonificacións de peaxes xa existentes nos tramos Morrazo-Vigo e A Coruña-A Barcala. Deste xeito, os fondos que o Ministerio de Transportes prevé destinar en 2021 a abaratar ou suprimir peaxes da AP-9 superan os 63 millóns de euros. Na liña do expresado pola ministra, nunha primeira reacción o BNG considerou que o seu "traballo e presion dá resultados para Galiza". "Esixiremos, con todo, que se cumpra todo o acordado, neste e noutros temas", agregan.
Ata a pandemia da COVID-19, a concesionaria da AP-9 tivo beneficios millonarios cada ano das últimas tres décadas. No primeiro semestre de 2020, malia á redución dun 34% na súa facturación, ingresou case 50 millóns de euros nas súas cabinas de peaxe.