A concesionaria da AP-9 presenta os seus resultados anuais previos á caída de usuarios polo coronavirus, nos que informa de que o pagamento en efectivo xa era só o 14,4% do total
Audasa, concesionaria da AP-9, vén de presentar os seus resultados anuais de 2019, nos que informa de que a súa facturación total foi de 153,4 millóns de euros, un 6,4% máis que o ano anterior. A suba é superior ao aumento total do tráfico no último ano, dun 1,5%. Os datos, previos á caída de usuarios polo coronavirus rexistrada desde mediados de marzo, sinalan tamén que o pasado ano o pagamento en efectivo fronte á telepeaxe ou as tarxetas bancarias seguiu reducíndose ata o 14,4% do total, uns dous puntos menos que o ano anterior, pero aínda así por esa vía as áreas de peaxe xestionaron uns 27,2 millóns de euros.
Os beneficios pasaron de 40,7 millóns en 2018 a 42,3 en 2019 e a empresa avanza que prevé dedicar “a maior parte dos beneficios que xere en 2020” a preservar a súa liquidez pola situación creada polo coronavirus
Segundo os datos feitos públicos pola compañía, fronte ao aumento do 6,4% da facturación, os beneficios despois de impostos pasaron de 40,7 millóns en 2018 a 42,3 o pasado ano, unha suba do 3,9%. A propia empresa lembra que o pasado ano “tivo que incrementar as peaxes nun 3,51% ao asumir o 100% dos investimentos de ampliación en Santiago e a ponte de Rande”. Malia iso, Audasa salienta que o prezo medio das súas peaxes está un 3,4% por baixo da media estatal e que o tráfico é un 18,7% superior á media das autoestradas estatais.
O aumento no último ano da facturación ata os 153 millóns e dos beneficios ata os 42 aínda non superan as cifras máximas acadadas pola empresa en 2009 (cando a facturación chegou a 156 millóns) e 2010 (cando os beneficios acadaron os 68 millóns).
A empresa asegura que ten previsto dedicar “a maior parte dos beneficios que xere en 2020” a preservar a súa liquidez “ante a drástica caída dos seus ingresos a partir do 14 de marzo”. A concesionaria tamén informa, tras varios anos de constantes caídas, dun aumento do seu cadro de persoal de 209 persoas de media en 2018 a 223 en 2019.
A empresa non di nada a respecto de posibles peticións de axudas ou compensacións por parte das administracións pola caída de tráfico derivada da crise do coronavirus, situación sobre a que a Avogacía do Estado xa aclarou que "non dá dereito" a indeminización.