A redución unilateral do pagamento por parte da administración decidida polo PP en 2017, que vén de ser anulada polo Tribunal Supremo, tamén contaba cun informe favorable do órgano consultivo estatal
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, vén de anunciar esta semana que o Goberno galego pedirá ao Consello Consultivo un ditame sobre a posible ilegalidade das subas de peaxes da AP-9 para compensar a Audasa a ampliación da ponte de Rande decididas por gobernos centrais do PSOE a través de decretos aprobados en 2011 en 2018. O equivalente estatal ao Consultivo galego, o Consejo de Estado, presidido aínda daquela polo popular José Manuel Romay Beccaría, avalou o decreto de 2018, que considerou que tiña carácter “novatorio” do de 2011. O Consejo de Estado tamén avalara o decreto co que en 2017 o Goberno central do PP reduciu á metade o pagamento que realizaban Fomento e Xunta a Audasa pola liberación das peaxes de Rande e A Barcala, decreto que vén de ser anulado polo Tribunal Supremo.
O decreto co que en 2011 o Goberno socialista decidiu que Audasa ampliase a ponte de Rande e despois se lle compensase esa obra con subas de peaxes en toda a autoestrada durante os próximos 20 anos foi modificado cando remataron as principais obras coa inauguración por parte de Rajoy en decembro de 2017. Durante os traballos incrementárase o proxecto orixinal tanto na ponte de Rande como na ampliación da circunvalación de Santiago, obra que se incluíra no mesmo acordo con Audasa, e o Goberno do PP someteu ao Consejo de Estado, daquela presidido por Romay Beccaría, que cesou no cargo o 29 de xuño de 2018, o decreto no que se incorporaban esas modificacións e se establecía o momento a partir do cal comezar a aplicar as subas.
No ditame asinado por Romay, con data do 17 de maio, mes e medio antes de cesar no cargo, o Consejo de Estado avalou o decreto que acabaría sendo aprobado en outubro polo Goberno socialista tras a moción de censura contra Rajoy do 1 de xuño. No seu ditame o Consejo de Estado considerou que o novo decreto “ten formalmente carácter novatorio” do de 2011 e, ao tempo, era “convalidatorio” das obras a maiores que se realizaran tanto en Rande como en Santiago “que se levaron a cabo sen a previa modificación dos proxectos de obras que as amparen”. Nin en 2011 nin en 2018 o Consejo de Estado puxo en dúbida o sistema de compensación a Audasa polas obras nin o seu importe.
O Consejo de Estado censurou ao Goberno de Rajoy que modificase o proxecto orixinal da ampliación de Rande encarecéndoo en 30 millóns con "infracción das normas legais e convencionais aplicables"
O ditame do Consejo de Estado si reflicte que durante as obras Audasa, co permiso do Goberno de Rajoy, modificou os proxectos orixinais encarecéndoos en 30 millóns de euros en Rande e en 9 en Santiago, ata os 200 millóns de euros que finalmente custaron as dúas obras e que agora terán que ser pagados con intereses a través das subas de peaxes. O Consejo reflectiu que no primeiro caso os cambios producíronse “a requirimentos da Xunta de Galicia e do Ministerio de Fomento” por, entre outras cuestións, a necesidade de adaptar os carrís de acceso á ponte á construción por parte do Goberno galego da Autovía do Morrazo. O ditame censura que “a execución das mencionadas labores, que non atopan amparo nos proxectos aprobados no seu día, comportou a infracción das normas legais e convencionais aplicables”.
Un ano antes de avalar o decreto de suba de peaxes de 2018, en xuño de 2017, o Consejo de Estado tamén avalara, igualmente coa sinatura do seu presidente, outro decreto co que o Goberno de Rajoy quixo reducir á metade o que Fomento e a Xunta viñan pagando desde 2006 pola liberación das peaxes de Rande e A Barcala. Malia ese aval do Consejo de Estado, ese decreto vén de ser anulado polo Tribunal Supremo, que tamén abre a porta a que a Xunta teña que pagar 400 millóns ata 2048 por esas peaxes. Agora, o Goberno galego encarga ao Consello Consultivo que emita un ditame polas dúbidas que ten de que a compensación a Audasa a través da suba das peaxes poida ser excesiva, un ditame que volvería a poñer en dúbida o previamente ditaminado polo Consejo de Estado.