Cando en 2017 Fomento reduciu á metade a compensación a Audasa e eximiu de contribuír ao Goberno galego, Feijóo cuantificou nesa cifra o que se ía aforrar, pero o alto tribunal anula agora aquela decisión
“Todos os galegos nos liberamos da obriga de destinar a ese fin 400 millóns de euros ata o remate da concesión”. Esa foi a valoración que fixo o presidente Feijóo cando en 2017 o Ministerio de Fomento, daquela encabezado polo popular Íñigo de la Serna, reduciu unilateralmente á metade e asumiu en solitario a compensación que Goberno central e Xunta viñan pagando a medias a Audasa desde que en 2006, co PSOE na Moncloa e San Caetano, se suprimiron para os usuarios as peaxes de Rande e A Barcala.
Agora o Supremo anula aquela decisión, obriga ao Estado a pagar a Audasa o que deixou de cobrar neste tempo e abre a porta a que o Goberno central reclame á Xunta que volva a achegar a metade desa compensación, que segundo Feijóo sumaría os anteditos 400 millóns ata o remate da concesión en 2048. O Supremo, di textualmente a sentenza, condena ao Estado a pagar “sen prexuízo do dereito que poida asistirlle fronte á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia dos efectos que poidan derivarse dos compromisos acordados no ano 2006”. Isto é, agora queda na man do Estado reclamar ou non á Xunta que asuma a metade da compensación como aceptara en 2006.
A Xunta presentou a decisión de Fomento en 2017 agora anulada polo Supremo como un logro das súas xestións que compensaría o veto á transferencia da autoestrada
A decisión de Fomento en 2017, anulada agora polo Supremo, de reducir a compensación a Audasa e asumila en solitario, foi tomada en plena polémica pola reiterada negativa do Goberno central a sequera debater a transferencia a Galicia da xestión da AP-9 reclamada de xeito unánime polo Parlamento galego. Naquel contexto, a Xunta presentou a decisión de Fomento como un logro das súas xestións que compensaría o veto á transferencia. E salientou que así un ministro popular puña fin á obriga establecida polos socialistas en 2006 de que Galicia achegase a metade da compensación a pagar a Audasa por liberar esas peaxes.
Durante anos a Xunta consignou nos seus orzamentos 200 millóns menos dos 400 necesarios segundo Feijóo para pagar a Audasa a parte galega da compensación
Ese custe para Galicia foi de 4,67 millóns de euros en 2007, o primeiro ano íntegro en que se aplicou a supresión da peaxe, pero xa rondaba os 7 millóns cando Fomento decidiu modificar o xeito de cálculo argumentando que se producira un efecto chamada do tráfico e Audasa estaba a obter un “enriquecemento inxusto”. Durante todo ese tempo, a Xunta consignou nos seus orzamentos a previsión de que a súa parte da compensación ata o remate da concesión de Audasa en 2048 sumaría preto de 200 millóns de euros, pero o Consello de Contas sempre considerou que esa cifra era escasa.
Aínda no último informe dispoñible de Contas, o correspondente a 2016, o ente fiscalizador afeaba á Xunta a “infraestimación dos compromisos coa empresa Audasa pola supresión da peaxe, xa que de novo as previsións resultaron ser inferiores ao gasto realmente producido”.
A Xunta xa ten pendente unha débeda de 2.000 millóns a pagar nos próximos anos só polas autovías de peaxe na sombra de titularidade galega
A “infraestimación” producida entre 2006 e 2016 constatou que a cifra duns 200 millóns a pagar pola Xunta ata 2048 era escasa, pero tampouco permitía chegar aos 400 millóns calculados posteriormente por Feijóo. Cando este diario preguntou daquela ao Goberno galego por esa disparidade de cálculos, a Xunta argumentou que a cifra ofrecida polo presidente non era ningunha esaxeración, que efectivamente Contas tiña razón en que se “infraestimara” a débeda futura e que o incremento ata os 400 millóns se debía a unha auditoría realizada por Fomento que Feijóo daba por boa.
De ter que volver a asumir agora esa débeda futura, os 400 millóns cuantificados por Feijóo sumaríanse aos arredor de 2.000 millóns que a Xunta xa ten pendentes de pagar nos próximos anos só polas autovías de peaxe na sombra de titularidade galega.