Fronte á postura da Xunta, que considera que terá que compensar ás concesionarias, a asesoría xurídica do Goberno central, dirixida pola galega Consuelo Castro, salienta que nada impide ás empresas seguir executando os seus contratos
O pasado venres o presidente Feijóo deu por feito que o Goberno central xa está a indemnizar ás empresas concesionarias de autoestradas, nomeadamente á da AP-9, Audasa, pola caída do tráfico provocada polas restricións de mobilidade xeral implantadas para controlar o coronavirus. A Consellería de Infraestruturas considera que así o establece o Real Decreto-Lei 8/2020 de medidas económicas polo coronavirus aprobado polo Goberno central, que faría que a propia Xunta compense ás concesionarias de autoestradas ou autovías de peaxe en sombra autonómicas. Porén, a Avogacía do Estado négao.
O artigo 34 do decreto regula compensacións ou adaptacións de todo tipo de contratos de obras, servizos e concesións públicas. No caso das concesións, no que haberá empresas como as sanitarias que mesmo se poderían ver beneficiadas da crise do coronavirus, establece que a compensación “só procederá cando o órgano de contratación [a aministración], a instancia do contratista [a concesionaria], apreciase a imposibilidade de execución do contrato como consecuencia da situación” creada polo estado de alarma. Ante as dúbidas xurdidas, o avogado do Estado xefe no Ministerio de Transportes elevou unha proposta de interpretación da norma á Avogacía Xeral do Estado, informe que o pasado mércores foi ratificada pola súa máxima responsable, a galega Consuelo Castro, anteriormente responsable da avogacía en Galicia en casos como o do Prestige ou Angrois.
“Non existe ‘imposibilidade’ de executar o contrato se as autoestradas manteñen as condicións que lles permiten seguir abertas ao tráfico de vehículos e este segue estando legalmente permitido”, di a Avogacía do Estado
O informe de interpretación da Avogacía do Estado sinala que “non existe ‘imposibilidade’ de executar o contrato se a autoestrada ou autovía manteñen as condicións que lles permiten seguir abertas ao tráfico de vehículos e este segue estando legalmente permitido”, situación que se dá na actualidade na que non hai ningunha restrición do tráfico senón da mobilidade en xeral, ata o punto de que a propia concesionaria da AP-9 salientaba a pasada semana que “mantén operativa a estrutura necesaria para manter o servizo en condicións de seguridade e calidade”.
A propia concesionaria da AP-9 salientaba a pasada semana que “mantén operativa a estrutura necesaria para manter o servizo en condicións de seguridade e calidade”
A Avogacía do Estado engade que “a redución no número de vehículos que circula pola autoestrada ou autovía, e a conseguinte diminuación de ingresos da concesionaria, non dan dereito ao reequilibrio económico da concesión” conforme ao decreto de medidas económicas do coronavirus. O seu informe sinala que esa redución de vehículos non sería equiparable aos supostos establecidos na normativa xeral de contratos ou concesións para autorizar esas compensacións e salienta que o decreto “considerase de aplicación preferente mentres dure o estado de alarma” fronte a outras normas anteriores ou xerais.
Antes mesmo de que a Avogacía do Estado emitise esta interpretación do decreto ningunha concesionaria de autoestradas ou autovías galegas reclamara compensación. Audasa negouno expresamente e só a concesionaria da Autovía do Barbanza, con peaxe na sombra, remitiu un escrito á Xunta avanzando que non lle correspondería asumir a perda de ingresos. Coa interpretación agora emitida pola Avogacía do Estado queda claro que as administracións non poden autorizar esas compensacións se as estradas seguen sen restricións de tráfico, o que abocaría ás empresas que as reclamen a acudir á vía xudicial, na que deberán demostrar que non puideron cumprir o contrato concesional.