As autoestradas deben acreditar que a alarma impide cumprir o contrato para pedir indemnización e ningunha o fixo aínda

Imaxe da AP-9 en servizo pero sen apenas tráfico durante o estado de alarma © Audasa

Audasa salienta que mantén o servizo e que “a día de hoxe” non pediu “ningún tipo de compensación” ao Estado, mentres que a do Barbanza enviou á Xunta un escrito avanzando que non lle corresponde asumir a perda de ingresos

As empresas concesionarias de todo tipo de servizos ou obras das administracións públicas poderán pedir a estas unha compensación ou reequilibrio concesional polo efecto do estado de alarma sobre as súas actividades. Concesións sanitarias ou de servizos de emerxencias poderían ver incrementados os seus ingresos, mentres que outras de servizos que non se consideran esenciais e que teñen que pechar por completo verán desaparecer os seus ingresos. Pero o propio real decreto que estableceu as medidas para facer fronte ao impacto económico do estado de alarma fixa a condición baixo a que se pode pedir esa indemnización: “Só procederá cando o órgano de contratación [a aministración], a instancia do contratista [a concesionaria], apreciase a imposibilidade de execución do contrato como consecuencia da situación” creada polo estado de alarma.

Nas concesións de estradas en Galicia, o único paso dado ao respecto é un escrito trasladado pola Autovía do Barbanza á Xunta, segundo confirma o Goberno galego, avanzando que está a sufrir unha perda de ingresos que considera que non lle corresponde asumir. E na principal autoestrada galega, a AP-9, cunha caída do 80% no tráfico, a propia Audasa salientaba este martes que “mantén operativa a estrutura necesaria para manter o servizo en condicións de seguridade e calidade” e que “a día de hoxe non pediu ningún tipo de compensación ao Estado polas restricións de tráfico”. Porén, formalmente non hai establecida ningunha restrición de tráfico sobre a AP-9, como o propio decreto do estado de alarma sinala que se podería establecer, senón unha restrición da mobilidade xeral.

Ponte de Rande con apenas tráfico durante o estado de alarma © Audasa

O Goberno non estableceu aínda ningunha prohibición específica do tráfico en estradas concretas máis alá da restricións xerais de mobilidade

Á marxe do real decreto do estado de alarma, a lei de concesións de autoestradas, de 1972, o único que di a respecto de situacións extraordinarias de caída de tráfico é que a concesión só quedará suspendida temporalmente en caso de declararse o estado de guerra, de destrución da autoestrada ou por causas que se establezan nos pregos de concesións. Pero tanto a lei como as cláusulas xerais de concesións de autoestradas ou as específicas da AP-9, de 1973, tampouco din nada ao respecto máis alá de deixar en mans da figura da Delegación do Goberno nas Sociedades Concesionarias a posibilidade de “fixar as condicións de utilización da autoestrada con carácter temporal”, algo que aínda non se fixo oficialmente polo estado de alarma, que establece restricións de mobilidade xeral pero non específicas para as autoestradas de peaxe. 

Por outra banda, as mesmas leis xerais de autoestradas ou de contratos públicos establecen, de feito, posibles compensacións ás adxudicatarias no caso de que a administración lles modifique os contratos con posterioridade -como no caso das subas de peaxe ou ampliacións da concesión a cambio de obras que xa autorizaron gobernos de toda cor na AP-9-. Porén, tampouco iso se fixo aínda oficialmente no actual estado de alarma.

A Xunta considera que o real decreto “abre a porta” a que as concesionarias pidan indemnización, o que non consideran razoable, pero ao tempo fontes do Goberno galego admiten que a actividade non está suspendida

As concesionarias de autoestradas, que seguen abertas e prestando o seu servizo, terán que demostrar que están imposibilitadas de executar o seu contrato, como di o real decreto, algo que aínda non fixeron, o que non impide que a Xunta e partidos da oposición en Galicia fagan xa dese elemento novo foco de confrontación política en plena crise sanitaria. A Xunta considera que o real decreto “abre a porta” a que as concesionarias pidan indemnización, o que non consideran razoable, pero ao tempo fontes do Goberno galego admiten que a actividade non está suspendida, en liña coa necesaria xustificación de que o contrato non se pode executar como condición para esa compensación, que se vería así dificultada.

Pola súa banda, este luns o BNG reclamou que se liberen de peaxes todas as autoestradas e asegurou, ante a posibilidade de que Audasa pida compensacións, que “non é o momento para compensar ás concesionarias, senón para compensar a Galicia”. A portavoz do BNG, Ana Pontón, considerou “indecente” que a empresa queira “facer caixa incluso en medio dunha pandemia”, cuestión que fontes da concesionaria negan que fose sequera debatido no seu seo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.