A crise do coronavirus está a deixar imaxes e feitos inéditos en todo o mundo e Galicia non é unha excepción. Entre eles, a brusca caída dos desprazamentos nas semanas do confinamento máis estrito, que vén de reflectirse en toda unha anomalía no decorrer socioeconómico do país: Audasa, empresa concesionaria da autoestrada AP-9 ata o 18 de agosto de 2048, perdeu cartos por primeira vez en tres décadas.
A concesionaria da AP-9 perdeu uns 664.000 euros no primeiro semestre de 2020; no mesmo período de 2019 gañara máis de 18 millóns de euros
Autopistas del Atlántico vén de remitir á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) os seus resultados do primeiro trimestre do ano, que inclúen unhas perdas de algo máis de 664.000 euros. É unha caída superior ao 103% a respecto do mesmo semestre de 2019, cando a compañía gañara máis de 18 millóns de euros.
A principal causa deste devalo é a caída da facturación por peaxes, que así e todo segue en cifras millonarias. A cifra de negocio roldou os 46 millóns de euros neses seis meses (un 34% menos), nos que a media diaria de vehículos que circularon pola autoestrada pasou de algo máis de 23.000 a menos de 14.000 por xornada, unha caída do 37%.
Indica Audasa aos seus accionistas e potenciais investidores que o groso da caída, non obstante, produciuse "durante as primeiras semanas do estado de alarma", con "reducións próximas ao 90%". Deste xeito, admite a empresa, "durante os meses estivais as caídas foron máis reducidas", cun 16% en xullo e un 20,6% en agosto. Nesta liña, a 31 de agosto a contracción do tráfico xa era de algo menos do 32%.
Estes resultados prodúcense despois de tres décadas de ganancias ininterrompidas para Audasa, que rematara 2019 cuns beneficios superiores aos 40 millóns de euros e un crecemento dos ingresos por peaxes dun 6,4% mentres o tráfico aumentaba apenas un 1,5%. Chegan, tamén, despois de que 2020 trouxese consigo un incremento medio do 2,69% nos prezos das portaxes da AP-9, resultado de aplicar o incremento xeral do índice de prezos ao consumo (IPC) e mais das compensacións especiais pactadas co Estado por obras de ampliación como as da ponte de Rande.
Audasa, que non menciona se buscará acollerse á compensación das perdas por parte do Estado, comezara 2020 cun incremento do 2,69% no prezo das peaxes
Audasa menciona na súa comunicación á CNMV que segue pendente dos litixios contra o Estado tras o ditame no que o Tribunal Supremo considerou ilegal a redución das compensacións por liberar de peaxe Rande e A Barcala aplicada en tempos de Rajoy. Non especifica se realizará algún movemento a respecto da decisión do actual Goberno de España segundo a cal o Estado compensará as autoestradas polas perdas no estado de alarma -pero non o que deixaron de gañar- mediante unha ampliación duns días nas súas concesións, fórmula que no caso da AP-9 ten a priori un encaixe difícil, porque xa ten a concesión prolongada ata o máximo permitido de 75 anos.
A concesionaria da AP-9 si é máis específica ao falar da súa política laboral durante as restricións pola COVID-19. Subliña ante os accionistas e tamén nun comunicado aos medios que "malia á baixada da mobilidade, a actividade (...) foi considerada como un servizo esencial" e "permaneceu inalterada, sen aplicar expediente de regulación temporal de emprego". Durante este período, subliña, o pagamento manual da peaxe acelerou na súa caída e o cobramento automático, tanto mediante telepeaxe como mediante as máquinas de autopago, "xa se utiliza no 92,4% das viaxes".