O Ministerio de Transportes prorrogará uns días as concesións para que igualen ingresos e gastos pero nada di dos casos, como a AP-9, que xa tiñan concesións polo máximo legal permitido de 75 anos
Agora si o Goberno central permite que se compense ás empresas concesionarias de autoestradas e autovías con peaxe en sombra polas perdas que puideron ter durante o estado de alarma. Porén, esa compensación non será pola “baixada dos tráficos” nin para que a concesionaria “teña garantidos os seus ingresos”, como a comezos de abril o presidente Feijóo deu por feito que xa se estaba a facer. A compensación será só pola diferenza entre os gastos de mantemento das infraestruturas que seguiron a realizar durante o estado de alarma e os ingresos que tiveron nese tempo, e non polos beneficios hipotéticos que puideran ter nese período.
A finais de marzo o Goberno galego cargou contra o Goberno central por considerar que o Real Decreto-Lei 8/2020 de medidas económicas polo coronavirus contemplaba ao seu xuízo indemnizacións ás concesionarias de autoestradas, nomeadamente á AP-9. A Xunta mesmo daba por feito que xa se estaba a indemnizar, malia que as propias empresas aseguraban que non pediran nada. Aquel texto non dicía tal senón que consideraba que só se podía indemnizar ás empresas en caso de que polo estado de alarma lles fose imposible seguir executando o seu contrato concesional, algo que terían que demostrar.
Malia que o real decreto limita as compensacións aos gastos das empresas, Feijóo chegou a criticar que Audasa "teña garantidos os seus ingresos", algo que negou a Avogacía do Estado
Pero nada impedía ás concesionarias seguir cumprindo os seus contratos xa que o tráfico de vehículos por elas seguía a estar permitido. A propia Audasa ratificaba que seguía a cumprir coas súas obrigas contractuais sen reclamar nada e a Avogacía do Estado chegou a emitir o 1 de abril un informe no que ratificou que segundo aquel real decreto “a redución no número de vehículos [...] non dá dereito ao reequilibrio concesional”.
Porén, o Goberno central publica este mércores no BOE un novo real decreto que agora si contempla expresamente o reequilibrio concesional das autoestradas. O novo texto di que “non se apreciará imposibilidade de execución do contrato [por parte das concesionarias] cando a marxe bruta de explotación durante o período de vixencia do estado de alarma fose positiva”, isto é, se tiveron máis ingresos que gastos, xa que ingresos seguiron a ter porque algúns vehículos, aínda que fosen menos, seguiron a circular.
A prórroga das concesións non poderá ser superior aos días que durou o estado de alarma e reducirase se a compensación se consegue antes
O novo real decreto establece que as concesionarias só terán dereito a compensación cando tivesen máis gastos que ingresos, só na contía necesaria para igualar ambas cifras e tendo en conta tamén o ano anterior como referencia. Ademais, nos gastos só se poderán contar os necesarios para a explotación ordinaria da infraestrutura e non outros de tipo financeiro “nin os salarios dos traballadores incluídos en ERTE”.
O real decreto agora aprobado polo Goberno establece que “o reequilibrio consistirá na ampliación do prazo de duración da concesión” por un tempo que non poderá ser maior que o que durou o estado de alarma (99 días en todo o Estado e unha semana menos en Galicia) e que se reducirá en función de se o que ingresa habitualmente cada autoestrada permite recuperar antes as posibles perdas. Porén, o texto nada di dos casos en que as concesións xa se atopen no máximo legal permitido de 75 anos, como é o caso de Audasa coa AP-9.
“Para que poida recoñecerse o dereito ao reequilibrio será necesario que a solicitude, dirixida ao órgano de contratación, se presente antes de novembro de 2020”, remata o real decreto a respecto das compensacións a concesionarias de autoestradas.