O propio proxecto recoñece que o seu obxectivo é paliar os “prexuízos ocasionados polas obras de ampliación” mentres veciñanza afectada segue reclamando as prometidas pantallas contra o ruído
O 28 de decembro de 2017, dous días antes de que o daquela presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, inaugurase acompañado de Feijóo a ampliación da AP-9 na ponte de Rande e o acceso a Vigo, o propio Ministerio de Fomento admitía que nese último treito aínda quedaban obras pendentes por máis de 11 millóns de euros.
Dous anos e medio despois, e coa concesionaria cobrando desde outubro de 2018 a suba das peaxes coa que se lle compensa o custo da ampliación, este mércores o Ministerio de Transportes publica no BOE a aprobación provisional do proxecto co que executará algunhas daquelas obras pendentes por uns 3,3 millóns de euros. Agora o documento someterase a exposición pública, deberán expropiarse varios terreos e despois aínda contratar as obras.
O que agora prevé realizar o ministerio son traballos de reparación de camiños paralelos á autoestrada en Chapela (Redondela) que, admite, “foron afectados” polas obras de ampliación da AP-9 hai máis de tres anos. O proxecto contempla a ampliación de camiños, a construción de beirrarúas, reposición de servizos afectados e a ampliación dun paso superior e dunha pasarela peonil sobre a autoestrada para facilitar a mobilidade da veciñanza. Son traballos que o ministerio aproba para paliar os “prexuízos ocasionados polas obras de ampliación” da autoestrada.
Porén, aínda seguen pendentes de realizarse actuacións como a prometida instalación de pantallas contra o ruído, unha das principais reclamacións que segue a realizar a veciñanza da zona e que no seu momento o propio ministerio cuantificara en preto doutros tres millóns de euros.
Malia quedar actuacións pendentes, o Goberno inaugurou e deu por rematada a AP-9, o que permitiu que en outubro de 2018 Audasa comezase a aplicar o aumento anual engadido das súas peaxes para compensar as obras
Xunto con estas actuacións aínda pendentes, a inauguración da ampliación tamén se produciu sen que estivese rematado o traslado dun colexio lindeiro coa autoestrada e no que non se avaliara correctamente o risco existente para o alumnado. Só dez días despois da inauguración, A autoestrada quedou cun dos seus novos carrís inhabilitado durante varios meses mentres non se completou o traslado do centro, que tras un gasto doutros 4,6 millóns de euros non abriu no seu novo emprazamento ata ano e medio despois da inauguración. Nese novo colexio a calefacción non comezou a funcionar ata o pasado febreiro, cando a Xunta, malia non dar aínda por rematadas as obras de ampliación, como si fixera ao asistir á inauguración de Rajoy, amosou a súa disposición a poñer cartos para alumear a ponte de Rande.
Malia todas esas obras pendentes, o Goberno central autorizou que Audasa comezase a subir as súas peaxes para compensar así o seu investimento na ampliación da autoestrada en outubro de 2018. Pero todas esas obras e trámites pendentes non impediron unha inauguración por duplicado da ampliación da AP-9 que se fixo coincidir cos días de descanso de Rajoy en Pontevedra polo Nadal de 2017.