A Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a iluminación dos tirantes exteriores do viaduto e Audasa confirma que segue pendente do que as administracións poidan determinar sobre outro tipo de luces decorativas
A ponte de Rande vén de estrear nova iluminación de seguridade aérea que como principal novidade inclúe os tirantes exteriores, o que ofrece unha imaxe nocturna moito máis visible do viaduto. A concesionaria, Audasa, segue á espera de que as administracións decidan se queren ademais iluminar a ponte ornamentalmente, como propuxo a Xunta, que está disposta a achegar cartos públicos.
A iluminación que agora estrea Rande é froito dunha autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) da que informaron hai un mes tanto esa axencia como Audasa. Segundo explican, a ponte de Rande está dentro das servidumes aeronáuticas do aeroporto de Peinador “e supera os cen metros de altura, polo que é necesario proceder ao seu balizamento”. Os piares da ponte de Rande xa contaban con balizas de cor vermella na súa cimeira, pero tras a ampliación do viaduto a concesionaria tramitou un novo procedemento de balizamento desa ampliación.
Segundo a axencia de seguridade aérea, ademais de sincronizar e aumentar as luces de balizamento vermellas, que agora tamén hai noutros puntos intermedios dos piares, “adicionalmente, de noite ilumínanse os tirantes exteriores con proxectores de luz dispostos sobre o taboleiro da ponte”. “Esta iluminación debe poñerse en funcionamento á vez que as luces de obstáculo de media intensidade” dos pórticos da ponte, sinala a AESA.
En febreiro o Goberno galego presentou varias propostas de iluminación ornamental de entre 200.000 e un millón de euros, sen ter en conta o mantemento posterior, pero o ministerio lembrou que non ten competencias na AP-9
Audasa confirma que a iluminación agora estreada correspóndese exclusivamente coa de seguridade aérea autorizada por AESA e non ten que ver coa posible iluminación ornamental da ponte proposta pola Xunta, sobre a que di estar á espera do que determinen as administracións. Foi a Xunta a que o pasado setembro, ao tempo que o Concello de Vigo comezaba a instalación do seu alumeado de nadal, anunciou a súa idea de alumear ornamentalmente a ponte de Rande. En febreiro o Goberno galego presentou varias propostas de posible alumeado que oscilarían entre os 200.000 e o millón de euros só como investimento inicial, sen ter en conta o seu mantemento posterior, custes nos que dixo estar disposta a colaborar. Porén, poucas horas despois o Ministerio de Transportes emitiu un comunicado lembrando que a Xunta non ten competencias sobre a AP-9.
A nova iluminación de seguridade da ampliación da ponte de Rande chega dous anos e medio despois da inauguración por Rajoy, que deixou obras pendentes por máis de 11 millóns de euros
A proposta da Xunta chegaba ao tempo que a Consellería de Infraestruturas puña o foco nas obras aínda pendentes derivadas da ampliación da ponte de Rande, que foi inaugurada polo daquela presidente do Goberno central Mariano Rajoy o 30 de decembro de 2017 malia que o Ministerio de Fomento certificaba que aínda quedaban por rematar traballos por máis de 11 millóns de euros. Agora, case dous anos e medio máis tarde de inaugurarse a ampliación da ponte, vén de estrearse a súa nova iluminación de seguridade aérea.