O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, votará si o próximo martes e facilitará a investidura en segunda votación de Pedro Sánchez como presidente do Goberno. Necesitado de máis votos positivos que negativos e cun resultado axustado tras os apoios que xa conseguira en días previos, o PSOE chegaba a este venres, un día antes de iniciarse o sábado a primeira sesión do pleno da investidura, pendente de obter cando menos unha abstención ou do deputado do BNG ou da de Coalición Canaria.
A executiva nacional do BNG, reunida este venres, decidiu finalmente que a súa postura será o voto favorable tras lograr do PSOE varios compromisos da "axenda galega" reivindicada pola fronte nacionalista, entre elas a transferencia da AP-9 e bonificacións do 100% das peaxes para usuarios habituais ou medidas para abaratar a factura eléctrica das industrias electrointensivas e lograr unha "transición enerxética xusta" nas Pontes e Cerceda.
O líder do PSdeG xa avanzaba na mañá deste venres o seu compromiso co BNG de que Fomento “minorará” a peaxe da AP-9, entre outras cuestións
Na negociación tivo un papel importante a necesidade de entendemento de PSdeG e BNG de cara ás eleccións galegas deste ano. Desde Galicia, o líder do PSdeG xa avanzaba na mañá deste venres o seu compromiso co BNG de que Fomento “minorará” a peaxe da AP-9, entre outras cuestións como solucións á crise industrial, ao tempo que salientaba a importancia dunha “gran alianza progresista” para os comicios galegos.
A propia portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, viaxou a Madrid para asinar o acordo no Congreso e plasmar así nun documento, tal e como esixiron os nacionalistas, os compromisos do PSOE.
BNG e Coalición Canaria disputábanse ser o último apoio, mesmo pola vía da abstención, que precisa Sánchez para a súa investidura
Logrado polo PSOE o seu principal obxectivo de cara á investidura de Pedro Sánchez, a abstención de ERC, avalada na tarde deste xoves polo máximo órgano entre congresos da formación catalá, a un día de comezar o debate este sábado as miradas volvéronse aos partidos con representación minoritaria no Congreso, aínda que as decisións da Xunta Electoral Central de inhabilitar a Quim Torra como deputado e a Oriol Junqueras como eurodeputado fixeron mesmo poñer en risco a investidura a última hora da tarde.
Sánchez xa lograra comprometer o apoio de PNV, Más País-Compromís, Nueva Canaria e Teruel Existe, pero o seu acordo para a abstención de ERC, cunha mesa de negociación entre os gobernos central e catalán cuxas conclusións se someterán a consulta en Catalunya, provocou que perdese o respaldo que antes lle daban o rexionalistas cántabros de Revilla. Este venres, ao tempo que Bildu ratificaba a súa abstención, o foco púxose en BNG e Coalición Canaria, ante a necesidade de que polo menos un dos dous deputados que suman esas dúas forzas non votase en contra o martes como condición imprescindible para facilitar a investidura de Sánchez.
A poucos meses das eleccións galega, os nacionalistas levan semanas agardando algún tipo de compromiso explícito dos socialistas coas súas reclamacións
A decisión do BNG prodúcese a poucos meses das eleccións galegas nas que tanto nacionalistas como socialistas dan por descontado que o acordo entre ambas formacións será imprescindible para conformar un goberno alternativo ao de Feijóo. Os nacionalistas, que tras as eleccións do 10 de novembro amosaron a súa predisposición a desbloquear a formación de Goberno a nivel estatal, levaban desde aquela agardando algún tipo de compromiso explícito do PSOE como o que chegou este venres.
O acordo, feito público polo BNG a última hora, tira do PSOE o compromiso de reformar o autogoberno galego e propoñer a convocatora da comisión mixta de transferencias entre Estado e Xunta para "a activación da transferencia da totalidade das competencias pendentes recollidas no Estatuto de Autonomía de Galicia, así como das competencias que foron obxecto de consenso no Parlamento galego".
Ademais, o texto asegura que se impulsará, "a través do diálogo entre partidos e institucións, as reformas necesarias para adecuar a estrutura do Estado ao recoñecemento dos sentimentos nacionais de pertenza". "Tendo en cuenta o actual status de Galicia, Euskadi e Cataluña como nacionalidades históricas, comprometerse a que calquera modificación da estrutura territorial do Estado, asegurará a Galicia o mesmo status que as outras dúas", di o documento.
O PSOE comprométese a que "calquera modificación da estrutura territorial do Estado asegurará a Galicia o mesmo status que Euskadi e Catalunya"
En canto á lingua, proponse a recuperación de horas de emisión dos medios de comunicación públicos estatais en desconexión para Galicia e na lingua galega e "facilitar a execución dos acordos do Congreso e do Parlamento para a recepción en Galicia das radios e televisións portuguesas".
Entre as medidas clave na negociación aprobouse tamén a aprobación da proposición de lei do Parlamento galego para transferir a AP-9 durante 2020 e garantir, como mínimo, a bonificación, a cargo do Estado, do 100% da peaxe para usuarios recorrentes que empreguen a autoestrada dúas ou máis veces ao día. Tamén se acorda a gratuidade do tramo Vigo-Redondela e o compromiso de eliminar durante a lexislatura o impacto nos usuarios da AP-9 do incremento extraordinario acumulativo durante 20 anos.
O acordo entre BNG e PSOE inclúe a transferencia da AP-9 en 2020 e a bonificación do 100% da peaxe a usuarios recorrentes da vía
O acordo tamén inclúe a modernización da rede interna ferroviaria de Galicia, especialmente nos que comunican A Coruña con Lugo e Ferrol ou Ourense coa cidade lucense, ademais da liña FEVE que une Ferrol e Asturias ou o tren entre Vigo e a fronteira portuguesa.
No mesmo ámbito, o documento acorda actuar sobre a rede ferroviaria de mercadorías (Corredor Atlántico en Galicia), presentando proxectos que permitan acceder aos fondos europeos CEF cando se abra o novo prazo de axudas no ano 2021, así como "completar a conexión dos portos exteriores de Ferrol e Coruña á rede ferroviaria, durante o ano 2020".
Acórdase tamén o saneamento das rías galegas, en particular a do Burgo, "recuperando os fondos xa orzados polo Estado (24 millóns de euros) e solicitando os fondos accesibles da Unión Europea". Ao mesmo tempo, aseguraríase o cumprimento por parte de Elnosa da reversión dos terreos concedidos para garantir a súa limpeza e recuperación. Ademais, o Goberno central "maniféstase a favor do traslado da planta de ENCE a outro enclave máis adecuado ambiental en Galicia, a través dunha fórmula que permita manter o emprego".
O documento tamén aposta por unha transición enerxética xusta que "implique compensacións territoriais, incentivos e o reforzamento do tecido industrial compatible co novo modelo". Tamén se acorda "realizar as modificacións necesarias para incluír Galicia no Plan de Acción Urxente para Países do Carbón e Centrais Pechadas 2019-2021 (Estratexia de Transición), baixo as mesmas condicións e dereitos que Aragón, Asturias e Castilla y León". Tamén se aposta por reunións de traballo e convenios de transición xusta "urxentes" para As Pontes e Cerceda que se asinarían neste primeiro semestre e con asignacións orzamentarias que permitan manter o emprego, así como a inclusión da autonomía na Plataforma Europea para as Rexións Mineiras en Transición.
O texto tamén inclúe medidas para a industria electrointensiva que logren reducirlle a factura enerxética, "avalando con instrumentos de garantía pública a contratación bilateral de enerxía e mantendo a cobertura de custos indirectos de CO2". Tamén se reforzará a axenda industrial galega para "poñer ao dispor do seu tecido industrial todos os instrumentos de política industrial".
O documento di que o Goberno central estudará unha tarifa eléctrica galega e medidas para reducir a factura eléctrica á industria electrointensiva
O documento acorda tamén máis e mellores medidas para a loita contra a violencia machista, así como aquelas que eviten a dobre tributación dos emigrantes retornados. Tamén melloras na aplicación da lei de dependencia e medidas urxentes para o impulso aos estaleiros Barreras ou Navantia ou para unha negociación sobre Alcoa que garanta investimentos e emprego, ademais de medidas para reducir a factura das empresas electrointensivas.
Mesmo se aclara que o Goberno central "estudará posíbeis compensacións tarifarias ás comunidades produtoras excedentarias de enerxía eléctrica, para abaratar a factura da luz, actuando sobre o custo de transporte, de forma que se compensen os custos sociais e ambientais producidos".
Tamén se compromete o Executivo en "analizar as fórmulas para mellorar progresivamente as taxas de reposición de efectivos nas administracións públicas, co fin de garantir o bo funcionamento dos servizos públicos", tamén "derrogar a reforma laboral, a reforma das pensións de 2013, a LOMCE, o artigo 315.3 do Código Penal e a Lei Mordaza”.
Co apoio do BNG, Pedro Sánchez sumará 167 votos favorables fronte aos 164 negativos, a falta de coñecer a postura final de Coalición Canaria, que finalmente decidiu absterse.
En concreto, votará a favor da investidura o PSOE (120), Unidas Podemos (35), PNV (6), Más País (2), Compromís (1), Nueva Canarias (1), Teruel Existe (1) e o BNG (1). Os partidos que votarán en contra son PP (88), Vox (52), Ciudadanos (10), JxCat (8), CUP (2), Navarra Suma (2), Foro (1) e PRC (1). Pola súa banda, ERC e Bildu, con 13 e 5 diputados respectivamente, absteranse.