BNG e Coalición Canaria disputan ser o último apoio que precisa Sánchez para a investidura

Reunión entre o BNG e o PSOE o pasado 18 de decembro © BNG

A poucos meses das eleccións galegas nas que aspiran a gobernar conxuntamente, os nacionalistas levan semanas agardando algún tipo de compromiso explícito dos socialistas coas súas reclamacións

Logrado polo PSOE o seu principal obxectivo de cara á investidura de Pedro Sánchez, a abstención de ERC, avalada na tarde deste xoves polo máximo órgano entre congresos da formación catalá, a un día de comezar o debate este sábado as miradas vólvense aos partidos con representación minoritaria no Congreso. Os votos dun ou dous deputados poden decidir se, descartada a investidura por maioría absoluta na primeira votación do domingo, na segunda do martes Sánchez logra máis votos a favor que en contra. E aí segue a ser unha incógnita a posición de BNG e Coalición Canaria, cuxo voto podería ser o último que precisa Sánchez, mesmo cunha abstención, para lograr a investidura.

Na decisión que tomen BNG e Coalición Canaria pesará o feito de que a outra formación pode ser a decisiva para a investidura mentres que a negativa propia pode tornar en irrelevante

Sánchez xa logrou comprometer o apoio de PNV, Más País-Compromís, Nueva Canaria e Teruel Existe, ao tempo que o seu acordo para a abstención de ERC, cunha mesa de negociación entre os gobernos central e catalán cuxas conclusións se someterán a consulta en Catalunya, provocou que perdese o respaldo que antes lle daban o rexionalistas cántabros de Revilla. Tras estes movementos, e á espera tamén de que a militancia de Bildu ratifique a abstención da formación vasca, para que a investidura de Sánchez triunfe na segunda votación do martes é precisa a abstención de BNG ou Coalición Canaria, formacións cuxas direccións se reúnen este venres para decidir o resultado do seu voto. Na decisión que tomen pesará o feito de que a outra formación pode ser a decisiva para a investidura mentres que a negativa propia pode tornar en irrelevante. 

A transferencia da AP-9 a Galicia, solucións á crise industrial ou a mellora da rede ferroviaria interior son algunhas das áreas que os nacionalistas puxeron sobre a mesa á espera dunha resposta dos socialistas

De portas para fóra o BNG asegura que aínda non ten decidido o seu voto, que se debatiría entre o non e a abstención, que bastaría para a investidura de Sánchez. Unha decisión que se producirá a poucos meses das eleccións galegas nas que tanto nacionalistas como socialistas dan por descontado que o acordo entre ambas formacións sería imprescindible para conformar un goberno alternativo ao de Feijóo. 

O BNG leva semanas, desde poucas horas despois das eleccións do 10 de novembro, insistindo en que o corpo lle pide contribuír ao desbloqueo do Goberno no Estado, pero que precisa algún tipo de compromiso explícito con Galicia. Así o salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, e así o volveu repetir o martes o deputado no Congreso, Néstor Rego. A transferencia da AP-9 a Galicia, solucións á crise industrial ou a mellora da rede ferroviaria interior son algunhas das áreas que os nacionalistas puxeron sobre a mesa á espera dunha resposta dos socialistas.

Porén, malia que este venres son as reunións das direccións de BNG e Coalición Canaria, a votación na que a súa postura será determinante non se producirá ata o martes.

Gonzalo Caballero e Ana Pontón conversan de xeito distendido en Bruxelas nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.