“Non nos valen boas intencións políticas, queremos saber que medidas se van aplicar e cando se van aplicar”, di o deputado no Congreso, Néstor Rego
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, compareceu este martes en rolda de prensa para avaliar a situación política tras a presentación por parte de PSOE e Unidas Podemos do seu programa de goberno, o desbloqueo das negociacións con ERC e a fixación para a próxima fin de semana da sesión de investidura de Pedro Sánchez, cunha primeira votación o domingo 5 e unha segunda, se non logra maioría absoluta na primeira, o martes7. O nacionalista non desvelou que votará nesa sesión, decisión que pode ser clave para a investidura de Sánchez, e instou aos socialistas a concretar os seus compromisos con Galicia.
“É o Partido Socialista quen ten que decidir se quere que haxa un acordo co BNG ou non se quere comprometerse realmente con este país”
Rego di que o voto favorable do BNG estará condicionado ao compromiso que se mostre por parte do grupo socialista ás urxencias de Galicia. De non chegarse a un acordo cos socialistas antes das votacións da próxima fin de semana, indicou, será “a dirección do BNG” a que decida o sentido do seu voto.
“É o Partido Socialista quen ten que decidir se quere que haxa un acordo co BNG ou non [...] se quere comprometerse realmente con este país”. Os nacionalistas din que non dan por finalizadas as conversas, pero demandan concreción en canto as medidas e os prazos de execución da “Axenda Galega” que se puxeron sobre a mesa. Rego recalca: “Non nos valen boas intencións políticas, queremos saber que medidas se van aplicar e cando se van aplicar”. O nacionalista asegurou tamén que neste mes e medio, dende que o BNG volveu ao Congreso, “falouse máis de Galiza, dos seus problemas e das solucións que precisa, que nos últimos catro anos”.