A Avogacía do Estado pide ao Supremo que permita a Oriol Junqueras saír da cadea para cumprir cos trámites para adquirir a condición de eurodeputado. Nun escrito dirixido á Sala do Penal do Tribunal Supremo, reclamou que se estime o recurso de súplica interposto contra a decisión do Supremo de non concederlle un permiso penal para cumprir co trámite de presentarse ante a Xunta Electoral Central para adquirir a condición plena de europarlamentario, aínda que reclama tamén aos maxistrados españolis que reclamen "o máis axiña posible" á Eurocámara que suspenda a inmunidade do líder de ERC.
Xa que logo, o informe mantén que Oriol Junqueras debería poder exercer de eurodeputado mentres non se lle retire a inmunidade da que goza.
A Avogacía do Estado recoñece que Junqueras debe exercer como eurodeputado mentres goce da inmunidade
É Rosa María Seoane, a avogada que participou no xuízo do procés en representación do Estado, quen asina un escrito no que os servizos xurídicos do Estado recomendan permitir a Junqueras o cumprimento da súa misión parlamentaria de xeito compatible co cumprimento da sentenza do procés, á que Avogacía outorga total validez por ser ditada "con estrita observancia das normas esenciais do proceso penal" e no que pide evitar en todo caso a "fuga" do ex-vicepresident da Generalitat.
O escrito advirte de que a inmunidade a Junqueras é unha decisión "novidosa e complexa" do Tribunal de Xustiza da UE (TXUE) porque non só permite que Junqueras tome posesión, senón que implica tamén "o desempeño da súa función representantiva en tanto manteña o seu estatus parlamentario".
A Avogacía do Estado avala, xa que logo, tanto o xuízo como a sentenza do procés e entende que a inmunidade recoñecida a Junqueras non implicaba "a necesidade de suspender o procedemento penal" contra o líder soberanista. "Nada impediría que se ditase sentenza na causa principal", di o escrito, no que aclara que o político catalán "mantén a súa inmunidade como membro proclamado oficialmente electo do Parlamento Europeo" e que a acción do Supremo, ata que se suspenda a súa inmunidade, "non debe limitarse a permitir ou non unhas concretas formalidades".
O informe reclama que se asegure "a liberdade de movementos" de Junqueras para exercer de eurodeputado e ao tempo que se evite a súa fuga
Para a Avogacía, o Supremo debe asegurar que "a liberdade de movementos que no seu caso poida requirir o exercicio das inmunidades recoñecidas non poida dar lugar á fuga do penado e á correspondente frustración do dereito fundamental ao cumprimento das sentenzas antes sinalado".
O escrito era agardado desde hai días tamén no ámbito da negociación política ao asegurar ERC que esperaba este informe da Avogacía do Estado para pechar co PSOE o acordo para a investidura de Pedro Sánchez.
O pasado mes de xuño, a avogada do Estado, Rosa Seoane, xa se amosara a favor de que Oriol Junqueras puidese saír da cadea para prometer o seu cargo pero en contra de recoñecer a protección da súa inmunidade.