O Código Penal contempla ata quince anos de cadea para quen "se alce publica e tumultuariamente para impedir, pola forza ou fóra das vías legais, a aplicación das leis ou a calquera autoridade, corporación oficial ou funcionario público, o lexítimo exercicio das súas funcións ou o cumprimento dos seus acordos ou das resolucións administrativas ou xudiciais". Así é como fica definido o delito de sedición, polo que veñen de ser condenados nove dos doce líderes independentistas cataláns xulgados polo Tribunal Supremo nunha sentenza que, alén do caso concreto de Catalunya, semella bosquexar novas restricións para as protestas cidadás en xeral.
Para subliñar que os líderes políticos e sociais condenados cometeron sedición, o tribunal detense en momentos concretos de mobilizacións como as do 1 de outubro de 2017 nos locais habilitados como colexios electorais do referendo prohibido polo Tribunal Constitucional. "Os contornos do delito de sedición", di a sentenza, "quedan cubertos cando do simple requirimento a quen permanecían aglomerados e compactados se pasa ao necesario intento de anular a súa oposición" ou "cando os axentes teñen que claudicar e desistir de cumpriren a orde xudicial" por mor dunha "constatada actitude de rebeldía" dun "conglomerado de persoas en clara superioridade numérica".
O Supremo considera que a "resistencia" para frear a actuación policial nos locais habilitados para votar o 1-O xa é "por si soa apta e idónea" para que exista un delito de sedición
O Supremo considera que mesmo no caso de non existir violencia -di parafraseando á defensa de Jordi Cuixart, condenado a 9 anos de prisión pola súa participación nas protestas como presidente de Ómnium Cultural-, a "resistencia" promovida para frear a actuación policial nos colexios xa é "por si soa apta e idónea" para que exista un delito de sedición. É neste punto onde o Supremo describe un camiño que vai alén dos feitos en Catalunya. "O dereito á protesta -di a sentenza- non pode mutar nun exótico dereito ao impedimento físico aos axentes da autoridade a dar cumprimento a un mandato xudicial", e menos se se produce de forma "xeneralizada" nun territorio como toda unha comunidade autónoma, sinala.
Para o Supremo, insto non foi o mesmo unha "oposición puntual e singularizada" , senón un "levantamento multitudinario, xeneralizado e proxectado de forma estratéxica" e por iso é sedición. Esta interpretación da lei é especialmente relevante para as condenas de Cuixart e mais de Jordi Sànchez, que na altura presidía a Assemblea Nacional Catalana. Porque ambos son acusados na sentenza de "alentar os cidadáns a través de mensaxes en Twitter e nos medios de comunicación" a "ocupar os centros de votación" ou "acudir masivamente a votar", subliña.
O Supremo di concordar con que é "perfectamente lexítimo" protestar fronte a unha decisión xudicial, pero deixa de selo cando esa protesta "provoca un levantamento popular", do que acusa entre outros a Sànchez e Cuixart
Esta tese acrecéntaa o propio Supremo advertindo de que, ao contrario do alegado pola defensa de Cuixart durante o xuízo, "non é suficiente invocar o exercicio dun dereito fundamental" como "protesta, asociación, manifestación ou expresión" para "neutralizar a aplicación do Código Penal". Se ben o tribunal considera "perfectamente lexítimo discrepar" das resolucións xudiciais como as encamiñadas a deter o referendo e mesmo "protestar e alentar a outros a protestar fronte a elas", esa "lexitimidade (...) cesa cando, sexa cal sexa a intensidade das propias conviccións (...) o que provoca é un levantamento popular que busca (...) a rebeldía fronte a concretos pronunciamentos xudiciais".
A sentenza considera que a desobediencia civil tornou en "tumultuaria, colectiva e acompañada de resistencia ou forza" e por iso foi sedición; quen opta por ela debe "asumir as consecuencias", proclama
Quen opta pola "desobediencia civil", proclama a sentenza, debe "asumir as consecuencias da súa desobediencia" e "se o ordenamento liga unhas consecuencias penais a esa conduta", deben tamén ser "aceptadas" como "forma de reivindicar o valor das súas conviccións". É por iso que rexeitan a petición de absolución de Cuixart. "Existiu unha desobediencia penalmente típica" e como foi "tumultuaria, colectiva e acompañada de resistencia ou forza", converteuse en sedición. E ao que fora líder de Ómnium, conclúe, non lle queda outra que "asumir o castigo en virtude da lei penal que violou para poñer así en valor a intensidade da súa discrepancia fronte á orde legal".
Por afirmacións coma estas, algunhas das primeiras análises xurídicas da sentenza divulgadas en medios de comunicación e redes sociais durante o pasado luns -caso por exemplo da formulada por José Luis Martí, profesor de Dereito da Universitat Pompeu Fabra, ou do maxistrado Joaquim Bosch- advirten nesta sentenza procedente do Supremo unha primeira base xurisprudencial para futuros recortes do dereito á protesta cidadá.