O aval do Tribunal da UE á amnistía remata tres anos de inéditas manobras xudiciais contra unha lei

O presidente do TXUE, Koen Lenaerts, explicando o fallo sobre a amnistía © TXUE

A sentenza sostén que non afecta aos intereses financeiros da Unión Europea nin á súa directiva sobre terrorismo e abre as portas á volta de Puigdemont

A amnistía non afecta aos intereses financeiros da Unión Europea. Tampouco contravén a súa directiva sobre terrorismo. E foi aprobada coa finalidade de superar un contexto de enorme conflitividade institucional e política en España. Con eses tres contundentes argumentos o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) acabou este xoves con dous anos de manobras insólitas dunha parte da xustiza penal española (incluída a súa cúpula, o Tribunal Supremo) en contra dunha lei orgánica aprobada segundo o procedemento previsto na Constitución e cuxo encaixe na norma fundamental foi avalado en xuño de 2025 polo Tribunal Constitucional (TC). A resolución facilita a volta do expresidente catalán Carles Puigdemont, pero non será inmediata. Terá que esperar a que o órgano de garantías decida sobre o seu recurso de amparo e o do resto de dirixentes cataláns aos que o Supremo se negou a aplicar unha norma deseñada para eles.

"Os primeiros que deberían tomar nota son os maxistrados do Supremo, que son os que teñen paralizada a aplicación da amnistía a sete dirixentes políticos, desde hai dous anos. A nosa función principal non é a aplicación da lei ao caso concreto, que lle corresponde á xurisdición ordinaria, senón avaliar a súa constitucionalidade. E sobre iso xa ditamos 19 sentenzas, nun ano, entre recursos e cuestións de inconstitucionalidade", explican a infoLibre fontes do sector progresista do Constitucional. 

Sede do Tribunal de Xustiza da UE, en Luxemburgo © TXUE

"Tamén deberían tomar nota os autores dos votos particulares nas nosas vinte sentencias", é dicir, os membros da minoría conservadora. "Foron uns votos moi agresivos, alegando insistentemente unha vulneración do dereito europeo inexistente, como agora quedou demostrado", engaden esas mesmas fortes, que lembran "as desmesuradas críticas internas e externas" ás que estivo sometido o tribunal desde que declarou a constitucionalidade do groso da lei en xuño de 2025.

A primeira revolta contra a norma que permitiu o pacto que deu orixe á lexislatura non se produciu nos tribunais, senón na fiscalía. Os fiscais do procés, Javier Zaragoza, Fidel Cadena, Consuelo Madrigal e Jaime Moreno, negáronse a reclamar ao Supremo que se amnistiara o delito de malversación polo que Puidemont e os exconsellers Toni Comín e Lluís Puig foron procesados e polo que foron condenados Oriol Junqueras, Raül Romeva, Dolors Bassa e Jordi Turull. 

O motivo? Que os membros do goberno da Generalitat actuarían con "propósito de enriquecemento", ao desviar fondos para a celebración do referendo independentista, polo que sería un delito de corrupción non amnistiable segundo a propia lei. Os catro fiscais terminaron apartados despois de que a Xunta de Fiscais de Sala dese a razón ao entón fiscal xeral, Álvaro García Ortiz, por unha marxe moi estreita. O xefe da Fiscalía sostiña que ese ánimo de lucro non existiu, e que así se sostivo na sentenza pola que foron condenados.

O Tribunal Constitucional xa avalou en dúas ocasións o encaixe da lei de amnistía na Constitución, ante resolucións do Supremo

A tese avanzada polos fiscais do procés, e que foi corrixida polo fiscal xeral, impúxose, con todo, na Sala do Penal do Tribunal Supremo. Tamén foi a que adoptou o instrutor do procés, o maxistrado Pablo Llarena, que se negou a levantar a orde de busca e captura contra Puigdemont e os outros dous dirixentes fuxidos, Comín e Puig. A pesar de que toda España puido comprobar o que pretendía o Executivo de Pedro Sánchez e os grupos que o apoiaron ao aprobar esa norma, pese ao texto da exposición de motivos da propia lei e á literalidade do seu articulado, o Alto Tribunal, nunha sincronización argumentativa sen precedentes dos catro fiscais díscolos co instrutor Llarena, negouse a aplicala creando unha ficción: que o diñeiro malversado que servira para financiar o procés enriquecera aos dirixentes cataláns procesados e condenados. O autor da resolución foi o conservador Manuel Marchena.

O Alto Tribunal tamén levou a amnistía ao Constitucional ao considerala "arbitraria" e "discriminatoria". A cuestión de inconstitucionalidade, redactada polo maxistrado Leopoldo Puente, incluíu termos moi grosos. Dun lado, cualificaba de "golpistas" aos líderes soberanistas condenados e procesados. "A norma cuestionada repugna ao dereito constitucional, á igualdade ante a lei, resultando totalmente arbitrarias as razóns que se aducen para xustificar o tratamento claramente discriminatorio que a norma impón", escribiu Puente. "Os membros desta sala non albergamos dúbida algunha acerca da inconstitucionalidade da norma", engadiu. O Constitucional corrixiu esa "absoluta convicción" do Alto Tribunal e volveu avalar o encaixe da lei na Constitución, como fixera ao resolver o recurso de inconstitucionalidade presentado polo PP.

Fotografía de arquivo de Carles Puigdemont mentres foi president da Generalitat de Catalunya © Rubén Moreno / Govern da Generalitat

O activismo xudicial contra a amnistía tamén foi alentado desde as tres asociacións conservadoras da xudicatura –a maioritaria Asociación Profesional de la Magistratura, a Francisco de Vitoria e o Foro Judicial Independiente–, as máis representadas no seu conxunto, que sinalaron a iniciativa gobernamental do perdón como un ataque á separación de poderes, iniciando un ciclo de conflitividade frontal co Executivo. 

A ultraconservadora Plataforma Cívica para la Independencia Judicial, da que forman parte maxistrados como Eloy Velasco (Audiencia Nacional), o xuíz do Mercantil de Madrid Manuel Ruiz de Lara (expedientado polos seus exabruptos contra o Goberno de España e outras institucións) ou Jesús Villegas, famoso polas súas intervencións mediáticas mostrando sempre a súa oposición ao Executivo, enviou a través do correo do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) formularios a todos os xulgados e tribunais penais para a formulación de cuestións de inconstitucionalidade ante o TC ou de cuestións prexudiciais ante o TXUE.

O retorno de Puigdemont

A resolución de Luxemburgo, como as previas do Constitucional, supón un correctivo importante a todas estas teses tan estendidas na xudicatura española. Pero o aval do TXUE non permitirá o retorno inmediato a España do expresident fuxido. Previamente, o Constitucional deberá pronunciarse sobre os recursos de amparo de todos os dirixentes condenados e procesados que, case con total seguridade, estimará na súa totalidade. Esas resolucións, que previsiblemente anularán a negativa do Supremo a aplicar a lei apreciando a vulneración polo Alto Tribunal dunha garantía tan básica como o dereito fundamental á legalidade penal, non chegarán ata o próximo outubro, segundo fontes do tribunal de garantías.

O aval do TXUE non permitirá o retorno inmediato do expresident, que precisa do pronunciamento do Constitucional sobre os recursos de amparo de todos os dirixentes condenados e procesados neste caso

O plan establecido por este último é abordar, en primeiro lugar, os recursos dos dirixentes condenados –Junqueras, Romeva, Bassa e Turull– para xerar unha doutrina que sexa aplicable aos procesados fuxidos –Puigdemont, Comín e Puig–. En teoría, só con esas resolucións do Constitucional, no caso máis que probable de que sexan estimatorias, o Alto Tribunal estaría obrigado a desdicirse e aplicar a amnistía tamén aos segundos. 

O artigo 5.1 da Lei Orgánica do Poder Xudicial obriga a todos os xulgados e tribunais a aplicar as leis "segundo os preceptos e principios constitucionais, conforme á interpretación dos mesmos que resulte das resolucións ditadas polo Tribunal Constitucional". "É o Supremo o que, seguindo ese precepto, debería desfacer este agravio", aseguran desde o órgano de garantías.

Só no caso de que non o faga –algo que as fontes consultadas consideran moi probable debido á actitude belixerante contra a lei da maioría dos seus maxistrados– e se mostre inactivo cos procesados, o Constitucional deberá resolver tamén os recursos dos tres fuxidos o que, esta vez si, obrigaría á Sala do Penal a levantar todas as medidas e ordes de busca e captura decretadas contra eles e a arquivar dunha vez por todas a súa investigación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.